Kero Kero Bonito retoman o optimismo a 8 bits en “Civilisation II”

Release Date
21 Abril, 2021
DIscográfica
Polyvinyl
Xénero
Synthpop
Our Score
8.2

Kero Kero Bonito é unha desas bandas que empecei a escoitar de forma irónica. As súas cancións, a súa estética e os seus vídeos non só eran divertidos se non que me facían rir. A improbable mistura de elementos que combinaban para dar forma á súa proposta semellaba alonxarse de calquera pretensión máis alá de ser un pastiche tan imposible que resultaba entretido de ver e escoitar.

Porén a miña percepción da banda comezou a mudar coa publicación do seu segundo disco, “Time n Place”, onde de súpeto apareceron influencias do noise-rock e as letras volvéronse moito máis melancólicas. De súpeto toda a inocencia que envolvía os seus primeiros traballos esvaecíase para dar forma a cancións que reflexaban á perfección a unha xeración que creceu xogando a xogos de Pokemon mentres esperaba poder coñecer un mundo perfecto que se lle prometera pero que cada vez semellaba máis irreal.

Desta maneira o trío de Londres amosou a cara máis honesta da súa música e tamén unha inesperada capacidade camaleónica na proposta sonora que abría a porta a esperar un novo volantazo estilístico. Os dous EPs “Civilisation” non racharon co traballo previo da banda da mesma maneira en que o fixo “Time n Place”, pero si amosan o súa lado máis creativo e ambicioso a pesar da súa curta duración.

A paleta sonora destes lanzamentos volve a poñer aos sintetizadores no primeiro plano en todo momento, mais desta volta teñen unha sonoridade diferente á que podiamos atopar en “Bonito Generation”, apostando por unha estética que fai pensar automaticamente nos videoxogos de finais dos anos 80 e principios dos 90, cando as propias videoconsolas producían a música en tempo real cando se xogaba con pequenos sintetizadores internos ante a imposibilidade de almacenar gravacións de son en cartuchos de pouca memoria.
Esta instrumentación xunto con letras moito máis narrativas e conceptuais do habitual, que semellan contar historias fantásticas ambientadas en épocas temporalmente ambiguas entre o pasado e o futuro abordando temas como o cambio climático ou a propia natureza humana evocan paisaxes exóticas cheas de fervenzas e palmeiras pixeladas.

A propia banda recoñeceu que estas novas cancións están inspiradas polo “Codex Seraphinianus” do artista italiano Luigi Serafini, unha enciclopedia para un mundo alieníxena escrita nun idioma inventado que aínda non puido ser traducido. Mediante a música, as letras, e mesmo os vídeos que acompañaron estes EPs, Kero Kero Bonito buscaban replicar esa sensación de recordar a historia da humanidade a través do punto de vista de alieníxenas, inspirando tamén a linguaxe semellante ao glifo que estiveron usaron nas portadas dos dous traballos.

“Civilisation II” comeza con “The Princess and the Clock”, que semella narrar unha historia de fantasía que lembra aos típicos contos medievais onde unha princesa se atopa presa no alto dunha torre. Un marco conceptual que Sarah Bonito semella empregar para abordar a temática do paso do tempo. Acompañando as súas letras, atópase unha coidada e densa produción chea de sintetizadores, caixas de ritmos frenéticas e fragmentos de voz manipulados que da forma á pista máis próxima ao pop do EP, especialmente polo seu marcado retrouso.

“21/04/20” é unha canción que destaca dentro do concepto de “Civilisation” ao limitarse a describir un día normal na actualidade, unha temática que podería quedar fora de lugar entre as demais cancións que a acompañan se non fora pola chegada da pandemia. A propia banda recoñeceu que a letra sempre ía ter esta temática pero orixinalmente foi concibida antes da crise do covid, e unha vez que ocorreu, déronse conta de que necesitaban incluír a pandemia, polo que pasou a narrar o primeiro día do confinamento no Reino Unido, enlazando de súpeto moito mellor coas temáticas apocalípticas tan presentes en moitas das outras pistas.

Unha fin do mundo da que precisamente renegan en “Well Rested”, unha canción con influencias da música house que supera os sete minutos de duración converténdose nunha das producións máis ambiciosas do trío británico. De súpeto boa parte do pesimismo que envolvía cancións como “When the Fires Come”, do EP “Civilisation I”, vese substituído por proclamas denunciando aos falsos profetas que anunciaron unha e outra vez o apocalipse, facendo que o ser humano sobrevivise xa centos de veces ao fin do seu tempo. A mensaxe que Kero Kero Bonito trasladan nesta despedida é clara, “a idea de que a humanidade non merece existir é unha trampa para engaiolar aos vivos”.

8.2
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.