Teatreiras e referentes: ‘As mil vidas de Dorotea’ de Lorena Conde

Ano
2021
Editorial
Cuarto de Invierno
Idioma
Galego
Our Score
4

Cando por fin puiden apalpar un exemplar de As mil vidas de Dorotea, a última creación da escritora Lorena Conde para Cuarto de Inverno, sóubenme reconfortada pola existencia de editoras capaces de facer unha aposta firme pola literatura dramática en galego e, máis aínda, pola literatura dramática en galego para a rapazada, un xénero que non adoita coñecer unha significativa adhesión (xa non digamos un éxito masivo). E o feito de que nesta aposta tamén se recupere e se reivindique a figura da actriz, dramaturga e directora teatral Dorotea Bárcena converte á publicación xa non en necesaria, senón en imprescindible.

Todas as que medramos nos cada vez máis afastados anos 2000 temos unha imaxe de Dorotea Bárcena gravada a lume no maxín: a dunha señora relativamente madura que asomaba cada venres á noite pola pantalla do televisor dando vida ao (noutrora chistoso) arquetipo da sogra rabuda e testana. Poucas sabiamos entón da enormidade do seu polimorfo talento e do seu aínda máis inmenso compromiso co desenvolvemento e consolidación dun xénero, o teatro, a miúdo infravalorado no sistema literario galego. Moitas ficamos pampas cando máis tarde descubrimos a súa versátil achega á dramaturxia galega e moitas pensamos con mágoa na dimensión do referente que nos estabamos a perder.

Nesta peza para a cativada, dividida en tres actos, Conde dramatiza un emotivo percorrido pola traxectoria vital e profesional de Dorotea Bárcena, percorrido trazado dende unha admiración efusiva e sincera e que logra obter do seu retrato o referente literario que debería ter sido e que debe ser de agora en diante. No plano estilístico, acátanse normas e códigos suxeitos a un propósito inequivocamente didáctico, mais isto non reprime a busca da creatividade e dunha serie de fórmulas que consiguen imprimir unha palmaria beleza ao texto.

Así, son especialmente entenrecedores e enxeñosos os diálogos internos que a pequena Doro establece co seu mundo interior, que amosan o espírito teatreiro e imaxinativo da protagonista e que permiten a aparición na escena de personaxes metaficcionais como Otto, Iasmina ou a propia Rosalía de Castro.

Lorena Conde tampouco teme enfrontar ás crianzas con problemáticas que adoitaban ser tabús na educación artística e cultural das máis pequenas, como é o histórico desdén da crítica cara as obras escritas por mulleres, coa consecuente invisibilización que isto ocasionaba ás autoras (de feito, xeracións enteiras chegaron a crer nese mantra tan falaz de que realmente non había mulleres creadoras e/ou inventoras). O propio traballo de edición do texto merece un comentario á parte: tratándose dunha obra singular que rende tributo a unha figura pioneira, o deseño do continente vai en total consonancia co espírito da homenaxe, incorporando un moi atraente apoio visual coas fermosas ilustracións de María Brenn.

As mil vidas de Dorotea é moito máis ca unha síntese lúdica da vida e obra de Dorotea Bárcena, senón que tamén salda parte da incalculable débeda que a cultura galega lle debía a esta dramaturga, pulando pola súa definitiva inclusión no canon dramático galego cunha proposta fresca e atractiva para dala a coñecer entre as xeracións máis novas. Unha proposta que se materializa no molde expresivo máis acaído que hai (cando non o único) para tratar a súa figura, o teatro. Así que, como ben reza a súa contraportada: permanezan en silencio, apaguen os seus teléfonos e pasen e lean!

Reader Rating1 Vote
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.