Celia Eiras

Baiuca: “Aprendín que os meus referentes son a xente que me rodea”

Alejandro Guillán naceu en Catoira. Cos anos trasladouse a Madrid, onde comezou a facerse coñecido co seu proxecto de electro-pop Álex Casanova. Hai uns anos cambiou de parecer, nacía Baiuca e con el o seu primeiro disco Solpor. Tras o éxito do seu primeiro traballo, volve tres anos despois con Embruxo.

Quedei con el en Santiago de Compostela a primeira hora da mañá na rúa San Clemente. El soamente ía estar uns días aquí para falar con medios. Mostrouse en todo momento como unha persoa próxima e moi amable. Dende logo, parecía moi ilusionado coa publicación do seu novo traballo.

Naciches en Catoira, pero rematas marchando fóra de Galicia. Primeiro Madrid e logo Barcelona, que é onde vives actualmente.

Chegou un punto no que me apeteceu coñecer unha cidade grande, unha cidade que en Galicia non hai. Xusto coincidiu que un amigo meu ía irse para alá, Anxo, que agora toca en Novedades Carminha. Foi unha experiencia bastante enriquecedora para min. O poder coincidir con el e vivir un ano xuntos. Ese tempo de convivencia, de conversas e de evolucionar e madurar as nosas músicas foi moi importante. Non o falei nunca así, sempre falo da marcha a Madrid sen máis, pero neste disco dinme conta de que os meus referentes son os meus amigos e a xente que rodeou.

Xa tres anos dende Solpor, que cambiou en ti neste tempo?

Cando comecei Solpor, era un tempo de novidade, de ter un concepto no que quería traballar. Todo o que facía era enriquecedor e novo. Cando pasa o tempo, tés que buscar a forma de querer seguir motivado. No meu caso sígueme pasando. Con cada lanzamento de Baiuca, sigo sentindo que quero facer máis. Quero explorar, coñecer lugares e enfocar a música en si doutra maneira. Sigo tendo esa frescura de querer traballar, pero dende unha visión que non tiña ao principio. Sobre todo respecto a conexións con outras culturas que antes podía coñecer a través de Internet e agora máis en primeira persoa.

Unha das cousas que avanzas neste novo traballo, en Embruxo, é nese avance cara a conceptualidade, cara facer algo unitario.

Si, porque no primeiro disco en realidade o concepto só era mesturar música electrónica con tradición. E agora quería dar o seguinte paso, buscar un concepto dentro da tradición galega á par dun son máis concreto. Nesta ocasión vén máis do sur, o que sería o norte de África, que é onde eu vexo máis conexión nas voces, nos ritmos e na forma de tocar.

 A parte conceptual bebe máis do norte, toda esta relación coa morte que hai en Galicia, diferente á de moitos lugares. Antes falaba cunha radio catalá disto, de que a visión galega é distinta, aínda que igual si hai máis conexión con como tratan estes temas en México.

Parecíame moi interesante porque ademais Adrián Canoura, que é a persoa que fai o vídeo e a arte do traballo, xa investigara sobre isto e tivemos moitas conversas sobre o tema. Ademais, atopei que nas coplas populares había moitas que falaban destes seres mitolóxicos: das meigas, do diaño, dos astros, da natureza… había un fío polo que tirar.

Celia Eiras

Non sei se coñeces a película Lúa Vermella de Lois Patiño. Creo que hai unha certa conexión entre o disco e a película en canto ao tratamento do imaxinario. A el pregunteille o mesmo: Non cres que igual xa están moi tratados aquí en Galicia estes temas?

Eu sempre digo que de todo o que estea tratado, preciso dar a miña visión. Porque ademais, quero facer música para todo o mundo. Quero que a xente coñeza Galicia e a nosa cultura. Aínda que nós saibamos cousas, para os demais son descoñecidas. Eu entendo que outras culturas conectan coa miña música dende o descoñecemento do que eu fago.

