King Gizzard & The Lizard Wizard volven sobre os seus pasos en ‘K.G.’

Release Date
20 Novembro, 2020
Xénero
Rock Psicodélico
Discográfica
Flightless
Our Score
6.7

O termo prolíficos empeza a quedarse curto á hora de falar de King Gizzard & The Lizard Wizard. A banda australiana ven de publicar o seu decimoséptimo disco nunha década. Para poñernos en perspectiva, o mesmo día en que se lanzou este ‘K.G.’ a clásica banda de hard rock AC/DC tamén lanzou o seu decimoséptimo álbum, sen embargo a súa carreira esténdese xa ao longo de medio século.

Pero máis destacable que o número de discos que King Gizzard & The Lizard Wizard son capaces de producir é a enorme variedade de estilos que abordan na súa música, facendo que o enorme volume de lanzamentos da banda non canse en ningún momento, tal e como aconteceu cos cinco discos que publicaron ao longo de 2017. Porén, o novo traballo lanzado polos australianos non supón a adopción dun xénero completamente novo como xa nos estaban a acostumar, senón unha continuación da súa exploración da música microtonal que iniciaran precisamente co seu primeiro disco do 2017, o ‘Flying Microtonal Banana’.

O disco abre con ‘K.G.L.W.’, unha introdución instrumental onde a banda retoma as influencias afastadas da música occidental e presentando unha das novidades deste traballo, a maior presenza da guitarra acústica, protagonista de pistas como ‘Straws In The Wind’ ou ‘Honey’, onde tamén aparece un sitar. Outras pistas retoman de maneira máis directa o estilo do ‘Flying Microtonal Banana’, como ocorre en ‘Automation’, unha canción que destaca polo seu riff de guitarra ou ‘Minimum Brain Size’, onde a protagonista é a percusión.

Trátase de boas pezas, porén, non son máis que unha reiteración de sons que xa escoitamos en ‘Flying Microtonal Banana’ na forma de cancións máis esquecibles, que dificilmente poderían competir con pistas como ‘Open Water’ ou ‘Rattlesnake’. Mesmo algúns dos seus traballos recentes que pasaron máis desapercibidos como ‘Fishing for Fishies’ (2019) trouxeron moitas máis ideas novas á paleta sonora de King Gizzard & The Lizard Wizard que estas cancións.

Con todo, cara o tramo central do disco as cousas comezan a cambiar. O final de ‘Some Of Us’ resulta completamente sorprendente grazas ao seu ritmo bailable que enlaza perfectamente con ‘Ontology’, unha pista tan rica nos seus ritmos como nas súas melodías instrumentais, os sons psicodélicos e misteriosos continúan presentes mais deixan oco para aparición de seccións máis festivas e a un destacable solo de guitarra no tramo final. ‘Intrasport’ resulta unha escoita todavía máis inesperada, cunha produción máis electrónica, que lembra á música house dos anos ’90 e a música das películas de Bollywood ao mesmo tempo.

En ‘Oddlife’a batería frenética contrasta co ritmo pausado do resto da instrumentación nunha canción con menos guitarra e de aires atmosféricos. ‘The Hungy Wolf Of Fate’ tamén introduce novidades neste traballo, misturando as melodías microtonais con enérxicos riffs de guitarra ao máis estilo Black Sabbath, a enerxía desta pista faina destacar por enriba das demais, aínda que o seu estilo fai que quede un pouco fora de lugar. Probablemente tería funcionado mellor á hora de abrir o disco, enlazando co seu anterior traballo máis metaleiro, ‘Infest The Rat’s Nest’ (2019).

Con ‘K.G.’ King Gizzard & The Lizard Wizard suman outro álbum máis á súa xa extensa discografía, un novo traballo con momentos moi destacables, especialmente no seu tramo central, aínda que o feito de seguir unha fórmula tan similar a outro dos seus discos quizais o faga pasar máis desapercibido, especialmente ao tratarse dunha banda caracterizada por probar novas ideas con cada lanzamento.

6.7
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.