J Balvin é o gris en ‘Colores’

Release Date
20 Marzo, 2020
Discográfica
Universal Music
Xénero
Reggaeton
Our Score
6

A saída de Vibras (2018) fora todo un acontecemento. Tratábase dunha exposición do reggaetón como música de futuro, con moito que desenvolver tanto a nivel lírico como a nivel produtivo; con pequenos elementos a nivel de produción que facían levar as mans á cachola, e contando con diversas caras de movementos estilísticos más relacionados co pop e o R&B como Carla Morrison ou Rosalía.

J Balvin non é un pioneiro, pero o seu ben facer naquel álbum deulle unha posición privilexiada. Se xa gozaba de fama, agora tamén tiña á crítica do seu lado. Soamente unha persoa no mundiño era capaz de facerlle sobra, Bad Bunny, e ambos se encargaron de lanzar un álbum en conxunto, Oasis, o ano pasado.

Ambos mostráronse capacitados nestes dous últimos anos xa non só para producir a unha velocidade de envexa, senón tamén para que as súas cancións sexan cantadas arredor do mundo. E se ben o éxito xa está asegurado, ao menos no caso de J Balvin debemos falar de que, ao escoitar este novo álbum, Colores, non sentimos nin por asomo a mesma felicidade que con Vibras.

En xeral, calquera albisco de novidade e experimentación co xénero que aparecera en Vibras desaparece para Colores. Se comparamos, veremos que as diferenzas son enormes, cunha conexión entre cancións que soamente aparece a través do nome dos temas, e incluso tomando recursos utilizados con tino no anterior álbum que agora aparecen de súpeto, nunca tentando crear senón recordando ao que xa existía. Se non comparamos, no canto de saír gañando seguiremos igual de decepcionados, atopando algo totalmente esquecible.

Conta J Balvin para Apple Music que o nome das cancións saíron de maneira aleatoria, decididas en grupo, cos ollos pechados e pensando na cor que cada tema facía sentir aos membros do equipo creativo. E ata aí é todo o concepto que veremos detrás do álbum, onde ningunha cor evocará nada relacionado sequera co tópico das cores, destacando o gracioso que pode ser en certos contextos que a canción Morado fale de beber alcol ata emborracharse.

Non atoparemos sorpresas no álbum, senón unha concatenación de temas que nunca chegarán a semellar un auténtico rompe-pistas, onde as mínimas que comparten reggaetón e trap nas súas versións modernas compartirán en calquera obra. Os temas lánzanse un tras outro, tentando Balvin cantar en todos con atractivo, pero sendo incapaz de que nalgún momento conquiste.

O único capaz de salvar o álbum, aínda que semelle a primeira ollada unha contradición, é o propio J Balvin. Non é novo nisto, e nótase. A súa maneira de soltar as frases funciona, e vese que non é a primeira vez que o fai. Tal vez por iso, aínda que sexa un chisco, a cousa ten sentido como un todo.

Non estamos ante o álbum do ano, e chama a atención que haxa un paso atrás tan enorme ante Vibras, tendo en conta que tamén aquí Sky Rompiendo é quen ten baixo as súas mans toda a produción do álbum. Funcionará? Por suposto. Xa o está a facer. Pero igual que Vibras chamaba a escoitar e bailar ata a saciedade, este non é agora o caso. 

6
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.