Fotos: Rocio Cibes

Así é a ‘Xira Midas’, o esperado novo espectáculo de Tanxugueiras

Logo do Benidorm Fest e todo o rebumbio mediático, as Tanxugueiras regresan aos escenarios coa súa esperada nova xira, ‘Midas’, que arrancaba o pasado sábado 26 de marzo na Sala Pelícano da Coruña cun éxito rotundo. As cantareiras encheron ata os topes a famosa discoteca herculina, con capacidade para 3.000 persoas, na que foi a primeira parada dunha xira que fará soar a música tradicional galega por grandes festivais e salas de toda a península.

Certo é que desde o comezo da súa ‘Xira Contrapunto’ xa esgotaban entradas, pero claro, agora a exposición é moito maior. Se nos din hai dous anos, cando as vimos na radiante presentación do seu segundo disco, que estiveron a piques de ir a Eurovisión e que as veríamos en festivais como o Crüílla (Barcelona) ou Río Babel (Madrid), compartindo espazo con artistas como C. Tangana e Lola Índigo, quedaríamos con cara de parvos.

Neste ano 2022, Aida, Olaia e Sabela viron cumprido o seu soño de empuñar as súas pandeiretas en palcos e escenarios inimaxinables. A convicción coa que emprenderan aquela exitosa xira de Contrapunto, un álbum redondo que xa exploraba os límites da música tradicional, vese consolidada nesta ambiciosa ‘Xira Midas’, na que a música e o baile tradicional, a potencia das súas voces e pandeiretas e os ritmos urbanos son os protagonistas dun espectáculo definido e contundente.

A foliada na Pelícano daba comezo pasadas as 22:00 horas ante un público que devecía por ver ao grupo galego do momento. Probablemente un dos concertos aos que fun no que máis ilusión e nerviosismo se notaba no ambiente. Unha cita á que non faltaron tanto os seguidores que xa as coñecían antes do seu periplo eurovisivo como todos aqueles novos que trouxo esta odisea. Un séquito de fans que, por certo, continúa a ser bastante interxeracional: nenos e nenas (sobre todo nenas) coa pandeireta na man, adolescentes, xente moza e adulta, e mesmo parellas de anciáns como unha que había diante nosa nas primeiras filas do concerto.

O inicio do espectáculo ‘Midas’ arranca coa escoita dun canto de arrieiro na voz dunha señora maior (continuando coa voz en off que abría ‘Contrapunto’) e un foco que ilumina a batería electrónica de Iago Pico, ataviada de sintetizadores e caixas de ritmo. De xeito inesperado, a voz da cantareira remata por fusionarse co canto reverberado do batería sobre un vocoder. Deseguido fai a súa aparición Isaac Palacín aos mandos da percusión tradicional; e ámbalas dúas baterías, nunha mostra da convivencia do tradicional e o contemporáneo, comezan a soar enerxicamente ao unísono. Finalmente, Aida Tarrío, Olaia Maneiro e Sabela Maneiro, por esa orde, regálannos a súa entrada triunfal bailando uns puntos de muiñeira entre os aplausos e vítores dun público afervoado.

O grupo inaugura o concerto con esta atraente intro para despois dar paso a dúas cancións inéditas que formarán parte do seu terceiro e novo traballo discográfico, ao que non lle queda nada para saír do forno. Tras elas, ‘Telo’ e ‘Averno’, na que colabora o rapeiro Rayden. Soan épicas, con moita forza. Dando conta da versatilidade de Tanxugueiras con sons máis próximos ao trap e á electrónica pero apegados á tradición.

Con ‘Malquerenza’‘Perfidia’ e ‘Albedrío’, o trío continúa o concerto repasando algunhas das pezas que as trouxeron ata aquí, e nas que o baile tradicional tamén cobra presenza da man dos bailadores Fran Sieira e Artur Puga, que xa acompañaran a Tanxugueiras na súa actuación no Benidorm Fest e no videoclip de ‘Midas’.

Seguidamente, as pandeireteiras introducen un bloque de cancións máis puramente tradicionais, só con voz e percusión, encabezadas polo seu tema ‘O Querer’ e máis unha xota e unha muiñeira do repertorio tradicional galego coa pretensión de amosar e enganchar á xente nova no noso folclore. Somos mulleres, galegas, pandeireteiras e de aldea, manifestaron con orgullo desde o escenario. “Isto é o que somos e seremos sempre Tanxugueiras, e queremos ensinarvos este pedaciño da nosa música tradicional”, engadía Olaia antes de interpretar esta selección de pezas que bebe dunha tradición conservada por centos de mulleres cantadoras e tocadoras en Galicia.

Mulleres como as Pandereteiras de Mens, “labregas, vellas, vestidas de negro, do rural” (como recolle Beatriz Busto no seu recente libro sobre o grupo), as primeiras en subir aos escenarios e que levaron a música galega polo mundo nos anos 70 e 80. E cuxo legado recolle agora Tanxugueiras. Abrindo de novo a porta da visibilización a unha estirpe histórica de mulleres que tocaban co puño pechado e trasladando tamén esa homenaxe ao negro do vestiario, cor centenaria na vestimenta tradicional feminina, a través da súa atrevida actualización dos traxes de gala tradicionais en clave moderna.

