Leo López

Clara!: “A xente ve o reggaeton como machista porque é sexual, e iso é moi machista”

Hoxe en día o reggaeton é máis popular ca nunca, e é unha fonte inesgotable de artistas contemporáneos. A DJ e tamén MC reggaetonera Clara! é un excelente exemplo. Nacida en Galicia pero residente en Bruxelas, as súas producións están influenciadas polo reggaeton feminino dos anos 90. O seu debut Reggaetoneras (2015) foi un recopilatorio de todas esas voces femininas latinoamericanas, e non só recorda a música en si: as mixtapes foron editadas en cinta, evocando a forma na que o reggaeton foi compartido e distribuído naqueles anos. Seguíronlle outras dúas, Reggaetoneras 2 (2016) e Reggaetoneras 3 (2018), a través do selo francés Editions Gravats, mesturando de novo voces de mulleres pioneiras no xénero ata a actualidade.

Clara! tamén se lanzou a producir e cantar os seus propios temas de reggaeton. Despois de escoitala por primeira vez en Meneo xunto a Maoupa Mazzocchetti, e de lanzar en solitario traballos como o EP Meiga de Acero (2019), Clara e Maoupa volveron xuntarse e sacaron a finais deste ano un dobre LP titulado Luna Nueva. Un álbum cunha visión futurista do reggaeton e de todos os afluíntes da música de baile, desde o dancehall ata incluso tamén o folk nacional, onde atopamos unha sorprendente versión dunha canción popular galega. Pero a súa incursión na música tradicional non queda aí. Recentemente, Clara! realizou unha sesión para Red Bull Radio onde, entre nomes como Karol G, seleccionou un tema de Milladoiro, e fixo un sorprendentemente remix de Faltriqueira para Boiler Room. Tamén, no seu programa de radio Fuego FM, do colectivo belga PRR! PRR! do que forma parte, recolleu unha serie de cancións populares menos coñecidas e que paga a pena descubrir.

Clara! actuou no último WOS Festival e en Balea non quixemos deixar pasar a oportunidade de convesar con ela. Sentámonos coa artista para falar sobre romper barreiras, a súa incursión no canto e a produción, e a súa parte na promoción do legado feminino do reggaeton.

Se non me equivoco esta é a túa primeira vez pinchando en Galicia. Cales son as túas sensacións?

Pinchei na afterparty do Sinsal en Vigo tamén este verán. Pois é como que… me estresa un pouco (risas). Estrésame máis que noutros sitios porque aquí está toda a xente coñecida. Pero estou moi contenta de volver a casa e estar no WOS, aínda que me dá mágoa non poder quedarme máis tempo.

Gustaríame comezar a entrevista co cambio de percepción sobre o reggaeton, un xénero marxinal que tivo sempre ese estigma de música vulgar e machista, e que agora está liberándose deses prexuizos e xa é parte do maistream. Está nos clubs, está nas radios e incluso nos premios grandes da industria musical. Agora que ten un percorrido, como ves ti esta evolución? E como o reciben nas cidades europeas?

A percepción fóra de España non ten nada que ver coa de aquí. Aínda que o reggaeton estea de moda en todo o mundo, é moi distinto como o viven nos países de fala non hispana a como se vive aquí. Alí como tampouco entenden as letras, dalles igual o que canten (risas). O reggaeton agora tamén é diferente ao dos anos 2000. É menos sexual e moito menos “forte”. Digamos que é moito máis soft e máis fácil de asimilar pola xente e polos medios. Creo que a xente ve o xénero como machista porque é moi sexual. Esa idea en si mesma é moi machista porque cando dis iso, estás limitando esa actitude sexual só aos homes. As mulleres tamén deberían poder cantar sobre sexo.

A introdución do reggaeton na vangarda electrónica tampouco está exenta de prexuízos e críticas. Seguín por internet o concerto de Boiler Room en Madrid onde actuaches con Rico Nasty e as rapazas de Chica Cang, cuxa sesión teño que dicir que recibiu uns comentarios inxustamente deplorables.

A min tamén me criticaron (risas). Pero é porque non se enteran, son os puretas da electrónica. E insisto. Haberá reggaeton machista pero tamén hai rock machista, e non porque sexa sexual, senón porque é machista. Que iso si é o grave. De min tamén dixeron que facía música machista é e como… pero tío, se son tías as que cantan! Mais pouco a pouco vanse rompendo as barreiras e actualmente hai mogollón de artistas electrónicos de entornos máis techno e experimentais mesturando reggaeton e ritmos de dancehall.

