Jon Hopkins sumérxese no ambient en ‘Music For Psychedelic Therapy’

Release Date
12 Novembro, 2021
Discográfica
Domino
Xénero
Ambient
Our Score
7

Jon Hopkins tan só publicou tres discos durante a última década pero foron probablemente tres dos traballos máis destacados que deixou a música electrónica dos últimos anos. Concretamente ‘Immunity’ (2013) sorprendeu especialmente pola súa de techno, IDM e house chea de pequenas imperfeccións deseñadas ata o máis mínimo detalle para dotar ao son electrónico dunha forte compoñente orgánica. Un enfoque que repetiu anos despois en ‘Singularity’ (2018), pero que sen deixar de lado a gran calidade deste traballo, cabía preguntase se esta fórmula funcionaría de novo.

O novo disco de Jon Hopkins amosa que o artista inglés fíxose a mesma pregunta xa que deu un xiro de 180 grados á súa proposta. ‘Music For Psychedelic Therapy’ é un disco a medio camiño entre o ambient e o drone que se desfai de todos os enérxicos ritmos que caracterizaban á súa música. Se ben cada son deste novo álbum está coidado ata o detalle, non se trata dun estilo tan rompedor como o que podiamos escoitar en outros traballos de Hopkins.

O disco comeza con sintetizadores que tocan longos acordes que non semellan rematar aos que pouco a pouco se lles suman sons de chuvia ou mesmo de animais que transmiten unhas sensacións naturais que pouco a pouco se esvaecen nunha segunda metade máis sintética, abstracta e etérea, que ao mesmo tempo conta con algúns dos momentos máis climáticos de todo o disco como ‘Deep in the Glowing Heart’.

Pero quizais un dos maiores puntos fortes deste álbum atópase na súa mistura. Teño que destacar que antes de escribir esta crítica escoitei as nove cancións que compoñen ‘Music For Psychedelic Therapy’ na súa versión Dolby Atmos, que en lugar de limitar a experiencia de escoita a dúas canles, esquerda e dereita, ofrecen unha experiencia sonora espacial capaz de reproducir pistas dende 360º mediante a virtualización en auriculares ou de maneira real en sistemas de son envolvente.

Ata o de agora, a maior parte das misturas en formato Dolby Atmos que escoitara eran canto menos mellorables. Tratándose dunha tecnoloxía nova non sorprende que as técnicas e procedementos estén aínda completamente perfeccionados. Algo semellante ao que aconteceu nos primeiros anos do stereo, con misturas que a día de hoxe poden chegar a ser mesmo difíciles de escoitar. Porén, o último disco de Jon Hopkins é todo un éxito dentro deste apartado máis técnico.

Os distintos elementos sonoros que o británico emprega para construir todas as paisaxes sonoras que o compoñen están perfectamente ubicados no espazo, creando unha sensación envolvente que eleva verdadeiramente o seu impacto. As pezas de ‘Music For Psychedelic Therapy’ percíbense moito máis grandes e aobsorventes do habitual para un disco de ambient como acontece en cortes como ‘Tayos Caves, Ecuador I’. Se ben non se trata do disco máis único e sorprendente de Jon Hopkins, si consegue ser unha escoita agradable e relaxante na que sumerxirse.

7
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.