Dioivo, a banda viguesa de metal, vén de lanzar Ferro e Xenreira, novo sinxelo que será o primeiro adianto do seu novo EP, Dioivo III, que sairá da man do selo andaluz Darkwoods. Trátase da primeira canción nova que lanza o grupo dende xaneiro de 2019, se ben reeditaron o seu primeiro EP coa mesma discográfica alá por novembro de 2020.
A canción conta cunha colaboración de Marcos Rodríguez e Dana Lago, cantantes de Mileth, e o que vemos hoxe é unha versión sinxelo. Sairá, para Dioivo III, unha versión completa do tema.
Segundo a banda, contaban con poder presentar o tema nun concerto que ían dar pasado mañá na sala Rebullón, de Mos, pero a terceira onda do coronavirus fíxolles ter que cambiar os plans. Foi gravada xusto antes do confinamento, o cal interrompeu toda a gravación do EP.
Dioivo III foi gravado nos estudos Namek, en Vigo, e a banda promete un son moito máis cru que no disco anterior, Dioivo II. O tema xa pode escoitarse en todas as plataformas dixitais.