Jeff Rosenstock enche de ritmo as súas ansiedades en ‘NO DREAM’

Release Date
20 Maio, 2020
Discográfica
Specialist Subject Records
Xénero
Pop-Punk
Our Score
8

O mellor que ten a música gravada en estudo é que os artistas poden ter control absoluto sobre o produto final. Cada instrumento rexístrase con máximo coidado. A capacidade de poder escoller as mellores tomas de moitas, de que ningunha nota se alonxe do ritmo marcado polo metrónomo e, en definitiva, de que todo encaixe á perfección.

Porén, este tamén é o maior problema da música gravada en estudo. A perfección en ocasións pode resultar aburrida, e moitos deses pequenos erros, improvisacións ou cambios de tempo que tanto caracterizan a música en directo, son capaces de dotar dunha maxia as interpretacións que moitas veces semella ausente nos discos. Pero isto non semella pasar nos álbumes de Jeff Rosenstock.

Despois de lanzar en 2018 POST-, un traballo cheo de enerxía e vitalidade, onde conseguia que xéneros como o pop-punk e o power-pop soasen máis enérxicos e sinceros que nunca, Rosenstock lanza agora NO DREAM, o que é xa o seu cuarto álbum en solitario. O disco estaba previsto para ser lanzado máis adiante pero a chegada da pandemia e o confinamento trastocou os plans de todo o mundo e Jeff optou por acelerar os prazos e publicar por sorpresa este traballo dedicando todos os beneficios a Food Not Bombs e dando tamén unha opción de descarga gratuita.

Asentado en Los Ángeles após unha vida na costa do leste, Rosenstock gravou NO DREAM con Jack Shirley (Deafheaven, Hard Girls, Joyce Manor) en Oakland’s Atomic Garden, e mesmo participou na mistura do disco ao lado de Shirley por primeira vez. Optando afastarse do ordenador “mesmo máis do habitual” Jeff decidiu gravar o disco en cinta. O resultado é un son vivo que dá a cada canción a súa voz individual e unha enerxía orgánica.

Se algunhas das cancións máis destacadas de POST- caracterizábanse por ser longas composicións que as veces chegaban a superar os 10 minutos acadando clímax especialmente catárticos, en NO DREAM aposta polo contrario. Desta vez semella que non hai tempo que perder, algo que deixa claro dende a primeira canción, titulada NO TIME, que en menos dun minuto de duración da inicio a este traballo cuns riffs absolutamente imparables.

Como xa ven sendo habitual na música de Jeff Rosenstock, NO DREAM é un disco divertido de escoitar, cheo de ritmo, enerxía e melodías que quedan gravadas nas nosas cabezas, pero tamén está conformado por cancións con letras cheas de contido. Desta volta NO DREAM apunta a ser o traballo máis persoal de Rosenstock ata a data, abordando de maneira directa as súas ansiedades persoais, sen esconderse en ningún momento.

Neste disco o músico estadounidense tamén afronta as súas preocupacións políticas en pistas como a que da título a este traballo que comeza coa liña They were picking up the bodies on TV when I caught a reflection of you and me staring back at us while frozen on the screen, coa que critica a omnipresente violencia do capitalismo dos Estados Unidos. NO DREAM é un disco tan divertido como honesto e visceral, outra escoita obrigada na discografía de Jeff Rosenstock.

8
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.