‘O colapso territorial en Galiza’: Unha lectura radical da relación dialéctica entre espazo e sociedade

Autor
Xosé Constenla Vega
Ano
2017
Editorial
Galaxia
Our Score
4

Esta monografía adopta a teoría xeral de sistemas para aplicar os conceptos básicos da xeografía radical de David Harvey á análise da delicada situación territorial na que se atopa a Galiza hogano. A adopción deste enfoque teórico permite ao profesor Xosé Constenla Vega abordar a relación dialéctica entre os elementos naturais e sociais que interactúan no territorio, definíndoo.

Xusto ao principio, o autor aclara que os sistemas tenden ao desorde pero “en ocasións, conseguen chegar durante un tempo a unha situación de equilibrio”. Estas situacións de equilibrio funcional derrúbanse ao iniciar un elemento un movemento de polarización, acentuando as súas fortalezas e, ao mesmo tempo, as debilidades dos demais. Isto causa un conflito no sistema e ás anteriores relacións simbióticas substitúenas outras de carácter parasitario. O resultado é a homoxeneización e a redución das relacións, que levan á perda de complexidade do sistema; é dicir, ao seu colapso. Este concepto representa o punto de partida do libro.

Dende esta perspectiva, o autor aclara que o colapso se pode concibir como unha fase que se produce ao xurdir un novo sistema, que comeza a funcionar sen substituír previamente as forzas que operaban no sistema anterior, cuxo empuxe causa o incremento do nivel de entropía do novo sistema (é dicir, a súa tendencia ao desorde). Noutras palabras, o colapso pódese ver como a antítese do estado de equilibrio dun sistema, causada por unha rápida e significativa perda dun nivel establecido de complexidade socio-política e territorial, relacionada co retroceso na estratificación e diferenciación e na especialización económica e ocupacional, entre outras cousas. Constenla defende que esta é a situación da Galiza na actualidade.

O problema central, argumenta o autor, é a natureza do capitalismo como sistema económico baseado na competencia, que ao longo prazo empuxa os elementos de organización interna dun sistema territorial a pecharse e deixar de colaborar, causando a perda do equilibrio funcional do territorio e, por conseguinte, o aumento da entropía, que leva ao colapso do sistema territorial.

Na Galiza, o proceso de deterioración dos elementos do sistema iniciouse coa pasaxe do sistema territorial tradicional ao sistema territorial actual: dun modelo de organización funcional que atribuía a cada elemento unha función de rendibilidade social a unha situación de ausencia de modelo territorial, onde soamente algunhas pezas do sistema territorial (e non o sistema na súa globalidade) posúen relevancia xerárquica para a mobilidade do capital.

O resultado é que o resto dos elementos se abandonaron. Porén, o autor destaca, de xeito convincente, que o nivel de evolución actual fai “practicamente impensábel o feito de retroceder ao tempo dos ‘rumorosos nas costas verdescentes’” (p. 87): a idea da Galiza que aínda perdura no imaxinario caracterízase polo seu anacronismo, describindo algo que xa non existe. Por conseguinte, para superar o actual estado de colapso, ollarmos ao pasado non nos vai axudar, así que cómpre mirarmos cara outra dirección. É dicir, hai que centrarnos no presente e analizar antes que nada a realidade do mundo urbano.

Constenla evidencia que o proxecto urbano precisa de obxectivos que, para teren sentido, deben responder aos intereses da xente que habita a cidade antesde favorecer o fluxo de capitais e mercadorías. Para conseguilo, cada cidade ten que elaborar un modelo propio para harmonizar as necesidades de todos os grupos sociais que habitan no seu seo.

