Neste ano 2018 as Letras Galegas están dedicadas a María Victoria Moreno, autora principalmente de novela xuvenil. Unha das editoriais que máis se volcou en achegarnos o seu traballo é Urco, que sacou á luz grande parte da súa obra hoxe repasamos dúas desas publicacións.
Mulleres bravas da nosa historia: María Victoria Moreno
Dentro de Mulleres bravas da nosa historia, colección infantil de carácter feminista, non podía faltar o exemplar dedicado a María Victoria Moreno, pioneira en tantos aspectos (como o libro deixa ben claro). Escrito por Eli Ríos e ilustrado por Eva Agra, fai un percorrido pola biografía da autora homenaxeada, dun xeito ameno e accesible para tódalas idades. Inclúe tamén unha serie de pasatempos que complementan a lectura, o que o fai ideal como recurso didáctico en escolas.
O amor e as palabras
Trátase dunha compilación de distintos relatos de Moreno, por primeira vez xuntos nun só volume. Este non só se compón de contos escritos para outras publicacións, colaboracións ou institucións; tamén inclúe un que nunca antes vira a luz, e que a autora gardaba no seu ordenador.
Son relatos de tema e forma variados, case sempre co fío común de estar protagonizado por xente nova e falar, dun xeito ou doutro, do amor. O conto que da nome ao conxunto, O amor e as Palabras, é bo exemplo disto; cunha narración sinxela e case costumista, preséntase unha situación cotiá, real e recoñecible por todos, coa orixinalidade de estar narrado dende o punto de vista dunha cadela (unha vez máis, queda patente o protagonismo dos animais na obra de Moreno). Desta aparente sinxeleza trascende a través dunha reflexión da importancia da lingua e as palabras, así como o seu poder para converter unha mesma realidade segundo como a percibamos e nomeemos. Unha reflexión que deixa en evidencia ese amor polas palabras que a propia autora posuía, e que ben podería valer como resumo da súa propia obra.
“—As máis das cousas desta vida son bonitas e teñen nomes bonitos: orballo, amigo, arume… Outras son feas e teñen nomes feos: cagalla, engano, somanta…
—É certo —dixo Lara—. Mesmo teñen distinta música: arume, amigo, orballo…”