
É probable que a maior parte da xente que escoitou música producida por Arca en realidade nunca teña escoitado unha canción de Arca. A artista venezolana traballou de produtora en álbumes como Yeezus (2013) de Kanye West, Vulnicura (2015) de Björk ou o EP2 (2013) de FKA twigs. Porén Arca xa publicou catro discos de estudo e outras tres mixtapes, que se ben nunca chegaron ao público mainstream, foron gañándolle un nome propio a Arca na escena actual da electrónica experimental.
O último destes traballos, KiCk i, é sen lugar a dúbidas o disco máis accesible de Arca ata a data. Desta vez, a experimentación mantense pero deixa oco a cancións con estruturas máis definidas, onde a voz ten máis protagonismo que nunca. Tamén é un álbum cun concepto moi claro, a ruptura dunha ollada binaria, especialmente en relación ao xénero (a propia Arca identifícase como unha persoa de xénero non binario), pero tamén respecto a outros aspectos como a linguaxe ou a propia natuerza humana nun mundo cada vez máis dominado pola tecnoloxía.
A primeira canción deste disco, Nonbinary, é toda unha declaración de intencións tanto dende o punto de vista lírico como sonoro. Cunha produción minimalista ao comezo que pouco a pouco vai gañando capas e agresividade, Arca aproveita esta introdución, entre falando e rapeando, para autoreafirmar a súa identidade. Porén, a segunda pista, Time, supón todo un contrapunto a este comezo, mediante unha produción que lembra a unha revisión moderna e máis ambiental do synthpop acompañada de melodías cantadas cunha voz cun timbre marcadamente feminino que contrasta co de Nonbinary.
En Mequetrefe Arca aposta por misturar o reggaeton cunha produción característica do IDM e o glitchpop e unha letra desta vez en castelán. O resultado sen lugar a dúbida resulta sorprendente e novidoso á vez que bailable por momentos, pero a estrutura da canción fai que non conduza a ningures.
Kick I tamén conta con varias colaboracións. Quizáis as de Björk e Rosalía sexan as que máis espectación xeraron pero en boa medida tamén resultan as menos interesantes. En Afterwards a artista islandesa canta un poema de Antonio Machado en castelán sobre unha produción de Arca menos radical que noutras pistas do disco. O resultado aseméllase máis ao que acostumamos a escoitar nos últimos discos de Björk que ao resto de Kick I, sen tratarse ademáis dunha das interpretacións máis memorables da islandesa.
En KLK Arca recorta a pista vocal de Rosalía en fragmentos que reordea de maneira constante ao longo da pista deshumanizando unha interpretación caracterizada por todo o contrario. Porén, a produción é guiada por un loop de sintetizador e un ritmo que lembra demasiado a unha versión máis distorsionada de Con Altura, mentres que Rosalía segue a caer nos clichés cada vez máis habituais das súas letras, moi alonxados do traballo lírico de El Mal Querer.
Acontece todo o contrario en Watch, que conta coa colaboración de Shygirl e en La Chíqui, da man de Sophie. Nestas pistas, enmarcadas na cara máis agresiva deste disco, a produción de Arca amosa a súa cara máis orixinal, acompañada das voces destas vocalistas que aportan o seu gran de area ao son que caracteriza este traballo.
Kick I é sen lugar a dúbidas o traballo máis accesible de Arca. A pesares de seguir sendo unha música moi afastada dun son mainstream, este álbum pode ser o lugar máis axeitado para adentrarse na discografía de Arca. Con todo, trátase dunha aposta que queda a medio camiño. Ao longo das doce pistas que compoñen Kick I atopamos momentos menos orixinais que en traballos anteriores de Arca, mentres que aquelas pistas que tratan de achegarse máis ao pop seguen sen funcionar de todo neste xénero.