BFlecha explora as paisaxes virtuais en ‘ExNovo’

Release Date
23 Abril, 2021
Xénero
Electrónica
Discográfica
Arkestra Discos
Our Score
8.5

Sempre me chamaron moito a atención as representacións do mundo dixital como un espazo físico. Se ben a día de hoxe xa se entende que internet funciona de maneira moi diferente á realidade non virtual, nos anos 90 e mesmo a comezos do novo milenio aínda era habitual atopar dende filmes de Hollywood a animes pasando polos videoclips ou mesmo videoconsolas como a Play Station 2 e o seu misterioso menú de inicio, estes lugares tan imaxinativos e as veces mesmo abstractos que trataban de representar un futuro dixital, en moitas ocasións máis optimista que o de hoxe.

E en certa maneira, ‘ExNovo’, o último disco da artista viguesa BFlecha prodúceme unha sensación moi similar, case como se se tratara dunha obra impresionista que trata de evocar unhas imaxes dun mundo dixital que non existe como tal mediante os timbres de cada un dos sintetizadores empregados ao longo das doce pistas que o compoñen dende o primeiro momento. O disco comeza con unha canción homónima e instrumental que non fai máis que afondar nestas sonoridades dixitais, evocando cores brillantes, formas abstractas xeradas mediante ordenador.

Con todo, dentro deste mar de música electrónica, a voz de Belén Vidal atopa un lugar protagonista dende a canción ‘Potentia’ ata a fin do disco. Unha voz que ademais aparece cun son completamente natural, fuxindo de manipulacións como o vocoder ou o autotune cada vez máis habituais na música popular, dotando dun elemento moi humano as composicións que compoñen este disco en contraposición á súa instrumentación.

Mediante as súas letras, BFlecha reafirma a estética sonora do traballo, como acontecece en ‘Skyline’, un dos singles do disco, onde fai referencia a “destellos intermitentes alfanuméricos” que parpadean no seu campo de visión, sobre sentir seu corpo brillar nunha “retícula tridimensional” ou sentirse un náufrago “en este mar de información”, unhas referencias informáticas que a pesar de todo parecen esconder uns desexos moi humanos.

En ‘ExNovo’, Belén Vidal traballou de novo con Mwëslee como co-productor e rodeouse co seu círculo de colaborades habituais: Judah GT, Monkey’s Cymbal ou Lost Twin. Pero ademais, tamén recorreu a un texto do poeta e novelista Xavier Queipo para compoñer ‘Enantiómeros’, a primeira canción de BFlecha en galego, que encaixa á perfección coa temática deste traballo, evocando emocións humanas a través dunha linguaxe a medio camiño entre a ciencia e a poesía.

‘ExNovo’ supón unha clara evolución na carreira de BFlecha, cunha produción moito máis coidada que a do seu debut “Beta” (2013) e unhas composicións máis abstractas e atrevidas que as do seu segundo disco “Kwalia” (2017). Ao longo das doce cancións que compoñen este novo álbum, a artista viguesa é capaz de explorar unha proposta vangardista e diferente á maior parte da proposta electrónica galega, cun son que non ten medo a ser valente á vez que accesible, evocando imaxes únicas mediante as ondas sonoras que saen dos nosos altofalantes.

8.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.