Paréceme que non podo perder a oportunidade de abordar un tema que a min me interesa neste momento porque en Galicia xa se coñeza, porque se non, case non se podería falar de nada. Ademais, estamos nun punto no que as tradicións máis ancestrais se están a perder. Por mor da globalidade, todo iso desaparece. É moi difícil atopar cousas que sexan descoñecidas.

Entón o público de Baiuca son os galegos ou a xente de fóra?

Todos. Eu fago música para todo o mundo. En cada situación atópome con algo diferente. En ocasións, como dicía, hai interese polo descoñecido e outras veces polas conexións que se poden establecer. Alguén de Latinoamérica pode atopar unha conexión no que fago eu a través do ritmo, pero que en realidade vén de África.

Cando un galego vén a verme hai sentimentos diferentes, que son cousas que eu sinto cando estou compoñendo. Cando estou facendo música, lévame a cando tiña 10 ou 12 anos. Son cousas que penso que alguén tamén pode sentir.

E como é o teu proceso de produción? Como traballas?

Cada proxecto é diferente. Se tes un proceso igual para todo, entras nunha dinámica na que parece que es unha fábrica de facer churros. Neste disco, por exemplo, tiña claro que quería meterme no estudo a gravar. Gravamos as percusións antes de saber os ritmos. Metinme con Xosé Lois Romero, que é unha parte importante do disco, para ter material co que traballar.

En Solpor, o sample era o principal. A min molábame esta concepción do hip hop e do house de samplear discos xa feitos, o que fala Adrián (Canoura) da reciclaxe da Imaxe, de que hai moita saturación xa feita, de volver a coller iso e reconstruílo.

Como foi ese traballo con Xosé Lois Romero? Interésame sobre todo tendo en conta a cuestión xeracional.

Xosé Lois podería ser meu pai perfectamente por idade! Pero el ten interese de coñecer as cousas que a min me interesan. Eu aprendín moito del, moitas veces é como un mestre. Rematamos os concertos, tomamos unhas cervexas e aprendemos un montón cando el nos conta cousas.

Houbo unha conexión emocional moi forte no persoal, que iso tamén é moi importante cando fas música. Eu coñecín a Aliboria de casualidade por Spotify, non escoitara falar deles nunca. Pouco despois, escribiume el dicindo que lle gustara o meu proxecto. E a nosa relación pasou dunha admiración musical a unha admiración persoal.

Celia Eiras

A amizade e a complicidade son moi importantes á hora de colaborar na música?

Pois si. Nestes tres anos é unha das cousas que aprendín. Agora sei que quero traballar con xente coa que me sinta a gusto, coa que estea cómodo. No caso de Rodrigo (Cuevas) tiñamos unha conexión de querer facer música, pero no proceso de coñecernos iso foi a máis. A amizade que se creou durante a gravación de Veleno foi moi grande. Pasoume con Xosé Lois, con Adrián e con outra xente.

Xa que falas de Veleno e da túa colaboración con Rodrigo Cuevas, gustaríame falar dela. Foi o primeiro adianto que saíu de Embruxo e eu creo que se vai un pouco do que é o resto do traballo.

Si, claro. É o único tema que canta un home, o resto son cantos de mulleres. A min pásame que en xeral gústanme máis as voces femininas que as masculinas para a tradición, pero a súa voz paréceme súper interesante. Tiña esa canción e estaba buscando con quen colaborar e deseguido xurdiu o seu nome, tanto polo persoal como polo estilo que el ten. Foi facer o tema e ter claro que a queriamos utilizar de single.

Creo que todo o disco ten unha sonoridade similar. Fundamentalmente é a da percusión, que penso que é o fío condutor do traballo de principio a fin. Despois hai como unha serie de indagacións en diferentes xéneros e estilos, pero todos unidos pola percusión. Por exemplo, Luar ten un ritmo que nunca fixera, un ritmo moito máis rápido que contrasta coa lentitude de Meigallo.

E seguindo coas colaboracións, igual a que a min máis me sorprendeu nun primeiro momento foi a de Cristian Silva.

