Bala golpean de novo con ‘Maleza’

Release Date
14 Maio, 2021
Xenero
Rock
Discografica
Century Media
Our Score
7.6

A música que fan Anxela Baltar e Violeta Mosquera non podía ter un nome mellor que o de Bala, pero tampouco unha mellor portada que a de ‘Maleza’. As súas cancións son curtas e directas pero sempre teñen dentes especialmente afiados, capaces de recuperar unha crueza na música de guitarras que cada vez semella máis difícil de atopar a día de hoxe. Co seu primeiro disco, ‘Human Flesh’ (2015), presentáronse ao público galego, mentres que co segundo lanzamento, ‘Lume’ (2017), chegaron ao público internacional, con xiras por países como Australia ou Xapón. Agora, catro anos despois do seu último traballo as expectativas eran máximas.

O primeiro que puidemos escoitar de ‘Maleza’ foi o adianto ‘Agitar’, que ademáis tamén abre o disco. Resulta máis que evidente por qué a banda coruñesa elixiu esta peza para presentar seu novo traballo. As guitarras de Anxela soan máis agresivas que nunca, golpeando dende os auriculares a un ritmo lento pero imparable, reforzado pola batería de Violeta. Trátase ademais dunha pista que contou coas colaboracións de Najwa Nimri, Bonnie Buitrago, baixista de Nasville Pussy, e de Lúa Mosquetera, que se encargou de escribir a súa letra.

‘Agitar’ non só é a mellor canción deste disco, senón tamén pode ser a mellor pista lanzada por Bala ata o de agora, polo que a súa colocación ao inicio de ‘Maleza’ supón ao mesmo tempo un acerto e un handicap para o resto do traballo. Pezas como ‘Hoy No’ ou ‘X’ funcionan ben para pisar o acelerador e manter a enerxía pero nin resultan tan impactantes como ‘Agitar’ nin como outras pistas similares do anterior disco de Bala como podería ser ‘Omertá’.

Con todo, o tramo final de ‘Maleza’ todavía esconde sorpresas como o son máis clásico e accesible de ‘Rituais’, a case instrumental ‘Bessie’, que conta probablemente co riff de máis contundente que escoitamos ata o de agora dende a guitarra de Anxela, que enlaza á perfección con ‘Una Selva’, para despedir o disco cun dos seus momentos máis enérxicos que desemboca nun mar de distorsión absoluta.

Este é o primeiro disco lanzado por Bala dende a discográfica Century Media Records e a produción desta nova colección de cancións diferénciase por completo dos anteriores traballos da banda coruñesa. Guitarra e batería son máis definidas que nunca, abandoando a estética máis lo-fi de ‘Human Flesh’ e mesmo de ‘Lume’ por un son cristalino que ao mesmo tempo fai que os únicos dous instrumentos empregados por Anxela e Violeta soen máis que suficientes para encher xunto as súas voces a mistura de son.

‘Maleza’ ten algunhas das mellores cancións de Bala, mellor gravadas que nunca, pero tamén outras pezas que por primeira vez na súa carreira soan simplemente a máis do mesmo. Con todo, segue a ser unha escoita tan enérxica e chea de forza coma sempre, que seguramente soará todavía máis implacable en directo, aínda que os concertos de hoxe xa non permitan os mismos pogos que piden estas cancións.

7.6
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.