É unha das pioneiras máis destacadas nas nosas letras, en especial no que se refire a literatura infantil e xuvenil. Porén, non era galega de nacemento (sendo natural de Cáceres), senón por decisión persoal. María Victoria Moreno quixo adoptar o galego e integrarse na nosa cultura por unha cuestión case sentimental:
“A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor”
María Victoria Moreno,1993
Escritora, mestra, tradutora e sobre todo defensora da lingua, María Victoria Moreno é a cuarta muller en ser recoñecida no Día das Letras Galegas, nos seus 55 anos de historia). É autora dunha morea de obras, algunhas das cales vou reseñar a continuación.
Mar Adiante (1973)
A súa primeira obra é un dos grandes clásicos da LIX en galego, por ser pioneira en moitos aspectos. Coa premisa dunha mestra que conta como se fixo unha escola nun barco, introdúcense diferentes historias contadas a bordo do Arroás, o nome deste. Contos de mariñeiros e illas, do amor dun vagalume, de lobos e gaivotas, e moito máis.
Leonardo e os fontaneiros (1986)
Considerada pola autora como a súa obra favorita, Leonardo e os fontaneiros está contada en primeira persoa polo rapaz protagonista, Antón, o cal é moi amigo de Leonardo; este é un can da rúa, moi amistoso e confiado. Ao longo dos capítulos que a compoñen, coñecemos ás personaxes e as diferentes aventuras que corren, en ocasións case surrealistas.
Anagnórise (1989)
Posiblemente a súa obra máis coñecida sexa esta historia de amor (ou desamor). O título xa da unha pista do que atoparemos nela; a anagnórise refírese a ese momento da trama no que unha personaxe se decata da verdadeira identidade, súa ou de alguén máis.
Unha sorte de road movie na que o rapaz protagonista, Nicolau, farase amigo de unha misteriosa muller durante o seu traxecto a Madrid en auto-stop. Esta obra pasou xa por máis de 20 edicións, e incluíuse na prestixiosa listaxe de honra do IBBY.
O cataventos (1989)
Este álbum infantil que acaba de recuperar Urco Editora fálanos, a xeito de fábula, dun galo arrogante e ambicioso, e o control que quere exercer no galiñeiro e na granxa. Esta crítica social apta para todos os públicos gañou o recoñecemento do VIII Concurso nacional de contos infantís O Facho.
Eu conto, ti cantas (2005)
Este volume está composto por tres contos en verso, nos que, como fixera anteriormente, volve outorgar aos animais un papel protagonista. Xa non teño medo, Can branco, can negro e Un cachiño de bica son os títulos destas historias que invitan a descubrir os sentimentos e a amizade que poden sentir os demais seres vivos.
Moita obra por descubrir
María Victoria Moreno é autora de moitas obras que me deixo no tinteiro: libros de poesía, narrativa, traducións e colaboracións. Non en van está considerada unha das personalidades máis influentes na promoción da nosa literatura.
Un bo xeito de achegarse á súa obra é a través de O amor e as apalabras, de Urco Editora; unha recompilación de contos da escritora, un dos cales estaba inédito (ata o de agora).