Feita esta longa pero creo que necesaria digresión, volvemos ao concerto cun dos momentos máis emotivos da noite, que veu cos temas ‘Miña nena’, interpretado marabillosamente a capela, e especialmente ‘Cambia todo’ (a súa colaboración con Muerdo), que levou ao público a acender a lanterna dos seus móbiles para acompañalas, conseguindo sacar bágoas ás artistas.

Transcorrida case unha hora de concerto aparecen algúns dos seus temas máis bailables e festivaleiros, como é o caso de ‘Coda’, próximo ao dub e o reggae, e un tema inédito que fala do amor libre e os dereitos LGBT e que adquire unha sonoridade máis popeira, seguindo a pegada de ‘Figa’, pero servíndose da lírica e da métrica das coplas tradicionais.

Chegando así ao tramo final do espectáculo, no que as galegas interpretan todos os seus adiantos publicados en 2021 e cos que empezaron a medrar en popularidade grazas a uns atrevementos formais que lles permitiron chegar a un público máis amplo.

Os asistentes enlouquecen coa aparición da primeira estrofa de ‘Midas’, que cantan case case, toda a canción xunto ás Tanxugueiras, que despregaron toda a súa forza vocal e escénica acompañadas dos seus bailaríns. E é que se algo destaca do seu novo show é o baile, con coreografías e movementos moi traballados que reflicten a esencia da tradición e o influxo urbano da nova música das “Tanxus”. Mesmo hai un interludio coreografiado que recorda a Rosalía, pero inspirado no baile tradicional (a colocación dos brazos non é baladí), e que axuda a que o concerto flúa dunha forma máis natural ao pop.

Tras este interludio o grupo desvela outro tema inédito, con percusións máis achegadas á rumba ou a música latina, cantando ao recoñecemento da diversidade e liberdade de todos os corpos. Amosando, como tamén fixeron as Faltriqueira, as Habelas Hainas, as Aliboria e as precursoras Leilía, que as pandeireteiras poden representar grandes himnos feministas.

Despois de facer unha saída de escena para facer ao público pedir os bises, o trío de pandeireteiras despediuse por todo o alto entoando ‘Figa’, o tema que conquistou aos eurofans e que deu comezo ao fenómeno Tanxugueiras. Botando finalmente a sala abaixo coa xa mundialmente coñecida ‘Terra’, que contou ao final da actuación cun remix propio e alternativo da peza coa que Tanxugueiras demostraron que “veñen pra quedar”.

Mentres a audiencia as despedía entre fortes aplausos e algún aturuxo, soaba de fondo unha mítica de Mercedes Peón. Unha referente que, como explicaban as propias Tanxugueiras nun chío, elas “camiñan” porque outros “xigantes” coma Mercedes Peón, Leilía, Xabier Díaz, Guadi Galego ou Baiuca o fixeron antes. 

Cumpriría facer ao respecto, unha reflexión sobre a importancia de figuras referentes na cultura que a sociedade galega, e en particular a xente nova, demanda. Precisamente, nun recente encontro organizado por Mercedes Peón e outras tocadoras, “Somos Pandeireteiras”, sinalábase a falta de referentes como unha das causas na ruptura da transmisión da tradición oral e a desvinculación da mocidade con esta e coa cultura e lingua propias.

Nese sentido, o conseguido por Tanxugueiras é dun valor enorme. Pois, ademais de achegar a nosa tradición musical a moita xente e moi nova, están a conectar tamén cunha xeración á que lle faltaba música en galego capaz de competir co mainstreamEstar dentro do comercial, do que se fala nas redes, nas radios e nas televisións ou mesmo nos estadios de fútbol supón unha normalización case inaudita até o momento. E iso é o que precisaba a música galega, estar en grandes escaparates.

O traballo que con tanto mimo levan facendo as Tanxugueiras e o seu equipo durante estes anos ten como resultado o vivido na Sala Pelícano da Coruña e no Auditorio Mar de Vigo, onde milleiros de persoas presenciaron xa os primeiros dos máis de 60 bolos confirmados que teñen as pandeireteiras para este ano. Actuando en citas como o Zeid Fest, SanSan, Río Babel, Crüilla, SonRías Baixas ou BioRitme. Chegando a eventos que posiblemente nunca pensaran en tres mulleres pandeireteiras no seu programa. Demostrando que a música de raíz pode ter a mesma consideración e proxección que outras músicas actuais. Volvendo converter, en definitiva, a música tradicional en música popular.

Por todo isto, a ‘Xira Midas’ destaca por marcar un fito para a música galega, non só por levar as nosas raíces musicais a grandes escenarios alén das nosas fronteiras, senón por ser dos poucos grupos en galego con presenza en grandes festivais.

Tanxugueiras consolídase, así, como unha das máis exitosas formacións da música galega. Un fenómeno musical de noso que está a abrir unha nova etapa, e que apunta a unha exitosa década dourada para a nosa música.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.