Eloxio das letras cativas: cinco propostas de literatura infantil que desmenten a súa suposta trivialidade

Non é infrecuente que trate de evitar a intromisión en certas polémicas que amplifican os ruxidos e hipertrofian os egos, mais de cando en vez a interpelación acaba sentíndose dun xeito tan directo que resulta imposible non involucrarse, especialmente cando subxace un máis que notable fondo de razón.

Unha das últimas grandes controversias ilustradas en redes xirou arredor da literatura para a rapazada e de como se constrúe para atraer ás lectoras máis novas. A faísca que prendeu este incendio insospeitado foi alimentada por unha das voces máis experimentadas no oficio das publicacións de masas e que, por algunha razón, asumiu a cota de prestixio literario e social que se considera suficiente para infravalorar outras pólas da profesión das letras, neste caso, a literatura feita especificamente para as crianzas.

Esta literatura, tan transcendental por levar implícita a formación do novo lectorado, adoita ser vista inxustificadamente como un asunto menor ou unha tarefa satélite que non debería distraer ás autoras do “importante”: a creación literaria para a xente adulta. E, no caso de que as autoras ocupadas neste traballo primordial abracen por un intre a creación literaria para a cativada, esta debe executarse dunha forma diferente e significativa, concibindo unhas letras infantís afanadas en elevarse sobre as súas temáticas inxenuas e insubstanciais. E, por suposto, este é un traballo que pode resolverse sen maiores problemas nun moi curto espazo de tempo e o máis probable é que a súa dedicación non chegue nin a unha hora.

Con esta premisa (que xa adianto falaz) na man, a voz experimentada e prestixiada antes aludida decidiu que era unha magnífica idea coordinar unha colección de libros infantís escritos por outras voces amigas, tamén experimentadas e prestixiadas, que teñen a xenerosidade esporádica de “rebaixarse” ao terreo da literatura infantil para “dignificala” e “ennobrecela”. O abuso das comiñas na última parte da frase non é un exceso estilístico baleiro de contido, está feito con toda a intención, pois as preguntas que se fixeron unhas poucas persoas foron máis ou menos estas: por que a literatura infantil merece tan baixa consideración para algunha xente? Que é exactamente o que hai que dignificar nas letras para a rapazada? Non existe unha boa literatura, de calidade e perfectamente configurada para o seu público obxectivo, pensada para as máis cativas? En serio hai que minimizar deste xeito a literatura infantil para logo proclamar que necesita ser “salvada” por figuras autorais que “realmente saben o que fan”?

O debate segue aí, aínda que me aledou moito saber que unha abrumadora maioría rexeita terminantemente estas teses e defende a necesidade, a utilidade, a calidade e a arte dunha literatura infantil que contribuíu de xeito decisivo a formar o seu gusto lector e literario. E aledoume aínda máis comprobar que moitas adultas defenden o consumo de literatura infantil unha vez acadada esa idade na que nos obstinamos en ver un sombreiro onde en realidade se debuxou unha serpe devorando un elefante.

Podería citar moitas obras pensadas para a cativada que me entretiveron, divertiron ou conmoveron tanto ou máis que algunhas obras para a xente adulta. Mais, nesta ocasión, centrareime nalgunhas mostras recentes das nosas letras que rebaten claramente o argumentario tan reducionista e inicuo dalgúns e que poderían ser as “culpables” de que calquera crianza remate por amar a lectura, sen necesidade de tutelas nin supervisións de “mentes expertas que realmente saben o que é a literatura” pero que en realidade ignoran a cantidade, variedade e excelencia da literatura infantil en todas as épocas.

A folla azul

Andrea Maceiras (ilustracións de Sonia García)

Editorial Xerais

A primeira proposta é o último Premio Merlín, un dos galardóns de narrativa infantil máis importantes das nosas letras e que ao longo dos seus trinta e cinco anos de historia recoñeceu as obras de Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Marilar Aleixandre, Antonio García Teijeiro, Ledicia Costas ou Rosa Aneiros, entre outros moitos nomes.

Andrea Maceiras (A Coruña, 1987) era xa unha das autoras máis lidas da literatura infanto-xuvenil en galego cando acadou o triunfo da edición de 2020 con A folla azul, unha novela que nos traslada ao paraíso ameazado da Amazonia a través da ollada da pequena Husu Aké. A cativa, parte da tribo indíxena dos Tacaré, emprende unha loita pola continuidade do ecosistema e do modo de vida do seu pobo simbolizada na busca dunha planta de follas azuladas que, segundo a tradición, salvará as vidas das súas xentes.

