‘Serei feliz mañá’: Un retrato millennial

O libreiro Xacobe Pato publica o seu primeiro libro, unha recompilación dos seus populares diarios de Instagram

Ano
2020
Editorial
Espasa
Idioma orixinal
Castelán
Our Score
3.5

Tódolos domingos dende o verán de 2018, Xacobe Pato sube á súa conta de Instagram (@xpgigirey) o seu diario: textos de extensión variable que recollen vivencias do día a día, lembranzas, reflexións… O que comezou coma un exercicio literario persoal, rematou atraendo a máis de dezaseis mil persoas que o seguen actualmente. E o certo é que ler estas publicacións engancha. É como descubrir que o gracioso de clase, aínda que sexa un tanto animal -como na canción de Loquillo-, no fondo é un sentimental; “sempre disposto para aledarche o día”.

A fórmula funciona ben. Trátase de pequenas historias de lectura rápida e lixeira, que recollen ben a crítica implícita ao concepto da literatura como algo reservado en exclusiva a altivos entendidos, así como coa impaciencia e a présa propia das novas xeracións. Mais este é só un dos motivos polo que o autor retrata aos da súa quinta -os chamados millennials-, de xeito xeral e fondamentándose nos aspectos estereotípicos, nos contrastes entre o de sempre e o novo.

 Un trazo millennial esencial é a omnipresenza da tecnoloxía que tantos cambios introduciu en tódolos ámbitos da vida, incluídas as formas de creación artística e a relación entre escritores e lectores. Resulta moi significativo que o primeiro soporte no que foi publicado o contido do libro fora unha rede social. Tamén cómpre destacar que o protagonista sexa -como é o propio nun diario- o mesmo autor, algo moi millennial tamén. En Serei feliz mañá, Xacobe Pato sácase un selfie con ese egocentrismo, co culto a un mesmo, que tanto se asocia á xente nova. E faino sen ningún complexo.

O diario é un subxénero da autobiografía que existe dende tempos remotos. Malia que hoxe en día non se atope en auxe na industria editorial, si o está na pequena literatura das redes sociais. Porén, tamén conecta coa fascinación polo retro do clixé millennial. O propio Xacobe fai referencia a outros diarios -coma Noites sen durmir, de Elvira Lindo, ou Unha certa idade, de Marcos Ordóñez-, evitando así que algúns lectores puidesen quedar coa sensación de estar fronte a un xénero orixinal.

 O fío condutor é o autor, que pode resultar de cando en vez algo fino de máis. A cronoloxía deste libro non segue unha orde lineal e non tódolos fragmentos diarios están relacionados coa súa vida. Atopamos ao longo das páxinas anacos do seu pasado e vivencias do día a día, pero tamén reflexións -que se poderían equiparar a soliloquios do protagonista narrador-, fantasías hipotéticas ou anécdotas dos achegados do autor.

Polo xeral non trata cuestións íntimas, aínda que si recolle puntualmente aspectos da súa vida privada, coma o dó pola morte da súa avoa ou o amor pola súa parella. Non se inicia cunha data significativa para o relato e remata tamén un día coma outro calquera. Pode semellar ben unha amalgama de textos inconexos, ben un cadro puntillista. Depende dos ollos do que o le; a min gústame Van Gogh.

O non escribir sobre intimidades non quita que Xacobe Pato non afondase no protagonista: en si mesmo. As experiencias pasadas, en especial as da infancia, as aspiracións que se deixan entrever -modestas e afastadas do “todo o que te propoñas”- e os trazos que acentúa con humor a modo de caricatura, son fundamentais para que o autor se trace como un personaxe literario.

As persoas que o rodean teñen tamén un peso importante no contido, o cal supón unha certa responsabilidade xa que teñen vida propia, e el non é o doutor Frankenstein. Algúns amigos e familiares incluso reclaman aparecer no diario (e se esforzan por logralo). Respectar o que se pode contar e o que non é unha liña fundamental para o autor, tal e como el mesmo explica.

Serei feliz mañá é un libro que recomendo ler en privado, para evitar ser xulgado por alguén mentres botas unha risada. Está cheo dun humor moi propio porque, aínda estando escrito en castelán, respira retranca. Tamén rematamos a lectura cun volume inxente de recomendacións culturais, dende libros, series ou filmes, até praias, destinos turísticos, restaurantes e discotecas. Tampouco faltan divagacións sobre o xeito no que Xacobe entende a literatura e, en xeral, a cultura. Non é unha obra que che cambie a vida, pero tampouco ten pretensións de selo. Son páxinas que entreteñen, acompañan e nas que até te acabas de sentir reflictida, conectando co autor.

Reader Rating10 Votes
3.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.