Dominic Fike, estrela de rock estancada para unha nova xeración en ‘What Could Possibly Go Wrong’

Release Date
31 Xullo, 2020
Discográfica
Columbia Records
Xénero
Hip hop alternativo
Our Score
4.8

Se nunca escoitaches falar de Dominic Fike, prepárate para telo ata na sopa. Todo apunta a que 2020 acollerá ao músico de Florida como 2016 o fixo con Post Malone: unha alt-rockstar tan desafiante nos looks -logo de Apple tatuado na meixela e unha curta estancia en prisión incluídos- como na súa capacidade para hibridar rock e hip hop coa esencia pop máis accesible. Dominic Fike reúne todo os requisitos para converterse no novo heroe da Xeración Z; se é que non o é xa.

O atractivo de Fike calou rápido. En 2017, mentres se atopaba en arresto domiciliario por agredir a un policía, gravou Don’t Forget About Me, Demos: unha compilación fragmentada e inacabada, mais era quen de amosar un enorme potencial en cru perfecto para o consumo das novas xeracións. Tanto é así que logo da publicación independente do EP en Soundcloud, deuse inicio a unha guerra entre discográficas por ver quen daba máis por Dominic Fike.

Xa fichado por Columbia Records, chegoulle o éxito comercial co lanzamento do sinxelo 3 Nights. E mentres ía forxando unha amizade con Kevin Abstract, gañaba fama grazas ás stories de Instagram de Kylie Jenner e colaboraba con Halsey, o seu primeiro álbum de estudio estaba en marcha. Deste xeito, ve a luz What Could Possibly Go Wrong. Un disco que erra desde a súa idea de raíz: lonxe de buscar expandir e forxar o seu potencial musical, decide procurar o éxito replicando a fragmentación inconclusa coa que se presentou ao mundo.

E triunfará como banda sonora do verán dunha xeración que desfruta da música tan pegadiza como fugaz, nun momento onde o alternativo-mainstream camiña cara á repetición sonora do Simpsonwave ata a saciedade. E toda esa estética desintegrada e lo-fi coa que MACINTOSH PLUS cambiou o rumbo dos 2010s funciona moi ben cando o concepto e a construción do mesmo vai moito máis alá -véxase Arctic Monkeys, Tame Impala ou Tyler, The Creator-.

Pero en What Could Possibly Go Wrong non existe maior concepto que o meramente estético. Dos 14 cortes que o compoñen, soamente tres deles duran máis de tres minutos. E tan só dous deles –Vampire e Politics & Violence– parecen estar rematados. O resto semellan demos con comezo pero sen final. Coma se, nacida unha idea, non houbese tempo para desenvolvela e fixese falta pasar a outra rapidamente.

Este neuroticismo non é o único rasgo característico dos tempos nos que vivimos que toma o disco: a cultura da cancelación, o peso da fama ou o sexo como banalidade cotiá son temas recorrentes nun imaxinario que raspa a capa máis superficial do actual estadío da sociedade capitalista. Así Cancel Me funciona como unha crítica edulcorada do movemento #MeToo ou Chicken Tenders fala sobre follar nunha habitación de hotel e acto seguido pedir aliñas de polo.

O talento de Dominic Fike segue a palparse, aínda así, ao longo de todo o disco. A execución da mestizaxe de xéneros anticipa a un artista que brillaría moito máis se decidise rematar e perfeccionar as súas ideas. What Could Possibly Go Wrong abre enerxicamente en chave de punk con Come Here, para pasar rapidamente ao garage rock revival, con Double Negative (Skeleton Milkshake). Tamén nos atopamos influencias directas do soul e do R&B con Whats For Dinner? ou Florida. E todo encaixaría sen a teima de amputar bruscamente cada rastro anterior e introducir un novo.

Como xa se anticipou antes, os puntos álxidos do traballo atópanse nas dúas cancións redondas. Vampire supón un brillante tema de R&B sostido en todo momento por unha liña de guitarra tan sólida como harmónica. Por outra banda, Politics & Violence amosa a produción máis brillante de todo o disco, nun exercicio de cloud rap que mestura os coros dos últimos BROCKHAMPTON coas enxeñerías sonoras de Frank Ocean.  

Dominic Fike semella atrapado nunha pretensión estética que lle impide explorar todo o seu potencial como artista contemporáneo, e What Could Possibly Go Wrong é un disco incompleto e demasiado fugaz para todo o que procura abranguer. Porén o encanto de Fike é ideal para o que toda unha xeración quere escoitar hoxe en día. E a verdade é que tampouco pedimos moito, “que podería saír mal”?

4.8
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.