Ed O’Brien lanza a súa carreira en solitario con ‘Earth’

Release Date
17 Abril, 2020
Discográfica
Capitol Records
Xénero
Rock Alternativo
Our Score
7

Ao longo das últimas dúas décadas os membros de Radiohead comezaron a aproveitar os ocos entre os discos e as xiras da banda británica para ir desenvolvendo novos proxectos. O primeiro en dar este paso foi o guitarrista Jonny Greenwood, que lanzou no ano 2003 a música para o filme Bodysong, que inauguraría unha extensa e galardoada carreira paralela como compositor de bandas sonoras para películas de directores como Paul Thomas Anderson.

O seguinte membro en comezar a publicar material fóra de Radiohead foi Thom Yorke, en 2006 lanzou seu debut en solitario titulado The Eraser, ao que seguiron outros dous discos onde o cantante británico explora os aspectos máis electrónicos que xa apareceran de maneira ocasional no son de Radiohead, así como unha banda sonora para a película Suspiria. Ademáis, en 2013 tamén publica Amok, o álbum debut dunha nova banda chamada Atoms For Peace onde compartía escenario xunto a outros músicos como Flea ou Nigel Godrich.

En 2010 chegou o turno de Phil Selway. O batería deixou a un lado as baquetas para coller unha guitarra acústica e compoñer unha serie de cancións cun son próximo ao folk no seu debut titulado Familial, que tería unha continuación catro anos máis tarde con Watherhouse. Ademáis, Selway tamén se adentrou no terreo das bandas sonoras coa música de Let Me Go, lanzada en 2017.

Ata agora soamente non escoitaramos traballos en solitario do baixista Colin Greenwood e do guitarrista Ed O’Brien, aínda que deste último sabíase que estaba a traballar en nova música pola súa conta mesmo dende o ano 2012. Finalmente este mes de abril chegou o primeiro disco de Ed O’Brien, baixo o pseudónimo de EOB, e o título de Earth.

Este álbum é quizais o traballo máis variado de todos os lanzados polos membros de Radiohead fóra da discografía da banda. En tan só nove cancións podemos atopar rock cargado de guitarras, folk e longas improvisacións, de maneira coherente e conseguindo manter un son cohesionado ao longo de toda a duración de Earth.

Son precisamente as cancións de maior extensión, que chegan a superar os oito minutos, aquelas que aoportan os meiores momentos do disco. Brasil conta con todas as fortalezas de Earth, comezando como unha fermosa balada acústica que pouco a pouco se converte nun rítmico trance marcado por unha fantástica liña de baixo. Pola súa banda, Olympik lembra aos mellores momentos dos U2 dos anos 90, cun son psicodélico que anima con todas as súas forzas a lanzarse a bailar.

Os momentos máis rockeiros do disco atópanse en cortes como Shangri-La e Banksters, dúas cancións que contan con estrofas bastante chamativas, conducidas por ritmos inspirados pola música brasileira, mais cuns estribillos quizáis demasiado xenéricos.

Entre aquelas cancións máis acústicas cun son próximo ao folk, atopamos de todo, Long Time Coming pode resultar algo esquecible, mentres que os ambientes máis misteriosos de Sail On ou Mass conseguen destacar. O último corte do disco tamén merece unha mención especial. Desta vez Ed O’Brien armoniza a súa voz coa da cantante Laura Marling en Cloak of the Night, dotando ao disco dun fermoso final.

Earth é un bo traballo, un disco con momentos sorprendentes e ideas frescas que non supoñen unha simple continuación do traballo que O’Brien viña realizando en Radiohead. Porén, non resulta comparable as coidadas composicións de Radiohead e semella menos aventurado que os álbumes en solitario de Thom Yorke ou Jonny Greenwood. Pode que O’Brien o tivera difícil dende o comezo ao saber que a súa música sería comparada coa da súa banda, unha das máis aclamadas das últimas tres décadas, e se ben non está a esta mesma altura, Earth ben merece unha escoita.

7
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.