‘A Viñeta de Schrödinger’, a curiosidade fai vivir ao gato

A comezos do pasado Agosto comezaron a chegar ás casas dos subscriptores o primeiro número da nova revista do cómic galego, “A Viñeta de Schrödinger” impulsada desta volta por Kiko da Silva, o vigués director tamén da única escola de cómic en Galicia, o Garaxe Hermético. Aproveitouse o entorno do afamado festival “Viñetas desde o Atlántico”, na Coruña, para presentar o proxecto de forma física, coa axuda do director do festival Miguelanxo Prado, colaborador da propia revista.

“A viñeta de Schródinger” é a nova proposta do cómic galego, contado que este se asemexa ao gato, non sabendo se está vivo ou morto. En Galicia hai certa tradición de revistas de cómic, coa xa mítica “Golfiño”, na que colaboraran os propios Kiko da Silva e Miguelanxo Prado, ou tamén co magacín “Galimatías”, onde colaborou xente tan importante coma Emma Ríos.

Estes proxectos dos que falamos acabaron morrendo lentamente ó non alcanzar un público suficiente, a pesares incluso de venderse xunto a xornais do país (La Voz de Galicia no caso do Golfiño, e o Correo Gallego no caso de Galimatías). O proxecto de Kiko da SIlva ten certas similitudes con respecto a estes antecedentes, dirixíndose a un público máis ben xuvenil e misturando novas firmas (algunhas saídas do citado “Garaxe Hermético”) con autores de xa certa traxectoria.

Pero como é a revista? Vendéndose de forma trimestral, temos ata 10 series diferentes, a maioría en capítulos autoconclusivos, que tocan estilos e xéneros ben distintos, para as cales os autores teñen de media 3 páxinas. A base de talento, a maioría concretan o que teñen que contar, facendo un bo traballo.

Os propios Kiko da Silva e Miguelanxo Prado teñen o seu espazo na revista. O director da mesma con “Arquivos Paranormais”, relatos ficcionados de sucesos paranormais reais documentados. O coruñés, pola súa parte, trae o que podemos considerar un poema debuxado, no seu inconfundible estilo, que é o primeiro que lemos na revista, dando un mensaxe de que isto non é algo que só vai dirixido a rapaces.

Escrito en verso, temos “Demos de Area” feito por Aldara e Joan Casaramona, a historia que máis interese me suscitou da revista, perfilando un mundo moi especial en só dúas páxinas e dándonos elementos como para querer saber máis.

Non falta o humor na revista, que ven da man de “Mincha, a aprendiz maldita” de Fernando Llor e Miriam Iglesias, moi simpática e divertida. Fernando Llor fai doblete, e xunto a Zaida Novoa, crean “Heroes Lessons”, facendo comedia no xénero dos superheroes, cun bonito detalle no debuxo aos primeiro cómics deste tipo. Non falta a típica tira cómica, que no la traen Miguel Rojo e Fernando Prado, contándonos as desventuras do gato que da nome a revista, tanto estando morto coma vivo.

Hai unha boa manchea de ciencia ficción, desde un ton máis intimista coa “Estrela Nai” de Fran Bueno (antigo colaborador de Galimatías) ata o ton desenfadado e aventureiro de “Astrocito” de Miguel Porto, ambas historias plantando unha semilliña que nos invita a tentar imaxinar como continuarán. En mundos futuristas sitúanse tamén “Distopías” de Kohell, nunha pequena sátira muda, e “Ratas de Peirao” de Antonio M. Fraga e Víctor Rivas, que crea un interesante mundo misturando elementos do futuro cun ambiente de metade do Século XX, pero que sen chegar aínda a delinear unha trama concreta.

Tamén se incluirá sempre na revista unha entrevista a un autor de cómic, da man de Roberto M. Lamosa, que entrevistou neste primeiro número a Sarah Andersen, a creadora da serie “Sarah’s Scribbles”.

Só o futuro dirá se o “A viñeta de Schrödinger” é unha nova vida dun gato que xa perdeu algunha que outra ou se a curiosidade por saber se en 2018 funciona en Galicia unha revista de cómic mata ao gato. De momento podedes ir aos quioscos ou suscribirvos aquí para darlle un pouco de ánimo ao michiño.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.