Dicía a dj Rosa Pistola que o reggaeton é o novo punk para as mulleres, tanto para o canto como para o baile. Pero tamén é algo que se traslada aos formatos e á estética. Ti, por exemplo, sacaches tiradas en casete das túas mixtape, algo que compartes cos grupos de punk que aínda editan as demos nese formato.

Esa relación co punk é algo no que eu non reparara nunca. Saquei dúas cancións este ano e un artigo fixo xustamente unha comparación coa escena da movida española dos 80, e volvéronme a dicir algo parecido este verán. É curioso.

O das cintas foi cousa do selo. Nesta escena se non sacas nada en físico pasas desapercibido, e para editar en físico sáelles máis económico facelo en casete. A min é algo que me dá exactamente igual (risas). Eu non son coleccionista, a música descárgoa e cómproa en Bandcamp; dame igual tela en formato físico. Para o selo evidentemente non é así.

Interésame o proceso de recompilación que fixeches para Reggaetoneras. Como comezaches a construir o teu arquivo? Como de difícil resultou a búsqueda?

Para a primeira mixtape tirei de Google e Youtube a saco. Para a segunda publiquei en foros de artistas femininas e djs, tamén nalgún grupo de Facebook onde algunha xente me mandou cousas. A verdade é que é moi divertido buscar e ir de enlace en enlace. Facer mesturas de Reggaetoneras é unha pasada porque é como atopar ouro en Internet.

Creo que a intención de Reggaetoneras é bastante obvia, pero que significa para ti? Hai algún interese máis alá de darlles visibilidade a esas artistas?

É basicamente iso, visibilizar ás mulleres do reggaeton. Se non tivese buscado estas reggaetoneras de maneira activa e firme, nunca as tería escoitado ou nin siquera tería oído falar delas. Trátase de demostrar que estas artistas femininas existen. Ademais de ensinar que o reggaeton non ten por que ser machista, e que en voz dunha muller é diferente tamén. E que, por suposto, nós tamén podemos cantar cousas sexuais.

Cres que as artistas de reggaeton abordan a súa música de maneira diferente aos homes?

Hai diferencias. As mulleres xeralmente cantan sobre si mesmas como obxectos do desexo, e os homes cantan sobre as mulleres que tamén son ese obxecto. Pero, afortunadamente, non sempre é así, e a veces os roles cambian.

Foi xenial escoitarte en Meneo porque foi a primeira vez que lanzaches o teu propio traballo de canto e produción. Mola moito esa ironía que lle pos ás letras. En que te inspiras para escribilas?

Intento darlle humor, sobre todo, e toda esa actitude e bagaxe reggaetonera (risas). Para as letras depende moito do momento no que me atope, pero intento falar das cousas que me preocupan: feminismo e temas relacionados coa miña vida persoal. A letra de El Ratón trata por exemplo sobre algo que sempre me molestou nas discotecas, que é cando os tíos empurran e empurran para ligar contigo sen importar cantas veces digas que non. O novo disco que vai saír a finais de ano é máis persoal e menos político.

Poderías recomendarnos algunhas artistas actuais de reggaeton, dembow ou o que sexa?

Gústame moito La Goony Chonga e o último de Tomasa del Real. Agora mesmo estou escoitando bastante a unha rapaza de Barcelona, La Tiguerita. E hai unha canción que non me saco da cabeza, ‘Violenta’ de Ayo Tamz & DJ La Moon.

Como te ves agora mesmo como DJ en relación cos inicios?

Eu comecei porque unha amiga tamén dj (DJ Amigo III) organizou unha festa onde nos divertimos moito pinchando e decidín continuar. Empecei subindo a mixtape en Soundcloud pero así como sen esperar nada, entre amigos. Despois, cando saiu a cinta levou a facer as cousas máis en serio e… tiven un fillo ao mesmo tempo (risas). Vou pouco a pouco pero espero poder seguir dando máis concertos.

Agora mesmo estou moi contenta por como me van as cousas. Foi todo moi inesperado, sobre todo o dos concertos con Maoupa porque el foi quen me animou a cantar. El veu a unha festa onde eu pinchaba, nin sequera escoitaba reggaeton, tiña moitos prexuizos pero moloulle e dixo que tiñamos que facer algo xuntos. E así foron saíndo as cousas pouquiño a pouco. Xa ves que de forma moi natural. E creo que por iso me está saindo ben, ao non poñerme obxectivos, as cousas chegan soas.

En Galicia tes previsto dar máis concertos?

De momento non, tristemente. Ao estar vivindo fóra tamén sae máis caro traerme… Pero seguro que volverei pronto!

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.