O autor segue a José Manuel Naredo en utilizar o modelo de melanoma realizado polo médico Herm para describir a urbanización difusa hoxe no mundo occidental (e non só): 1) crecemento rápido e incontrolado; 2) indiferenciación das células malignas; 3) metástase en distintos lugares (véxase o colonialismo, noutrora dos estados e hoxe en día das empresas transnacionais); 4) invasión e destrución dos tecidos adxacentes. Isto non é sustentábel: ao longo prazo, o organismo inevitabelmente vai morrer. Hoxe o medio urbano é rico en contradicións e dicotomías, producidas pola concomitancia dos procesos de segregación espacial e polarización social que se reforzan mutuamente. Esta lóxica territorial replícase a distintas escalas, advírtenos Constenla: “…as regras do xogo económico-financeiro reforzan unha orde territorial, despregada tanto a escala global como rexional e local, crecentemente polarizada en núcleos atractores de recursos, capitais e poboación e áreas de abastecemento e vertedura” (p. 129).

Como se sabe, un dos síntomas sobre a cuestión urbana na Galiza, é un profundo desequilibrio territorial: é nas áreas periurbanas das sete principais cidades que se atopa a masa do continxente poboacional galego. Asemade, a poboación escora cara ó literal atlántico e ás cidades, baleirando o resto do país: os dous terzos da poboación ocupan o 6.2% do territorio. Por conseguinte, pódese observar unha concentración en torno ao Eixe Atlántico e o despoboamento do rural. Por outra banda, existen nas cidade galegas motores de concentración de riqueza, pero trátase de sectores como o comercio e a hostelería que non posúen moito valor engadido. Isto significa que a terciarización da economía galega non abonda para paliar o descenso de emprego e facturación debido ao peche de empresas. Asemade, obsérvase a proliferación de empresas que non teñen a súa residencia fiscal na Galiza, a miúdo exenta do IBI.

A maiores, asistimos hoxe á precarización do traballo: obsérvase a proliferación de traballos temporais, a tempo parcial e retribuídos case nada. Ao mesmo tempo, pódense observar problemas relacionados coa pobreza e a desigualdade social; en particular, os altos prezos constitúen barreiras ao aceso ás vivendas. Ata agora, a xestión política da situación en xeral non foi adecuada: as autoridades parecen máis interesadas na creación de espazos para entreter os turistas que na realización de estruturas para satisfacer as necesidades dos cidadáns. 

Constenla evidencia que “a cuestión de que tipo de cidades queremos non pode divorciarse da cuestión de que tipo de persoas queremos ser, que tipo de relacións sociais buscamos, que relacións coa naturaleza mantemos, que estilos de vida desexamos ou que valores estéticos temos” (p. 151). O proxecto urbano, polo tanto, debe de ser participado por todos os axentes sociais e converter a cidadanía en corresponsábel. Nunha palabra, a cidade debe ser inclusiva. Destaca o autor o feito de que a introdución das cuestións espaciais nas axendas políticas chegou dende abaixo, dende as reclamacións de colectivos, asociacións e movementos sociais autoxestionados e escasamente estruturados que actúan respondendo a lóxicas locais. Constenla identifica nestes movementos uns “espazos de esperanza” para a construción de algo novo, o xurdimento de rutas alternativas. Conclúe o autor que estes poden representar un punto de partida cara un sistema máis xusto que substitúa o actual, condenado a caer pola súa propia insustentabilidade.  

Esta monografía, profundamente arraigada na filosofía hegeliana, constitúe sen dúbida unha ferramenta útil para entendermos as rápidas mudanzas que provocaron o colapso do sistema territorial galego nos últimos decenios. O enfoque adoptado polo autor, combinando a visión marxista do materialismo histórico-xeográfico cos instrumentos conceptuais proporcionados pola teoría xeral de sistemas parece, en efecto, fornecer unha interpretación coherente dos fenómenos económicos e sociais que transformaron tan rapidamente o panorama territorial do país, entregándonos unha realidade menos humanizada e menos biodiversa.

Ao recoñecer que o proceso é, contemporaneamente, irreversíbel e insustentábel, o autor axúdanos entender moi claramente porque hoxe precisamos tanto de afastarnos do sistema actual, baseado na competición e no consumo indiscriminado, como da ilusión de poder regresar ao sistema territorial tradicional. No canto disto, temos que procurar unha solución realista e inclusiva que sexa adecuada para responder ás necesidades da poboación no século XXI,  creando condicións materiais de organización territorial caracterizadas por unha calidade e unha coherencia suficientes para garantir estándares de vida mellores á cidadanía.

