Libros para a corentena: ‘Bordados’ de Marjane Satrapi

Malia que os meus coñecementos arredor da novela gráfica son aínda hoxe certamente rudimentarios, ao longo da miña vida conseguín bater cun bo fato de autores e obras que espertaron o meu interese no xénero. Falo de títulos de sobra coñecidos mesmo para as máis profanas na materia como V de Vendetta de Alan Moore e David Lloyd, Notas ao pé de Gaza ou Palestina (ambas de Joe Sacco), Maus de Art Spiegelman, Pyongyang de Guy Delisle ou Contrato con Deus de Will Eisner. As catro últimas mesmo puiden lelas en galego ao estaren traducidas na colección de novela gráfica de Rinoceronte Editora.

Porén, unha das miñas autoras preferidas dentro desta acoutada selección que cómpre seguir ampliando é Marjane Satrapi. A lectura de Persépole, que lin primeiramente na edición castelá de Norma Editorial antes de bater coa tradución galega (tamén do selo Rinoceronte), emocionoume moitísimo. A ollada crítica pero empática de Satrapi descubriume un país, Irán, moi diferente ao que adoita amosarse na pseudoliteratura mediática do noso tempo e, sobre todo, descubriume un país en feminino que nin sequera sospeitaba que existía. Persépole é unha desas obras que hai que ler polo menos unha vez na vida para gozar e, xa de paso, para que che caia a venda dos ollos.

Mais despois de achegarme a Persépole (e á súa soberbia adaptación cinematográfica e á espléndida versión de Eye of the Tiger de Chiara Mastroianni), quixen máis e así devorei Polo con cirolas, os contos infantís O suspiro e Adjar e este Bordados que escollín como recomendación para o período de corentena. Bordados é unha novela gráfica breve, que apenas ocupa unha hora de lectura, pero que sorprende tanto coma todas as anteriores. Satrapi tira de novo das súas propias experiencias persoais pero escalando un chanzo máis na exploración da intimidade e as inquedanzas das mulleres iranianas. A través da distendida conversa de sobremesa que se inicia nunha reunión entre familiares e amigas, descóbresenos o que pensan todas estas mulleres sobre o amor, os homes, o matrimonio ou o sexo. Mentres os seus esposos dormen a sesta, as mulleres “airean o corazón”, como di a avoa da propia Marjane Satrapi, que en Bordados volve ser un personaxe central da historia.

Neste improvisado xineceo ten lugar un simposio liberador para todas estas mulleres que oscila entre o tráxico e o cómico, no que se evidencia unha vez máis que a estereotipada muller iraní nada ten que ver coa muller iraní real, unha muller que tamén posúe soños e ambicións, que é consciente da represión, do machismo e da desigualdade pero que para nada ve as súas ideas encarceradas, unha muller que enfronta entre o estoicismo e a rebeldía unhas tradicións en entredito pero que tamén topa coa explosión da burbulla occidental supostamente emancipadora.

Unha das cousas que máis sorprende (e que máis saca as cores á prexuizosa mentalidade que se autodestrúe en canto le a esta autora) é ver a todas estas mulleres falando abertamente de sexo, empregando a mesma terminoloxía groseira que utilizamos nós en calquera contexto coloquial e cunha falta absoluta de pudor. Nunha sociedade na que a liberación sexual e o pleno goce e dominio sobre propio corpo son un terreo practicamente vedado ás mulleres, estas rompen todos os esquemas e regras establecidas verbalizando os seus desexos e frustracións, achegándose a esta cuestión con naturalidade e sen rubor ningún.

En definitiva, Bordados é unha pequena alfaia, unha novela gráfica que non por cativa de formato deixa de ser enorme no seu contido. Un retrato máis que interesante das vivencias, das ideas e das emocións das mulleres de Irán recreadas por unha autora que admiro e admirarei e que resulta máis que idóneo para facer un pouco máis levadeira e esperanzadora esta corentena.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.