‘Antidown’, a música do silencio de Burial

Release Date
6 Xaneiro, 2022
Discográfica
Hyperdub
Xénero
Ambient
Our Score
7

Á hora de tratar de buscar o elemento máis característico da música de Burial para describir seu son, quizais a resposta máis sinxela serían as súas bases rítmicas. Os sons percusivos con timbres orgánicos, dispostos de maneira lixeiramente desacompasada sempre presentes nas súas cancións dotan á súa música dunha imperfección e naturalidade que racha por completo coa precisión milimétrica e dixital de boa parte da electrónica.

Por esta razón sorprende especialmente que os ritmos estén completamente ausentes en ‘Antidawn’, o último traballo de longa duración (a pesar de aparecer catalogado como un EP nos servicios de streaming) deste enigmático artista británico.

Ao longo das cinco cancións que compoñen este novo lanzamento, que suman 43 minutos de duración, atopámonos a cara máis ambient de Burial. Estas pezas, todas elas por enriba dos 6 minutos de duración e dúas mesmo sobre a barreira dos 10, exploran diferentes texturas sonoras, capaces de evocar emocións e unha estética inequívocamente características da súa obra.

Os ruidos das agullas dos tocadiscos desprazándose sobre vinilos antigos, as voces sampleadas, ecualizadas e modificadas así como os sintetizadores etéreos son os grandes protagonistas de ‘Antidown’, amosando que hai moito máis detrás da marca de Burial que as súas características bases rítmicas.

Este novo traballo non é unha escoita sinxela, e sen prestarlle unha especial atención, pode parecer que estas cancións de 10 minutos de duración son monótonas e aburridas. Porén, cada un dos pequenos detalles que compoñen estas pezas é capaz de transmitir sensacións e mesmo suxerir imaxes capaces de absorver ao oínte.

E certo que a proposta que Burial plantexa en ‘Antidown’ non é completamente nova, xa que pezas como ‘In McDonalds’ do seu xa clásico disco ‘Untrue’ adentrábanse por completo nesta sonoridade, tamén presente en sinxelos máis recentes como ‘State Forest’ ou ‘Beach Fires. Porén, ‘Antidown’ é o primeiro traballo de longa duración no que o británico aposta de maneira clara por este estilo máis ambient, que trae consigo frescura a un son que continúa a soar enteiramente seu.

Como se dunha pintura de Edward Hopper se tratara, ‘Antidawn’ é capaz de retratar momentos, espazos e silencios que esconden unha enorme vulnerabilidade e dotan de humanidade a esta música de natureza electrónica.

7
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.