En xeral, paréceme acertada a lectura da situación proporcionada por Xosé Constenla Vega, realizada coa axuda de poderosas ferramentas teóricas e baseada en evidencia empírica que cruza as fronteiras da xeografía para abarcar o conxunto das ciencias sociais. Creo que non caben moitas dúbidas sobre o feito de que os desequilibrios territoriais que se atopan na Galiza se deben á paulatina pasaxe do sistema tradicional ao sistema actual, que levou inevitabelmente a un aumento considerábel na entropía do sistema debido á persistente actuación de forzas que, mentres ata tempos moi recentes tiñan un papel ben definido no sistema, hoxe xa non figuran como elementos funcionais no aparato territorial galego.

Por outra banda, tampouco me parece discutíbel o feito de que isto se debe á natureza mesma do noso sistema económico que, de ser baseado na acumulación, necesita transformar periodicamente o territorio para garantir os fluxos de capital. Tamén creo que o autor ten razón en afirmar que este sistema, que leva décadas mostrando os seus paradoxos, vai caer nos vindeiros decenios e, polo tanto, necesitamos un cambio de paradigma orientado cara unha xestión inclusiva dos recursos que teña como obxectivo a satisfacción das necesidades da cidadanía no seu conxunto.

Porén, teño que dicir que me deixaron un pouco decepcionado as solucións propostas polo autor a xeito de conclusión do seu libro. Despois dunha análise teórica e empírica tan rigorosa e convincente da actual situación territorial galega, esperaba propostas mais específicas que non simplemente repoñer as esperanzas nos movementos sociais e veciñais. Fique claro, eu tamén creo que estes son moi importantes, mais a súa natureza horizontal pode representar tanto un recurso como unha limitación.

Digamos que esperaba que o autor propuxese algunhas medidas concretas para saír da situación actual de colapso: nótase na monografía unha desproporción entre a descrición e explicación do problema, tanto a nivel global como a nivel local, e a procura activa dunha solución realista. Por outro lado, quizais sexa inxusto ter estas expectativas sobre o libro: é verdade que unha soa persoa, por moi erudita que sexa, non pode ter todas as respostas a un problema tan complexo. Este libro, así como é, xa representa unha achega importante para interpretar unha situación para nada fácil como o actual colapso territorial na Galiza.

En conclusión, eu recomendo a lectura deste texto antes que nada a todas as persoas que estean interesadas tanto na historia da Galiza como na súa actualidade, nas súas múltiples dimensións. Asemade, creo que o libro pode representar un texto interesante para quenquera se interese pola xeografía, economía, historia e socioloxía e para quen queira entender as contradicións que caracterizan o sistema capitalista no cadro das relacións dialécticas entre a sociedade e o espazo. A maiores, creo que o libro representa unha ferramenta importante para inspirar reflexións sobre as principais variábeis políticas e socio-económicas que dalgún xeito condicionan as nosas vidas.

Persoalmente, aconsello integrar a lectura de O colapso territorial en Galiza coa lectura de ensaios máis ideolóxicos e menos académicos como Contra todo isto de Manuel Rivas e Gramsci Is Dead de Richard J.F. Day: creo que a combinación entre estes tres textos de natureza tan diferente, pode representar un punto de partida excelente para comprender as dinámicas que caracterizan a situación na que nos atopamos hoxe e a seria necesidade de construír unha alternativa, ollando tanto á condición propia da Galiza como á situación global. Dedico as derradeiras palabras desta recensión a un problema non nefasto mais bastante serio que atopei no libro: un número considerábel das fontes mencionadas no corpo do texto faltan da bibliografía. Isto, nun texto publicado por unha editorial como Galaxia, non debería pasar.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.