Black Country, New Road tocan o ceo en ‘Ants From Up There’

Release Date
4 Febreiro, 2022
Discográfica
Ninja Tune
Género
Art-Rock
Our Score
10

Asegurar que un disco se vai converter nun clásico ou unha obra de culto ao pouco tempo do seu lanzamento é canto menos unha valoración atrevida. Porén, con ‘Ants From Up There’, o novo álbum da banda británica Black Country, New Road resulta máis sinxelo do habitual. Non só se trata dun traballo dunha excelente calidade musical, senón que todo o contexto que envolve a este disco deixa claro que se trata dun álbum único.

Esta agrupación de sete pezas xa sorprendera o ano pasado co seu debut ‘For the first time’ e a súa proposta a medio camiño entre o post-punk que tanto auxe viviu nos últimos anos e un post-rock máis experimental. Porén, se ben a banda xa ofrecía un son en gran medida diferente e persoal, foi comparada de forma constante con Slint, grupo de post-rock estadounidense que desenvolveu a súa carreira entre finais dos anos ’80 e ’90.

Pero desta volta ‘Ants From Up There’ vai moito máis alá. As dez cancións que compoñen este lanzamento amosan unha madurez musical difícil de imaxinar para unha banda tan nova. Desta volta todos os elementos que facían diferentes a Black Country, New Road seguen presentes pero amplificados. O resultado é un disco con instrumentacións complexas, que seguen estruturas diferentes en cada unha das pezas, capaces de xogar coa dinámica e os timbres dos sete instrumentos presentes.

Se en ‘For the first time’ os riffs de guitarra aínda conformaban o esqueleto da maioría das cancións, desta volta os arranxos son moito máis complexos e variados, con maior peso para os arpexios. Este trabalho conta con momentos tan fermosos como as melodías de saxofón e piano que abren ‘Haldern’, unha canción que tamén finaliza con sorprendentes arranxos.

Todo isto acompañando á voz de Isaac Wood, que canta sobre a ansiedade da xeración Z. ‘Chaos Space Marine’ abre o disco co máis parecido posible ao concepto de ópera indie-rock espacial, mentres que ao longo do disco o cantante londinense fai referencias sorprendentemente poéticas a conexións wi-fi que fallan en “Bread Song” ou sobre unha rapaza cun estilo similar ao de Billie Eilish en “Good Will Hunting”. Nos foros de internet algúns atrévense a asegurar de que a Charlie da que canta Wood en ‘Basketball Shoes’, nunha especie de retorcida e melancólica fantasía, e a mismísima raíña do hyperpop Charli XCX, aínda que desta vez hai moito oco para a interpretación.

En certa maneira este traballo semella unha culminación de todo un movemento que se viu xestando durante os últimos anos, misturando elementos do post-punk co jazz, como puidemos ver en discos de novas bandas como Black Midi ou Squid, pero tamén artistas máis veteranos como David Bowie co seu último disco ‘Blackstar’ (2016). Porén, ‘Ants From Up There’ vai aínda máis lonxe, ofrecendo un disco que supera as barreiras de todos estes xéneros, incluíndo tamén ecos do son dos primeiros Arcade Fire ou mesmo de bandas como Neutral Milk Hotel.

En certa maneira resulta tranquilizador que a proposta de Black Country, New Road atópese completamente definida neste disco, xa que apenas uns días antes da súa publicación Isaac Wood anunciou que abandoaba a banda por problemas de saúde mental. Se ben o resto dos membros do grupo británico xa aseguraron que seguirán facendo música xuntos, esto marca definitivamente o fin dunha era.

O máis probable é que non voltemos a escoitar discos Como ‘Ants From Up There’ por parte de Black Country, New Road, que mesmo non poderán interpretar estas cancións en directo. Un contexto que fai aínda máis única esta colección de cancións. Se ben é imposible saber se este disco rematará por converterse nun clásico, conta con todos os ingredientes para facelo. Polo momento temos claro que se trata dun dos mellores traballos musicais dos últimos anos.

10
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.