A obra de Maceiras amosa un logrado equilibrio entre a iniciación e a perda da inocencia, a aventura e o relato social, compoñendo unha narración moi emotiva con trazos de realismo máxico que persegue a toma de conciencia das lectoras novas arredor de cuestións de importancia capital para o futuro do planeta como, por exemplo, o cambio climático, a protección do medio ambiente ou o entendemento entre distintas identidades culturais.

Soños de Cajamarca

Varias Autorias (ilustracións de Iván R)

Antela Editorial

Neste ano 2021, o selo ourensán Antela deu continuidade ao seu proxecto editorial sostible e solidario coa publicación dun volume no que se reuniron algunhas das máis destacadas voces da nosa literatura infantil e xuvenil co obxectivo de apoiar o traballo da ONG Aulas Abertas nas rexións andinas do Perú. Esta recompilación, que leva por título Soños de Cajamarca, destaca pola súa variedade discursiva e xenérica ao xuntar nun mesmo libro os relatos, as poesías e mesmo os textos dramáticos de grandes nomes das nosas letras cativas coma An Alfaya, Concha Blanco, María Canosa, Antonio M. Fraga, Carlos Labraña, Iria Misa ou Antía Yáñez, entre outros. Ademais, e como xa é habitual nas publicacións desta editora, a obra conta cun coidadísimo deseño, no que destacan as ilustracións de portada de Iván R, e que realza un contido diverso, moi interesante e cuxa lectura resulta amena e agradable.

A mestra corremundos

Arancha Nogueira (ilustracións de Ana Varela)

Cuarto de Inverno

A editora Cuarto de Inverno conta cun catálogo cada vez máis amplo e suxestivo no que destacan algunhas das súas últimas achegas para a rapazada arredor das figuras máis sobresaíntes e, en ocasións, inxustamente esquecidas da nosa literatura. Se As mil vidas de Dorotea reivindicaba o labor como dramaturga de Dorotea Bárcena a través dunha biografía teatral, agora son Pura e Dora Vázquez as voces a celebrar en A mestra corremundos de Arancha Nogueira (Ourense, 1989), un relato tenro e entrañable sobre dúas autoras afoutas e talentosas.

Dora Vázquez asume o peso da narración para falarnos da súa irmá Pura Vázquez (e tamén de si mesma) dende o respecto, a admiración e a sororidade con toda unha vida de logros e dificultades ás costas. A poeta Arancha Nogueira realiza aquí a súa primeira incursión na literatura infantil, dando forma definitiva a unha idea sobre a que levaba tres anos matinando e achegando ás crianzas as traxectorias de Pura e Dora Vázquez dun xeito moi fermoso e expresivo.

Eva, a carteira espacial

Gloria Pavía

Editorial Galaxia

A resolución do primeiro premio de álbum ilustrado Alberte Quiñoi convocado este ano deu unha gran sorpresa e concluíu que o triunfo recalase nunha ilustradora e autora debutante que nunca publicara ningunha obra ata a obtención deste galardón. Gloria Pavía (Santiago de Compostela, 1999) escribe e debuxa a historia de Eva, a carteira espacial, unha cativa que devece por converterse en carteira sideral coma a súa nai e o seu pai e que non tarda en conseguir o seu obxectivo ao serlle encomendada a misión de levar cartas ao pequeno planeta Plutón, ao que as carteiras adultas non son quen de chegar. Deste xeito, Eva pon rumbo a Plutón a través do camiño dos asteroides, preguntando direccións e recollendo misivas en cada planeta que visita, ata facer unha gran descuberta final. Pavía compón así un relato a toda cor nun escenario moi axeitado para o desenvolvemento da súa proposta estética, moi orixinal e atraente para as crianzas.

Contos de así foi

Rudyard Kipling (Tradución de Estela Villar Nogueira

Sushi Books

Para rematar, recomendamos un gran clásico das letras universais que revive en galego da man de Sushi Books e grazas ao traballo de tradución de Estela Villar Nogueira: Rudyard Kipling (1865-1936). O coñecido autor de O libro da selva (tamén traducido á nosa lingua neste mesmo selo editorial) e Premio Nobel de Literatura en 1907 tece en Contos de así foi (publicado por primeira vez en 1902) unha serie de relatos curtos moi imaxinativos e agudos sobre os grandes interrogantes que algunha vez puideron aniñar na curiosidade da rapazada: como conseguiu a balea a súa gorxa, como conseguiu o dromedario a súa xiba, como conseguiu o leopardo as súas manchas, como se inventou o alfabeto… Estas e outras moitas historias son as que emprega Kipling para dar respostas perspicaces e ocorrentes ás preguntas das máis cativas nunha obra capaz de deleitar tamén ao público adulto.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.