‘Amnesiac’, o disco incomprendido de Radiohead

O irmán esquecido de 'Kid A' cumpre 20 anos cunha reedición acompañada de material inédito que permitirá revisitar as composicións máis experimentais da banda

Pouco queda por dicir xa dun disco como ‘Kid A’ (2000). O cuarto álbum de Radiohead é xa un clásico moderno. A pesar de xerar unha gran división entre público e crítica no seu lanzamento, conseguiu debutar no número un das listas de vendas en varios países europeos incluíndo o Reino Unido, así como nos Estados Unidos, algo que non acadara ningún disco anterior da banda.

Dúas décadas despois do seu lanzamento, seu son moderno, os complexos arranxos e as crípticas letras de ‘Kid A’ contan cun recoñecemento case unánime. Polo contrario, o seguinte disco da banda, ‘Amnesiac’, lanzado con menos dun ano de diferencia e resultado das mesmas sesións de gravación quedou moito máis esquecido, a pesares de amosar quizais unha cara aínda máis experimental da banda británica. Agora, a reedición ‘Kid A Mnesia’, que será lanzada o 5 de novembro, reunirá estes dous traballos con novo material inédito.

Unha vez finalizada a extensa xira do ‘OK Computer’ (1997), a banda comezou a preparar as súas novas cancións e foi neste momento no que comezaron a aparecer as dúbidas de como poderían enfocar esta nova música. Se ben todos sabían que non poderían replicar seu álbum anterior, había distintos camiños que a banda podía tomar. O guitarrista Ed O’Brien apostaba por volver ás súas orixes, con cancións máis sinxelas nas que as melodías fosen as principais protagonistas, mentres que Thom Yorke prefería alonxarse todo o posible do rock tradicional, tomando como referencias principais o krautrock alemán dos anos 70, a electrónica de Aphex Twin, ou jazz, unhas influencias que están presentes de forma aínda máis evidente en ‘Amnesiac’ que en ‘Kid A’.

Durante este período a banda abandonou a formación tradicional do rock para facer un maior uso de instrumentos electrónicos como os sintetizadores, o ‘ondes martenot’ así como de orquestracións pouco convencionais. O produtor Nigel Godrich tamén propuxo novos métodos de traballo como separar a banda en dous grupos para que un deles crease unha base sen empregar instrumentos acústicos para que posteriormente o outro grupo desenvolvese esa idea.

O proceso de gravación foi documentado polo guitarrista Ed O’Brien mediante un blog en forma de xornal no que se poden observar os progresos da banda así como seus momentos de bloqueo creativo. As sesións de gravación tiveron lugar entre catro cidades, París, Copenhague, Gloucestershire e Oxford, nas que a banda chegou a traballar en case sesenta cancións. Se ben non todas estas pezas foron finalizadas, seguía a haber demasiado material para un só disco.

As primeiras once cancións lanzadas deron forma a ‘Kid A’, un disco cohesionado, cunha estética sonora fría e electrónica que sorprendeu a todos os oíntes. Máis aínda ao ter sido lanzada sen ningún ‘single’ ou sinxelo, que por aquel entón acostumaban a ir acompañados sempre de unha ou varias pistas na cara B.

Quizais por esta razón moita xente considerou a ‘Amnesiac’, publicado tan só oito meses despois como unha colección de descartes, de todas esas cancións que terían sido incluídas nas caras B se ‘Kid A’ tivera sido promocionado mediante sinxelos. Porén, a banda en ningún momento asegurou isto e sempre tratou a ambos traballos como dous lanzamentos independentes e igual de relevantes a pesares de ser gravados nas mesmas sesións.

De feito, ‘Amnesiac’ si que contou con varios sinxelos. O primeiro deles foi ‘Pyramid Song’, unha canción marcada por uns acordes de piano que seguen un ritmo imposible, acompañados dunha fermosa orquestración composta por Jonny Greenwood e a emotiva voz de Thom Yorke. O segundo sinxelo, ‘Knives Out’, conta con unha paleta instrumental máis semellante á que podería aparecer nos traballos dos anos ’90 de Radiohead, pero desta vez con armonías moito máis escuras e letras máis ameazantes e persoais.

No terreo sonoro, ‘Amnesiac’ é un disco moito máis variado que ‘Kid A’. Pistas como ‘I Might Be Wrong’ amosaban que a banda británica aínda era capaz de facer rock mantendo os elementos electrónicos e as texturas opresivas que caracterizaban as súas novas composicións. En ‘Like Spinning Plates’ os sintetizadores envolven a voz de Thom Yorke reproducida ao revés como se acabara de saír da loxia negra de Twin Peaks, mentres que en ‘Life in a Glass House’ o trompetista Humphrey Lyttelton e a súa banda transformaron a música de Radiohead nunha peza de jazz.

A pesar dos constantes cambios de estilo nas pezas que compoñen este disco, especialmente en canto aos arranxos das once cancións, ‘Amnesiac’ transmite unhas sensacións e emocións perfectamente definidas ao longo de todo o traballo. Esto fai deste disco unha experiencia completa, en lugar de sentirse como unha simple recopilación de cancións. Trátase probablemente dun dos discos máis escuros e melancólicos de Radiohead, pero tamén amosa a cara máis experimental dunha banda que xa tomara un enorme risco co lanzamento de ‘Kid A’.

Curiosamente, os sinxelos de ‘Amnesiac’ si que foron publicados acompañados de caras B, con sete cancións que non atoparon un oco en ningún dos dous discos que a banda lanzou nesta etapa e unha versión estendida de ‘Life in a Glass House’. Agora, coa reedición ‘Kid A Mnesia’ poderemos escoitar outros 12 cortes destas sesións de gravación, con cancións inéditas e versións alternativas de pezas como ‘Morning Bell’, que xa contaba con dous arranxos diferentes en ‘Kid A’ e ‘Amnesiac’, evidenciando que a pesar de ser dous lanzamentos distintos, sempre se tratou de dous discos irmáns.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.