Kaixo e Kings of the Beach suman forzas en ‘Youcanthide’

Release Date
25 Setembro, 2020
Discográfica
Overdose
Xénero
Punk
Our Score
7.5

Sobre o papel, a colaboración de Kings of the Beach e Kaixo neste novo proxecto co nome Youcanthide semella inesperada. A banda de Yago Guirado, Adrián Rodríguez e Samuel Otero sempre se caracterizou polo seu rock de garaxe, cun son guitarreiro e de tonos analóxicos, mentres que o trap de Kaixo movíase por timbres máis electrónicos.

Porén, esta colaboración de músicos vigueses terá todo o sentido para aqueles que viviron a experiencia en directo tanto de Kings of the Beach como de Kaixo e coñecen a súa actitude sobre o escenario. A esencia destes artistas é moito máis similar do que amosan as etiquetas dos xéneros musicais, algo que queda claro ao escoitar o primeiro disco en xurdir desta colaboración, de título homónimo.

O resultado é un disco que se podería enmarcar dentro do xénero do post-punk, ou como new-punk o concepto que introduciu o propio Kaixo para definir a súa particular visión do trap, e que neste traballo adáptase á perfección ao que se pode escoitar ao longo das sete cancións que compoñen este disco, que en tan só media hora de duración é capaz de deixar ao oínte completamente noqueado pola súa forza.

O disco comeza cunha pista tamén homónima, caracterizada pola súa marcada base rítmica sobre a que flota a guitarra e a voz de Kaixo, cantando primeiro en castelán, pero máis adiante tamén en inglés. Trátase dunha pista chea de tensión que ao chegar á metade transfórmase por completo grazas a un enérxico riff de guitarra que fai que a canción non deixe de crecer en ningún momento.

En I Gotta Bullet suben todavía máis as revolucións cun potente estribillo e un Kaixo desatado na súa interpretación. Drugs mantén unha fórmula similar, cunha letra onde se fai referencia as experiencias alucinóxenas de películas como Enter the Void de Gaspar Noé, aínda que nesta canción quizais de maneira menos efectiva, cunha letra algo máis simple que quizáis repite demasiadas veces o título da pista, mesmo deletreándoo. Queens of the Stone Age plantexaran unha idea similar en Feel Good Hit of the Summer aínda que con máis variedade.

Porén, con Dallas $$$ voltan a chegar novas ideas. Esta canción comeza cun pesado riff de guitarra que por momentos achégase aos sons do sludge metal. O abrasivo comezo desta canción, da paso a unha nova sección radicalmente diferente, marcada por unha batería e un baixo cheos de ritmo, sobre os que Kaixo máis que cantar, rapea. Trátase dunha canción sorprendente, cunha estrutura atípica, que sen embargo funciona á perfección.

Mambo 88 destaca pola súa letra, de corte satírico, coa que Kaixo ridiculiza á extrema dereita española, chea de odio enfermizo cara as mulleres, os imigrantes ou o colectivo LGTBI, con frases como “ahoguémonos todos en la caverna”. A canción comeza cunha guitarra ambiental, seguida dun baixo solitario que estoupa en clímaxes onde Kaixo grita de maneira case animalística. A mistura do son agresivo da canción co contido das súas letras pode lembrar a bandas como Idles, cun contido máis sarcástico pero igual de directo.

Os distorsionados riffs de guitarra de Multiplayer sen embargo poden asemellarse a algunhas das cancións de Nick Oliveri nos primeiros discos de Queens of the Stone Age, onde o stoner rock deixara paso a momentos case máis próximos ao punk que ao rock alternativo. A canción tamén se caracteriza pola súa interesante base rítimica sobre a que Kaixo canta con moita actitude, especialmente nos estribillos, onde berra e mantén o tono melódico da pista ao mesmo tempo.

O peche do disco chega con Alone, unha canción que xa dende o comezo deixa claro que será diferente as demáis, através dun ritmo electrónico que parece ter saído directamente dos anos 90. Trátase dunha canción veloz, cun baixo cuberto de fuzz e un Kaixo que fai uso por primeira vez no disco do autotune para modular o timbre da súa voz. Se ben Alone non é a mellor canción deste álbum, é probablemente a fusión definitiva dos estilos de Kings of the Beach e Kaixo, que no tramo final da pista grita unha e outra vez “leave me alone” mentres a instrumentación adquire un ritmo desbordado que despide o traballo por todo o alto.

7.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.