Do íntimo e doméstico: Illa Decepción de Berta Dávila

Ano
2021
Editorial
Galaxia
Idioma
Galego
Our Score
3

Cando xorde unha nova oportunidade para falar da escrita de Berta Dávila, unha teme caer na repetición e na insistencia, pois hai cousas que xa son evidentes e que para as que non se precisan máis argumentos. Que Berta Dávila é unha das escritoras máis interesantes e talentosas da literatura galega actual é xa unha verdade incontestable. Como bo revulsivo interior, a súa prosa xera sempre unha reacción e induce a unha fonda introspección emocional.

Dávila domina o relato autoficcional coma poucas autoras e todas as súas obras logran chegar e tocar ao lectorado. Ler a Berta Dávila redunda sempre nun exercicio de observación e recoñecemento do propio estado mental, sen que caiba a posibilidade da indiferenza ante un estilo narrativo cada vez máis depurado e traballado.

Dito todo isto, non debería sorprender a ninguén que a súa nova novela, Illa Decepción sexa unha nova proba irrefutable da súa vigorosa pericia narrativa. E, en efecto, estamos ante unha obra na que se exhibe unha vez máis o seu indubidable talento literario, talento polo que, non en van, obtivo o XIV Premio de Narrativa Breve Repsol en 2020. Porén, non é menos certo que, ante a evolución da súa traxectoria (que sigo con moita atención), se incrementan as posibilidades de establecer comparacións, sempre odiosas e pode que inxustas.

Illa Decepción é unha boa novela e parece existir un consenso xeralizado arredor deste xuízo. Algunhas das mellores e máis significativas pasaxes que Dávila deu en escribir habitan nas súas páxinas e a súa arquitectura narrativa edifica, coma sempre, unha narración intelixente e intensa. A autora intercala na obra dous grandes bloques narrativos aparentemente opostos pero estreitamente unidos pola idea do doméstico e da intimidade recollida entre as paredes do fogar: Algunhas casas e Illa Decepción.

A escolla dunha exposición non lineal é todo un acerto e en ambos tramos narrativos se exploran as múltiples acepcións emocionais que se lles confiren ás casas, dende a interpelación á nostalxia das vivencias da infancia ou o abraio polas resignificacións que lle outorgan outras ocupantes ás vivendas ata a reinterpretación actual do espazo doméstico propiciada pola pandemia do coronavirus. Este último motivo, cuxa inclusión na trama podería sospeitarse forzada e oportunista, é impecablemente tratado e logra inserirse nun relato practicamente rematado como é Algunhas casas sen que se perda en absoluto o sentido da harmonía narrativa.

Mais, como xa avancei, se unha se achega con asiduidade ás propostas de Berta Dávila non pode evitar a confrontación entre as mesmas. O seu estilo íntimo, afanado na busca da profundidade psicolóxica e na captura case fotográfica do plano anímico do individuo, atravesa a práctica totalidade da súa produción literaria, manifestándose dun xeito moi obvio nas súas obras narrativas. Tanto O derradeiro libro de Emma Olsen como Carrusel inciden sobre estes aspectos no marco dunha brillante composición e, malia que Illa Decepción tamén nos agasalla intres de verdadeira mestría, non acaba de superar no seu conxunto o que, para min, segue sendo o cénit da súa suxestiva carreira literaria, Carrusel.

Consciente son do controvertida que pode ser esta consideración e de que ningunha necesidade podería haber de achar parangóns onde probablemente non houbese vontade de que existisen, especialmente para todas as lectoras que recalaron nesta illa con todo o pracer e con todo o entusiasmo que hoxe comparto parcialmente. As miñas persoalísimas preferencias non tratan de deslucir a indiscutible calidade do texto nin a súa moi merecida repercusión, mais si creo preciso recoñecer que o abraio e a conmoción provocadas no seu momento pola lectura de Carrusel acudiron a min nesta ocasión cunha minguada magnitude.

Non por isto deixo de recomendar que se navegue cara esta Illa Decepción na que Berta Dávila ofrece unha nova oportunidade para achegármonos á súa voz e aos seus mundos, sempre curiosos e orixinais, sempre en movemento e sempre concretados nun discurso atractivo e evocador.

Reader Rating2 Votes
3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.