Música e catarse: ‘Instrumental’ de James Rhodes

Ano
2020
Editorial
Rinoceronte Editora
Idioma
Galego
Our Score
3

Pouca xente quedará neste mundo á que non lle soe de nada o nome de James Rhodes (Londres, 1975) ou que non coñeza polo menos en parte a súa inspiradora historia de superación persoal, así como a súa loita para o xusto recoñecemento e reparación das vítimas de abusos sexuais. De feito, a lei recentemente proposta no estado español para a protección da infancia foi denominada “lei Rhodes” debido ao peso da súa figura nesta causa.

Rhodes gañou certa sona como concertista de piano, sendo arestora un gran divulgador da música clásica e tendo unha enorme presenza nas redes sociais, mais o camiño cara o éxito estivo repleto de fochancas para un músico con talento e sensibilidade pero tamén marcado de por vida por unha experiencia traumática. E este é o fío condutor da súa autobiografía, Instrumental, un relato autorreflexivo desprendido de toda mística e que refire con crueza e honestidade os altibaixos dunha idade adulta na que inevitablemente repercute unha infancia esnaquizada. A obra, publicada por primeira vez na súa versión orixinal en 2015, ve agora a luz na nosa lingua da man de Rinoceronte Editora, sendo unha das grandes novidades do selo neste 2020.

Instrumental esixe unha lectura atenta e acougada. Malia o pouso de esperanza que aniña en todos e cada un dos parágrafos dunha narración evidentemente catárquica, son abondosas as pasaxes que destacan pola súa dureza e nada doada dixestión, o cal ralentiza por momentos a achega a cada un dos capítulos. No plano puramente literario, talvez podería ser reprochable certa tendencia ao efectismo mais non é James Rhodes un escritor experimentado no momento de recompoñer a historia da súa vida para partillala co gran público, nin tampouco é o escrupuloso coidado na forma o aspecto máis buscado cando se acode a este tipo de propostas.

O valor de Instrumental reside, como é obvio, no interese que espertan a figura de Rhodes e as penosas circunstancias que tivo que enfrontar ata ser un reputado pianista, e na utilidade da escrita en si mesma para liberar pantasmas e servir de exemplo a outras persoas que poidan estar atravesando idénticas dificultades para superar os seus traumas. E tamén é de apreciar que todo isto se faga recorrendo a unha prosa directa, natural e nada alambicada, que deite no lectorado todas as emocións e impresións dun xeito preciso e nada artificioso, sen sutilezas nin eufemismos de ningún tipo:

Só vou dicir unha cousa: de pequeno violáronme. Ao longo de cinco anos tiven relacións sexuais contra a miña vontade cun home que me triplicaba en tamaño e que me levaba entre trinta e corenta anos de idade, relacións dolorosas, clandestinas, brutais, repetidas centos de veces. Converteume nun obxecto do que tirar partido. E a dor –a dor física, mental, espiritual– deina soportado. O que non che explican é que as secuelas estenden as súas mans frías e tóxicas alén da túa identidade. Instilan a crenza inexpurgable de que todos os nenos viven na infancia os sufrimentos máis abominables e de que nada nin ninguén os pode amparar. De maneira que, con só traer a Jack ao mundo, fixérame cómplice das dores futuribles que sen dúbida ningunha lle estaban deparadas.

Rhodes renuncia a todo artificio tamén naquelas partes da obra máis centradas na arte musical, que o autor reverencia como a vía de escape e salvación que supuxo para el en moitos momentos da súa vida. Instrumental combina o relato das vivencias do seu protagonista cuns agradecidos ensaios, desenfadados e profundamente anticanónicos, sobre as pezas musicais que máis o influíron. Cada capítulo principia cunha destas pequenas disertacións nas que o autor achega os seus coñecementos atendendo a unha premisa fundamental: popularizar a música clásica e deixar de vinculala a elites ou minorías selectas, explicándoa dun xeito peculiar e familiar. Todo serve para fortalecer o papel nada secundario da música no relato, pois esta funciona como alivio para unha lectora extenuada pola empática interiorización do que está a recibir nas páxinas da obra, do mesmo xeito que aliviou as coitas dun autor que sempre se acha a si mesmo camiñando nunha frouxa corda vital.

Pero Instrumental tamén é unha firme declaración de principios e o retrato dun artista comprometido coa súa profesión e as súas problemáticas, motivo polo que non se omite en ningún momento a controversia. De seguro que os máis puristas acharán altamente polémicas as consideracións de Rhodes sobre os máis grandes compositores de todos os tempos (que chega a equiparar coas estrelas do rock da era contemporánea) e xulgarán aínda máis subversivas as súas impresións acerca do mundo profesional e artístico no que se move como pianista (do que refire máis dun tópico que as profanas nesta materia xa sospeitabamos certo):

Aluma aos cegos que hai graves problemas no mundo da música. A perspectiva miope da maioría dos que ocupan os postos de influencia; a negativa infantil, nada principalmente do medo e do conservadorismo, a tratar de chegar a un público máis amplo; a inmobilización desesperada no arquicoñecido malia a evidencia esmagadora de que navegan nun barco que vai a pique; a abominación e inmediata lapidación de calquera que ouse probar cousas novas coa música antiga; e –o máis deprimente de todo– o desexo avarento de reservar unha música fenomenal para si mesmos e para a selecta minoría que, segundo os criterios por eles impostos, constitúe unha audiencia merecedora dela.

O remate de Instrumental provoca unha agradable sensación e a certeza de termos lido unha boa biografía musical, conmovedora e dura pero tamén amena, resolta con corrección, con todo o que se lle pode pedir a unha obra deste tipo e cun atractivo engadido: a posibilidade de ampliar a cultura musical de moitas (entre as que me inclúo). Hai motivos para lela e para profundar na traxectoria de James Rhodes, maxime agora que podemos atopala nos andeis das librarías en galego grazas ao traballo de tradución de Eva Almazán para Rinoceronte Editora. Unha lectura a recomendar.

Reader Rating0 Votes
3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.