Jack White recupera o rock de garaxe en ‘Fear of the Dawn’

Release Date
8 Abril, 2022
Xénero
Rock
Discográfica
Third Man Records
Our Score
8.6

Os discos de Jack White en solitario son curiosamente os álbumes nos que participaban máis músicos de toda a súa carreira. Máis alá do minimalismo absoluto dos White Stripes e mesmo das agrupacións de rock máis tradicionais como The Raconteurs e The Dead Weather nos discos que Jack White publicaba baixo o seu nome acompañaba a súa guitarra eléctrica con pianos, sintetizadores, violíns ou mandolinas entre outros moitos instrumentos.

Unha tendencia que rachou por completo con ‘Fear of the Dawn’, seu cuarto traballo en solitario onde White interpretou prácticamente todos os instrumentos que conforman as 12 novas pistas que o compoñen. O resultado é un disco onde o protagonismo volve a centrarse na guitarra eléctrica, a batería e a súa voz, dando forma probablemente ao proxecto máis garaxeiro de Jack White dende os primeiros pasos dos White Stripes, que ao mesmo tempo é capaz de dar continuidade á experimentación do sorprendente ‘Boarding House Reach’.

‘Fear of the Dawn’ comeza con toda unha declaración de intencións. ‘Taking Me Back’ está chea de enérxicos riffs de guitarra, cun tono que soa a pura electricidade. Probablemente non conte cun estribillo tan infeccioso como outros sinxelos de Jack White, pero no apartado instrumental trátase dunha peza frenática que non ofrece descanso. A enerxía sube todavía aínda máis coa cación que da título a este disco e que enlaza á perfección con ‘Taking Me Back’. ‘Fear of the Dawn’ é unha das cancións máis garaxeiras que firmou Jack White ata a data en toda a súa carreira.

En ‘The White Raven’ a guitarra comparte espazo cun sintetizador distorsionado ata o extremo, que amplía a paleta sonora deste disco no que mesmo se atreve facer uso do sampleo incluíndo fragmentos da canción dos anos ’30 “Hi-De-Ho Man” de Cab Calloway, que comparten espazo cos versos de Q-Tip en ‘Hi-De-Ho’, unha das pezas máis únicas, estrañas e ao mesmo tempo divertidas do álbum.

Nas dúas partes de ‘Eosophobia’, un termo que fai referencia ao medo ao amencer e a luz diurna e enlaza perfectamente co vampiresco título do disco, White mistura enérxicos riffs de guitarra cun sofisticado uso do pedal de delay, mentres que outras pezas como ‘What’s the Trick?’ ou ‘That Was Then, This Is Now’ amosan a cara máis rockeira de Jack White, con cancións que mesmo poderían ter aparecido nun disco dos White Stripes, aínda que desta volta a produción e moito máis excéntrica. ‘Shedding My Velvet’ despide o álbum cun blues psicodélico onde Jack semella cantar sobre a transformación do seu son que está a dar nos seus últimos discos, como se estivese a “mudar a pel” para amosar “meu verdadeiro eu”.

‘Fear of the Dawn’ consegue ser ao longo dos seus 40 minutos de duración un disco de rock cun son diferente, enérxico e ao mesmo interesante e divertido, que evidencia que este xénero aínda pode sorprender. Se ben é un traballo máis unidimensional que ‘Boarding House Reach’, coa guitarra como protagonista absoluta e unha produción máis garaxeira, ‘Fear of the Dawn’ segue a ser un álbum que non deixa ao oínte nin un segundo de descanso, con 12 cancións que esconden unha morea de diferentes ideas musicais, deixando claro que a creatividad de Jack White esta lonxe de esgotarse. Proba disto é que este mesmo ano ten previsto publicar outro disco, ‘Entering Heaven Alive’, que promete amosar a súa cara máis acústica.

8.6
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.