‘Bela Morte’, unha fábula sobre o ciclo da vida

Ano
2012-2020
Editorial
Image Comics
Idioma orixinal
Inglés
Our Score
4.5

Tendo recente a nova de que o filme galego “O que Arde” (Óliver Laxe, 2019) entra a terma de precandidatos ao Óscar, é un bo momento para rememorar que neste ano a cultura galega xa gañou o máximo premio internacional nunha disciplina artística destacada, o cómic, a través do traballo da debuxante arousana Emma Ríos no cómic “Bela Morte”, concretamente, vencendo nos Premios Einser, no apartado á “Mellor Portadista”.

Bela Morte” é unha serie de cómic con guión da afamada Kelly Sue DeConnick e as ilustracións de Emma Ríos, que actualmente contra con 3 tomos ou historias separadas, que son autoconclusivas pero que comparten universo, liña argumental e personaxes. A súa primeira edición retrotráenos ata o 2012, así que xa leva tempo con nós, e cómpre destacar que se espera que estas dúas autoras tan prolíficas sigan a traballar nela. 

A historia central preséntasenos como unha fábula, onde cada episodio é precedido por un diálogo entre unha bolboreta e un coello morto, que nos antecede unha narración na que un amplo abano de personaxes van compoñendo unha trama que se centra en desenvolver un mundo que ten coma base a nosa realidade, pero no que se configura unha cosmogonía de seres máxicos, onde cobran protagonismo varias deidades humanizadas que se articulan arredor da idea (e personificación) da “Morte”, e do propio acto de morrer, onde as almas son tomadas e acompañadas por unha serie de espíritus denominados “segadores”, que teñen as súas propias intrarelacións.

A trama é protagonizada maioritariamente por mulleres e xente racializada. As historias, aínda que cambian os protagonistas en cada tomo (estando relacionados entre si) soen ter un desenvolvemento similar. Os personaxes teñen un recorrido de autodescubremento, á vez que se atopan atrapados en loitas superiores a eles, protagonizadas por estas especies de Deuses, trifulcas que integran os tres tomos.

O ton é escuro, dramático, pero non cargante, con numerosos momentos de acción, que se exploran en xéneros, temas e ambientacións moi diversas. A trama do primeiro tomointegra western do Afastado Oeste, que explora temas coma a morte, o cambio e a evolución. O segundo entra no xénero bélico, atopándonos nunhas trincheiras da Segunda Guerra Mundial, e á vez que se nos clarifica esta cosmogonía tan especial, reflexiónase sobre a relación entre a guerra e o ciclo da vida. Nesta última historia premiada, a historia móvese a Hollywood, convertíndose nun thiller negro, cun desenvolvemento máis lineal onde se traballan a fame e a sede como símbolos da fama, relacionándoos co perdón e a redención.

O apartado no que destaca Emma Ríos é quizais a parte máis orixinal da historia (aínda que a pátina de personaxes tamén o é), xa que tanto a representación do mundo como o deseño de personaxes son especialmente potentes, imaxinativos e atractivos, de maneira que se pode rascuñar o carácter de cada un polos seus xestos ou vestimentas. Por suposto, as ilustracións manteñen ese ton fabulesco, moi evocador e case bucólico, pero sempre con certos detalles macabros que acompañan a narrativa. Este estilo de fantasía misturada con entornos mundanos recoñecibles podémolo ver nas propias portadas premiadas. 

Non só os debuxos por si teñen un magnifíco traballo detrás, senón que a súa configuración dentro da linguaxe do cómic é moi interesante, transgredindo o deseño de páxinas tradicionais, xustapoñendo e fusionando os fondos coas viñetas, marcando o tempo da historia coa división destas, que en moitas ocasións son articuladas de forma orgánica polos propios elementos da historia. En certas páxinas incluso se abandona a estrutura clásica completamente, e apenas se diferencian viñetas, de maneira que a dirección da lectura é ata complexa de seguir, requerindo un traballo de atención do lector maior do habitual. 

Nas esceas de máis acción, os trazos misturánse nun éter no que se confunden os movementos dos personaxes, transmitindo máis o sentimento do que está a pasar que aclarando o que está a pasar. No segundo tomo tamén se exploran diversos puntos de vista moi orixinais (dentro dunha máscara de gas, por exemplo), e no terceiro varía o estilo xeral do debuxo en certos momentos cara unha dirección máis “cartoon”.

O uso da cor é de vital importancia, misturando momentos de grandes contrastes con outros onde a complementariedade de tons crea ambientes líricos ou tétricos segundo toque. No segundo tomo, onde se desenvolve unha guerra, a cor verde do gas venenoso pelexa continuamente co ton vermello da sangue, dos nazis e do antagonista. No último tomo imítase ao cine negro, cobrando protagonismo os xogos de sombras e a gama de grises, que se contrastan cunha serie de flashbacks de cores vivos en forma de pequenas metahistorias que articulan a narración.

Emma Ríos xa leva moitos anos de proxección internacional, traballando nas editorias máis afamadas a nivel mundial, e nesta última época, triunfando con proxectos máis persoais como o é “Mirror”, onde probou coma guionista, e este “Bela Morte” co que volveu a levar a Galicia aos galardóns Eisner, xa que o pai do panorama galego, Miguelanxo Prado, gañárao en 2004 pola súa contribución a antoloxía de Sandman, “Endless Nights”. O traballo da arousana foi sempre inspirador, orixinal e fermoso, e agora a súa carreira esgrime un galardón que presentar coma proba para estas gabanzas.

Reader Rating0 Votes
4.5
Estado
Finalizado
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.