Coñézoo dende hai moitísimos anos. Eu aprendín a tocar a gaita xusto onde tocaba el. Vino despois de moito tempo nun concerto en Madrid e pareceume un musicazo. É dos mellores gaiteiros que hai agora mesmo aquí, e tamén por proximidade era unha persoa coa que quería traballar. Podería ter escollido outros, pero el era o adecuado. Porque a min tamén me gusta descubrir artistas que igual en certos ámbitos non son tan coñecidos. Lilaina non teñen nada publicado, pero paréceme moito máis interesante traballar con elas que con alguén que xa teña discos e que estilisticamente non me guste tanto.

Reflexionando un pouco sobre algúns dos renovadores nos últimos tempos da música de raíz en Galicia, eu vexo que Mercedes Peón quere crebar con todo, que as Tanxugueiras queren espallar o tradi cara outros puntos… pero que busca Baiuca?

Se fas música para triunfar ou para ser comercial é cando non vas facer o que queres. Eu fago a música que me gusta para todo o mundo. Sempre tiven claro que canta máis xente me escoite mellor, pero sen perder a miña esencia. Non vou renunciar a facer o que queira para que a escoite máis xente, iso está claro dende o primeiro día.

Pero tampouco pensei nunca que fora algo dun público moi concreto. De feito, o que máis me gusta é que aos meus avós lles mole o que fago, cousa que nunca pensara que sucedería, pero que tamén a xente nova conecte. Porque penso que aí está a oportunidade: contactar cunha xeración que nunca escoitaría música tradicional ou a investigaría sobre a raíces da súa cultura se non fora porque hai proxectos que a redimensionan ou revisionan.

Creo que hai unha evolución da música tradicional dende que aparece Milladoiro nos anos 70 ata agora pasando por Carlos Núñez e outros artistas. Nos últimos 40 ou 50 anos, non hai nada que non rachara dalgún xeito con algo. Creo que no meu caso é volver revisar a cultura dende outro punto de vista diferente. E espero que dentro de 10 anos veñan ideas máis novas que as miñas e que fagan cousas diferentes.

Ao longo da conversa repetiches varias veces que o que queres é dar a túa visión, pero cal é?

Eu nunca profundei na música tradicional dun xeito que se podería dicir militante. E iso tamén me fai vela dende fóra. Dende un punto diferente á xente que vive nese mundo. Eu creo que a música tradicional debe ser o máis tradicional posible porque é cando se mantén esa esencia, pero tamén hai que buscar estas novas conexións para que se siga mantendo viva dalgún xeito.

É o que me interesa. Conectar músicas e sons actuais que me interesan coas miñas raíces. Tampouco hai unha idea máis aló diso. Logo eu podo falar nas entrevistas o que queira, pero eu creo que o que debes facer cando te sentas a facer música é deixarte levar. Os meus principios como Baiuca -polo menos os que tiven ata o día de hoxe- son que quero facer unha parte de electrónica con elementos que conecten e me identifiquen culturalmente con Galicia. E xa está, de aí que saia o que sexa.

Celia Eiras

Dis que a tradición se vai recompoñendo ao longo do tempo. A ti gustaríache que Baiuca dentro dunhas décadas poda ser considerada tradición ou queres transcender iso?

En todo caso, sería música popular, tradición non podería ser. Pero si que tivemos esa conversa o outro día con Xosé Lois falando de música tradicional, popular e folclore. E claro, se algún día dentro dun tempo a xente escoita unha canción miña e a entende como tradicional ou popular, será un éxito. Prefiro que a xente a recorde como parte do ideario galego, que como algo feito por min. Sería estupendo.

E pasa en moitos casos. A Muiñeira de Chantada non é unha canción tradicional, é unha canción popular composta nun momento determinado que agora se pensa que é tradicional porque forma parte do ideario. E penso que aí está tamén o que se di moitas veces de formar país, de acabar tendo uns elementos culturais que nos identifiquen.

