Fleet Foxes saúdan o outono con ‘Shore’

Release Date
22 Setembro, 2020
Xénero
Folk rock
Discográfica
Anti-
Our Score
8.2

Co outono, chega a baixona. Baixan as temperaturas e redúcense as horas de luz diarias. O noso estado de ánimo vese afectado inconscientemente, e tras estes duros meses, agora máis ca nunca. Pero Robin Pecknold, rostro e mente de Fleet Foxes, chegou cunha receita médica no momento máis apropiado. Ás 15.31 horas do martes, 22 de setembro de 2019, no xusto minuto no que acontecía o equinoccio de outono no hemisferio norte, viu a luz case de sorpresa o cuarto álbum de estudio da banda de Seattle.

Coa publicación de Crack-Up en 2017, semellaba que Pecknold marcaba un punto sen retorno. Xa pouco quedaba da instrumentación alegre e os cantos cheos de esperanza que elevaran a Fleet Foxes á cúspide do indie folk. Nese frescor xubiloso que desprendían Fleet Foxes (2008) e Hopelessness Blues (2011), calquera podía sentirse atraído e identificado. Mais tras un parón de seis anos, a banda tornárase máis complexa, densa e escura que nunca.

Tras a declaración de intencións que supuxo Crack-Up -o título non podería estar mellor acaído-, resultaría moi difícil anticipar a forma que tomaría Shore. O certo non se podía ter anticipado absolutamente nada, pois foi anunciado pouco menos dun día antes de que se publicase. Por vez primeira desde a saída do seu álbum debut, o mundo non gardaba ningún tipo de expectativas. E non existe mellor forma de presentar un disco como Shore: sen un ápice de pretensión.

Shore supón un traballo de madurez tanto creativa como persoal. Robin Pecknold escribe, instrumenta e produce as 15 cancións que compoñen o álbum, e en cada unha delas verte un manifesto claro e conciso. Fala sobre a morte, a tristeza, o amor, a liberación e, terminantemente, sobre abrazar todas as emocións e experiencias e aprender a ser mellor con elas. Os cortes fúndense uns cos outros, artellando un percorrido tan sincero e revelador como agradable e asequible de escoitar.

En certa forma, nese exercicio de auto-aceptación, Shore leva consigo unha volta ás raíces da banda. Cortes como Can I Believe You ou Featherweight poderían ter sido gravados hai unha década. Fleet Foxes non soan demasiado diferentes a como o facían hai 12 anos, mais manteñen unha frescura inquebrantable. En Young Man’s Name, Pecknold canta “I’ve been a rolling antiquе for all my life”, coma recoñecendo as influencias dos Byrds ou dos Beach Boys na súa música; as mesmas que a fan atemporal e imperecedoira.

A sazón maniféstase desde os primeiros segundos de Shore. Un dos grandes selos de Pecknold foi sempre a súa potente voz, rozando o berro, que se proxecta ata ocupar todos os recunchos do espectro de audio. Pero desta vez, nun alarde de auto-convicción, cédelle a presentación a outro, e é Uwade Akhere a que abre o disco recitando suavemente os versos introdutorios en Wading in Waist-High Water.

Este primeiro corte fúndese con Sunblind, facilmente unha das cancións máis alegres da discografía de Fleet Foxes. Agora si, Pecknold fai acto de presenza nun canto de liberación que se materializa nunha honra fúnebre aos defuntos cantautores que marcaron a súa vida: Richard Swift, John Prine, Bill Withers, David Berman e Elliot Smith (“I loved you long, you rose to go. Beneath you, songs, perfect angels in the snow”). A aceptación da morte e a honra aos finados serán temas fundamentais tamén en Jara -de nome, Víctor- e o tema que dá título e pecha o disco.

Wading in Waist-High Water e Sunblind configuran un tándem que despide o verán, mais a iconografía estacional non radica nunha escusa para publicar o disco no equinoccio de outono. Para Pecknold, as estacións simbolizan estados de ánimo: en Featherweight, cambiar o tempo significa saír dunha depresión (“Feel some change in the weather. I couldn’t, though I’m beginning to”), e en I’m Not My Season, recórdase a si mesmo que a mesma non o define.

Sempre existiu unha compoñente tremendamente cautivadora na instrumentación dos traballos de Fleet Foxes; unha que non cesa de perfeccionarse a medida que pasa o tempo. As innumerables cordas harmonízanse coa redundante percusión e cos sempre presentes coros, configurando unha sorte de cánticos celestiais que semellan sempre á espera de estoupar na catarse.

Agora máis ca nunca, os pases instrumentais toman máis protagonismo que nos anteriores discos. En lugar de fundirse constantemente no fondo entre as oratorias voces principal e secundarias, comezan a ocupar ocos que deixan algúns dos puntos álxidos do disco. Na complexísima Quiet Air / Girola, piano e sección de corda constrúen o clímax, superpoñéndose aos murmurios: “Oh devil walk by”.

A continuación, en Going-To-The-Sun Road, a sección de vento acondiciona o comezo do final da viaxe arrolando os oídos; igual que en Cradling Mother, Cradling Woman, nunha chave con toques de Broadway que recordan ao Sufjan Stevens máis brillante de Illinois (2005). Finalmente, o disco pecha coa orquestra fusionándose e confundíndose co piano, ao susurro de “Now the quarter moon is out”, augurando a lúa crecente deste equinoccio xa para sempre apropiado por Fleet Foxes.

Shore non é o disco definitivo de Fleet Foxes, e seguramente tampouco o menos imperfecto. Pero consegue erixirse como todo o que pretende: unha obra de madurez autosuficiente para o autor e un alivio para o ouvinte. Quen busque un disco agradable que funcione como música de fondo, atoparao; quen decida escudriñar en todos os seus recunchos líricos e instrumentais, rendibilizará horas e horas de escoita. Grazas Robin Pecknold por darnos o impulso que precisabamos para enfrontarnos ao que queda de ano.

A estrada do sol
O começo de tudo
E as nuvens que agora se afastam
Mostrando um caminho que está sempre lá
E que é qualquer lado que a gente quiser caminhar

Tim Bernardes no outro de Going-To-The-Sun Road
8.2
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.