Boyanka Kostova, mellores ca Nunca en ‘Os Dous de Sempre’

Release Date
5 Xuño, 2020
Discográfica
Mushroom Pillow
Xénero
Música urbana
Our Score
7.7

Boyanka Kostova consagráronse no mesmo momento no que viu a luz o seu primeiro EP, Vella Canción Galega (2018). Xa por 2017 comezaran a resoar os nomes de Chicho e Cibrán como os primeiros en facer trap en fala galega. Hai tres anos velos en directo facíase unha experiencia inaudita; tan reveladora que iniciaron unha ondada de música urbana galega que a día de hoxe ocupa gran parte do panorama mainstream do país.

E desde aquela, Boyanka Kostova evolucionaron moi rápido. Grazas ao talento de ambos, ao seu intensivo traballo -lembremos que Chicho compaxinou tamén os proxectos de Esteban & Manuel e Ortiga- e á retroalimentación dos músicos e bandas que están a agromar en Galicia. E se en Vella Canción Galega, a frescura e a calidade xogaban nun perigoso equilibrio coa broma e a auto-parodia -trap “costumista”, facían chamar ao seu estilo-, pouco queda xa desa confusa fronteira entre o humor e o tomarse en serio.

Aínda que Boyanka Kostova seguen a estar de coña, non hai nada en Os Dous de Sempre que non arrecenda a absoluta profesionalidade. Se xa en Nova Canción Galega (2019) foran notables os avances na produción e cara ao desbotamento dos estereotipos ideolóxicos ruralistas, agora dan un paso máis cara á consolidación do seu estilo. Gravado e mesturado novamente polo Hevi, perfeccionan a produción ao tempo que exploran influencias máis claras da música tradicional galega.

Quizais o maior erro do disco é o pouco que dura para todo o que podería abarcar. Atopámonos unicamente con sete pistas -unha delas un remix dun sinxelo do pasado ano-. As menos chamativas non se agochan o suficiente entre as que máis relocen; que, en tan só 22 minutos de duración, non son demasiadas. Mais aínda que non esteamos ante un traballo impoluto, ningún corte é desdeñable.

Raxo / Lomo abre o disco con poucas pretensións. Sobre unha base de trap ao uso, Cibrán demostra unha vez máis que é un dos mellores letristas de Galicia, así como un dos nosos rapeiros máis áxiles. Un corte correcto que non destaca demasiado nin difire do feito anteriormente por Boyanka Kostova. Porén introduce boas sensacións grazas a unha pulidísima produción que acompañará o resto do disco.

Resulta imposible non esbozar un sorriso co sample que dá inicio a Restaurantes. Miro Pereira impulsa un tema onde deciden acreditar a Ortiga como colaborador, e o certo é que hai moito máis dos ritmos latinos de Ortiga que do trap urbano ao que nos ten afeitos Boyanka. O segundo adianto do disco conforma un pegadizo e orixinal tema de cumbia que fía con Despacio, nunha liña semellante mais que se queda pequeno ao lado do seu predecesor.

Chegados ao ecuador, atopamos o punto álxido do disco. de Interior supón un gran exemplo de colleita das influencias do folclore galego, renovándoas e facéndoas soar contemporáneas. Gaita, guitarra, percusión tradicional e electrónica fusiónanse coma se a muiñeira e o trap -agora si podemos falar verdadeiramente de “trad”- tiveran ido sempre da man. Deste xeito, “prende ese porro e pasa o cacharro” e “muiñeira de interior porque non hai outra feira mellor” únense de xeito natural para conformar un tema sólido e maduro.

En chave reggaetonera e mostrando todo o imaxinario popular da Cidade Olívica, Abel The Knight eríxese automaticamente como unha canción indispensable que cantar polo camiño Vinos-Churruca. A modesta base de samplers de Ronaldinho funciona como apoio dun corte cuxa fin última é o lucimento de todo o portento lírico de Cibrán: “Teño un coco prodixioso para encaixar letra. Formar palabras, frases e toda esa merda para que logo as analicen estudiantes de Lengua. Porque teño unhas verbas, unha verborrea excelsa”. Finalmente, Camerino pecha o disco con forza. O single quedara sen fogar o pasado ano, mais desta vez dáselle un lavado de cara, remesturado xunto ao dúo barcelonés Muevelorreina.

En Os Dous de Sempre, Boyanka Kostova seguen a facer o seu, o que lles deu un nome no panorama musical do noso país. Pero con cada traballo que publican, dan un paso máis cara a novas formas de materializar a un estilo urbano ao que aínda lle queda moito por esgotar. Pedriño e Rañolas tomaron axiña camiños contrapostos, mais esperemos que a Chicho e Cibrán lles depare un futuro diferente.  

7.7
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.