Estamos nunha situación estraña obviamente, a covid aínda está aquí, pero cando se poda facer directos van cambiar respecto ao que había antes de Embruxo?

No estudo fago a miña música pensando no baile, pensando no club. Aínda que teña elementos tradicionais, esa parte é súper importante. O formato que teño de banda era un no que se sucedían cancións de Solpor nas que Lilaina non cantaba con cancións de mestura nas que elas si que estaban. Porque elas tamén forman parte de Aliboria. E agora, ao ter cancións nas que elas si cantan, faise moito máis compacta a proposta nese sentido. Hai un punto máis salvaxe tamén co tema da percusión e no directo iso vaise reflexar en que teña aínda máis peso a parte orgánica.

E a COVID afectouche nalgo a hora de crear o disco?

Houbo algún momento no que nos afectou á hora de gravar. De feito, din un falso positivo xusto antes dunha viaxe e tivemos que facelo dun xeito telemático. Escoitaba directamente na miña casa o que se estaba gravando no meu ordenador. Hoxe en día por sorte é posible.

En canto á creación, non me afectou. Eu sabía que en marzo tiña que facer un disco. No 2019 xa gravara con Xosé Lois, soamente me faltaba sentarme a facelo. Si que a covid me deu a oportunidade de parar de xirar porque non vía o momento de poder facelo. A min cóstame iso de chegar un domingo á miña casa e o luns poñerme a traballar. Entón, non sabía como ía poñerme facer o disco. Foi pecharme no meu estudo a facelo e xa.

Entón a COVID ao fin de contas foi positiva creativamente para Embruxo?

Non, para nada o quero considerar así. O único que me deu foi o tempo para facelo. Nese momento concluín que me tiña que illar de toda a situación para facer o disco que quería facer. Este é o meu segundo disco e para min era súper importante que un momento histórico coma este non influíse. Quero que a miña música sexa atemporal, non a penso como algo actual e si, senón coma algo que se poda escoitar en calquera momento.

Antes de rematar, quería volver un pouco atrás. Comentabas que falabas con Xosé Lois entre outras cousas do folclore. Cal é a túa visión sobre o el?

Pois o vexo cada día dun xeito diferente. A base de falar con xente, vou creando a miña concepción. Mercedes Peón dicía nunha entrevista que a música tradicional non pode quedar para formar parte dunha peza de museo e que todas esas recolleitas que se fixeron deben ser o legado que nos queda do noso pasado, pero hoxe en día é moi complicado manter todo iso. As señoras que había nos pobos hai corenta anos non son as mesmas que había antes. E dentro de corenta anos, non sei se vai haber esas señoras.

Estamos tendo unha perda de identidade moi grande. O material tradicional e popular é difícil que creza ou que se descubran pezas que xa non coñecemos. Houbo unha época na que en cada pobo se atopaban pezas novas, pero cada vez iso é máis complicado. Entón, o que nos queda é evolucionar e darlle unha volta na actualidade. No pasado, o obxectivo era manter o que temos e que se puidera dalgún xeito seguir vivindo esas experiencias, pero estamos nun momento bastante complicado para iso.

Celia Eiras

Dis que dentro de corenta anos esas señoras non están, pero a realidade é que ti tamén te fuches de Galicia e vives en Barcelona.

Non me gustaría pensar que alguén para triunfar teña que irse fóra, iso si que me nego a pensalo. De feito, eu non fago moita vida social de cidade grande. Si que me gusta vivir aí no sentido de que un día queres facer calquera cousa, podes. Eu quero que a miña música se coñeza por ela mesma e penso que cada artista ten que aspirar a conseguir iso. A mensaxe non pode ser por estar nunha cidade grande vas triunfar e por estar en Galicia non, dende aquí pódense facer cousas súper interesantes. Non quero que haxa esa imaxe de que hai que ir fóra para triunfar, aínda que no meu caso si que viva fóra. Non quero que a xente me tome como exemplo diso.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.