A maxia de Oneohtrix Point Never

Release Date
30 Outubro, 2020
Xénero
Electrónica
Discográfica
Warp

Oneohtrix Point Never é un dos nomes máis interesantes da electrónica ao longo da última década. O proxecto de Daniel Lopatin destacou por primeira vez en 2011 coa publicación de ‘Replica’, un disco onde empregou o sampleo para producir ambientes atmosféricos e surrealistas máis únicos do que se chegou a conseguir en ningún álbum de vaporwave, continuador desta corrente musical.

A medida que a carreira de Lopatin foi avanzando, incorporou ao seu son elementos do post-industrial e o glitch con traballos como ‘Garden of Delete’ (2015), e tamén deu o paso as bandas sonoras da man dos irmáns Safdie en películas como ‘Good Time’ (2017) ou ‘Diamantes en bruto’ (2019), enriquecendo a súa paleta sonora.

Os sons do art-pop e mesmo do folk comezaron a asomar a cabeza no disco ‘Age Of’, un álbum que deixaba entrever a cara máis accesible de Oneohtrix Point Never, mantendo todo o que facía á súa música única, un camiño que continúa no seu último disco, ‘Magic Oneohtrix Point Never’. Este novo traballo continúa o camiño aberto polo seu predecesor, levando este estilo a un terreo máis cinematográfico, e incorporando algunhas das pistas máis directas de toda a súa discografía.

As 17 cancións que conforman este álbum atópanse entrelazadas polo concepto da radio. Se os Queens of the Sone Age puxeran a banda sonora a unha viaxe en coche polo deserto de Joshua Tree escoitando as distintas emisoras que chegaban á antena, Lopatin semella representar un recorrido nocturno e surrealista por unha cidade recén saída dunha película de Gaspar Noé ou Nicholas Winding Refn, estraña, desconcertante e caleidoscópica.

‘Auto & Allo’ abre o disco entre aires psicodélicos cunha instrumentación chea de instrumentos de corda que a través da produción soan completamente sintéticos. A voz Lopatin aparece cuberta dun efecto de vocoder que a distorsiona por completo, un enfoque sonoro que estará presente en boa parte do deste traballo, e todavía máis en Long Road Home, a seguinte pista do álbum. As melodías desta peza semellan esconder unha xenial canción de pop escondida detrás de sons deformados e desconcertantes, as veces con certos aires barrocos, e noutros momentos futuristas.

En ‘I Don’t Love Me Anymore’ sube todavía máis a enerxía e a manipulación da voz de Lopatin, desaparecen os instrumentos orgánicos e escoitamos o que semella a visión do synthpop de Oneohtrix Point Never, unha música tan atractiva como impenetrable. Se ben este estilo lembra por momentos a artistas como Kavinsky, a proposta de Lopatin é menos nostálxica e busca máis a experimentación sonora.

‘No Nightmares’ continúa esta aposta pero con ritmos moito máis pausados e unha melodía de voz moito máis presente, con certos aires románticos cos que encaixaría á perfección nunha película de David Lynch, tanto polo seu son como pola súa letra. En ‘Lost But Never Alone’ xúntanse todos os elementos característicos do disco, sons a medio camiño entre o orgánico e o sintético a voz, irrecoñecible cuberta de numerosas capas de efectos realizando chamativas harmonías nunha pista que remata cun distorsionado solo de sintetizador que chega no seu momento máis climático.

Se ben a voz está moi presente neste disco, ‘Magic Oneohtrix Point Never’ tamén conta con pistas instrumentais, como ‘Bow Ecco’, unha peza tan caótica como fermosa, marcada por unha produción incrible onde destacan os sons cristalinos incapaces de describir e que evocan reflexos brillantes de todas as cores, como se se tratase das formas abstractas que as luces da cidade proxectadas sobre os cristais do coche que percorre esta surrealista metrópole mentres soa a radio.

No tramo final deste traballo, ‘Wave Idea’ amosa a cara máis ambiental de Lopatin, onde os sintetizadores comparten espazo con cantos de paxaros e instrumentos de vento. Trátase duha peza que transmite unha sensación de paz e luminosidade, como se o sol comezase a asomar polo horizonte, poñendo fin a todo o colorido e desconcertante mundo nocturno no que aconteceron todas as demáis cancións. Finalmente, ‘Nothing’s Special’ pecha o disco con unha pista dun tono máis melancólico e reflexivo que o resto do traballo.

‘Magic Oneohtrix Point Never’ é probablemente o álbum máis accesible da discografía de Daniel Lopatin. Se ben para algúns esto pode resultar unha decepción, todos os elementos que facían interesante, única e sorprendente a súa música seguen presente neste novo traballo. A revisión do synthpop de Oneohtrix Point Never é capaz de atopar maxia en estruturas e melodías que resultan familiares, vestidas cunha produción sonora que as volve completamente alieníxenas.

8.8
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.