14 concertos para ver dende o sofá

Estes días de confinamento as salas de concertos quedaron baleiras. Foron moitas as bandas e artistas que tiveron que cancelar as súas xiras por Galicia durante as vindeiras semanas, o que está a supoñer un momento de grande dificultade para toda a industria cultural. Porén, mentres todavía non podamos voltar a encher as nosas salas favoritas, aínda podemos seguir a disfrutar da mellor música en directo dende o noso sofá. Para facer máis amenas estas xornadas deixámosvos con 14 concertos imprescindibles dispoñibles en aberto, un para cada día de cuarentena.

Tanxugueiras – Sala Rebullón 2020

A xira de Tanxugueiras está a ser unha das máis fascinantes que se poden ver en Galicia este ano grazas á súa reinterpretación da música tradicional. Por sorte, o trío formado por Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro gravou o concerto de presentación do seu último disco, Contrapunto, na Sala Rebullón de Mos e acompañárono cunha serie de entrevistas ás cantareiras onde nos dan a coñecer todos os detalles deste fantástico novo traballo.

FKA twigs – Maida Vale 2019

Magdalene foi o mellor disco do 2019 para Balea Cultural. O segundo álbum de longa duración de FKA twigs é o seu traballo máis persoal, onde fala sobre o desamor e a perda de control sobre unha produción impecable e instrumentación coidada ao detalle. Neste directo gravado pola BBC, cunha excelente calidade tanto de image como de son, podemos escoitar versións tan íntimas das cancións como as súas letras.

Haru Nemuri – Baycamp 2019

Algúns dos artistas que tiveron que cancelar concertos polo coronavirus están a optar por retransmitir actuacións súas en streaming a través de internet para poder seguir facendo chegar a súa música aos seus seguidores. Foi o caso de Haru Nemuri, unha cantante xaponesa que se caracteriza por misturar un colorido j-pop, noise rock e rap dando forma a un son único. Se estades atentos á súa canle de YouTube poderedes ver algún destes concertos online, mentres tanto tamén están dispoñibles gravacións profesionais como esta.

Sufjan Stevens – Carrie & Lowell 2015

Carrie & Lowell de Sufjan Stevens foi un dos discos máis celebrados da década pasada. Ademáis de poder escoitar as gravacións de estudo deste álbum, podemos ver como soan en directo, xa que o músico estadounidense gravou un concerto da súa xira no North Charleston Performing Arts Center cunha impresionante calidade de imaxe e son que o fan imprescindible.

Beach House – King’s Theatre 2018

En agosto de 2018, Beach House levou o seu dream pop sideral e misterioso a outra esfera no Kings Theatre de Brooklyn, e Pitchfork encargouse de gravalo meticulosamente cunha calidade de imaxe e son inmellorable. O resultado é unha maxestuosa película que configura unha viaxe visual ao longo dunha das bandas máis importantes do indie contemporáneo, tanto na traxectoria musical da banda -desde Devotion (2008) ata 7 (2018)-, coma no que está a acontecer enriba do escenario.

Novedades Carminha – Radio 3 2019

Custaría crer que un galego nunca tivera a ocasión de ver a Novedades Carminha enriba dun escenario. E todo o mundo que tivera o pracer de velos en directo, pode asegurar o seu don natural para levantar ao público e facer da música unha festa. O pasado ano, os de Compostela fixeron un curto concerto na festa de Radio 3 Extra onde presentaban o seu último disco, Ultraligero, ademais de tres das súas cancións imprescindibles. Que mellor forma de moverse un pouco na casa estes días que desfrutar aos Novedades desde a tele?

Daughters – The K! Pit 2019

O último disco de Daughters, You Won’t Get What You Want, foi todo un puñetazo do que aínda nos estamos a recuperar. A visión única do noise rock e o industrial que a banda foi capaz de desenvolver podería semellar un traballo principalmente de produción no estudo, porén, este concerto en The K! Pit amosa que a banda estadounidense desenvólvese de maneira tan abraiante sobre os escenarios.

Grimes – Grimey’s 2012

A día de hoxe Grimes xa é en certa medida unha artista coñecida no mainstream. Non sabemos como poderán ser os concertos cos que a canadense presentará seu novo disco, Miss Anthropocene, o que si que podemos saber é que pouco terán que ver con esta íntima actuación nunha pequena tenda de discos onde Claire Boucher interpreta algunhas das cancións do seu álbum Visions.

Radiohead – From the Basement 2011

The King of Limbs é un dos discos máis divisivos de Radiohead, son moitos os fans que o consideran un dos traballos máis únicos da banda mentres que para outros é seu disco máis aburrido. Onde si que hai consenso é respecto ao directo From the Basement onde a banda británica reinterpretou as cancións deste álbum cun son máis orgánico, satisfacendo a todos os públicos cun dos seus directos máis fascinantes, que marcou tamén a primeira vez que a banda colaborou con Clive Deamer, o batería de Portishead.

Black Midi – KEXP 2018

Schlagenheim foi o mellor disco de debut do 2019 para Balea Cultural. Cando Black Midi gravaron este directo para a emisora KEXP este disco nin sequera vira a luz todavía e moitas das cancións aínda non tiñan título. Porén esta banda británica xa apuntaba maneiras, cun son perfectamente definido e unhas enérxicas interpretacións que anticipaban o que estaba por vir.

Baiuca e Aliboria – Radio Galega 2019

Para dar forma ao EP Misturas publicado por Baiuca o ano pasado, Alejandro Guillán empregou os másteres orixinais do primeiro disco de Xosé Lois Romero & Aliboria para dar nova vida a esta música coa súa produción eletrónica. Neste concerto en Radio Galega Baiuca xúntase coas cantareiras de Aliboria para recrear en directo a música á que deu forma no seu estudo.

Derby Motoreta’s Burrito Kachimba – Al Sur Conciertos 2019

Derby Motoreta’s Burrito Kachimba foron unha das maiores revelacións do panorama musical estatal durante os últimos anos. O seu cruce do rock psicodélico e guitarreiro coas melodías vocais características de Andalucía supoñen unha proposta musical única, que resulta familiar ao mesmo tempo que absolutamente refrescante. Este concerto gravado para Canal Sur é unha oportunidade perfecta para descubrir a música de Derby Motoreta’s Burrita Kachimba no seu hábitat natural, o directo.

Arcade Fire – Lollapalooza 2017

Arcade Fire é para moitos un dos mellores grupos de rock do século XXI e, desde logo, o seu directo está á altura da súa música de estudio, ás veces incluso mellorándoa. Tras catro discos perfectos, en 2017 chegoulles a primeira castaña con Everything Now. Porén conseguiron levar as cancións do seu primeiro mal álbum ao escenario de xeito que non desmerecesen en absoluto o espectáculo que levan despregando desde hai case dúas décadas. O resultado, como podemos ver neste Lollapalooza 2017, é un concerto vibrante, orquestrado brillantemente por unha gran rango de teclados, percusión, cordas e coros duns músicos que nunca semellan perder a enerxía.

Mercedes Peón – Os directos da galega 2002

Lembrades o vello logotipo da Televisión de Galicia? Pois é o que acompaña a gravación desta actuación de Mercedes Peón que segue a soar tan vanguardista como no ano 2002, cando foi rexistrada. O formato en catro terzos e a pixelación ocasional non conseguen facer menos relevante este fantástico directo, a mellor gravación dun concerto de Mercedes Peón que se pode atopar a día de hoxe en YouTube, e polo tanto unha actuación imprescindible nesta lista.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.