Mauro Borrazás

Kings of the Beach: “Cando o presi decida que se pode tocar, tocaremos!”

Ir a un concerto de Kings of the Beach é garantía de diversión, forza e maniotas ao día seguinte. Ter unha entrevista con eles dende logo cumpliu coas espectativas. A banda composta por Yago Guirado (baixo e voz), Adrián Rodríguez (guitarra) e Samuel Otero (batería) é igual de esixente fóra do escenario. Unha auténtica treboada.

Sen en ningún momento renunciar á loucura que os caracteriza, charlamos durante media hora nunha terraza do Casco Vello de Vigo. Como a todos, a pandemia pillounos a contrapé con plans de sacar disco e de camiño a Estados Unidos. A día de hoxe, o seu novo traballo segue sen nome nin data fixa para a súa publicación. Mentres non haxa concertos, Kings of the Beach están á metade, pero iso non lles impide falar con total transparencia de temas como a cultura na súa cidade ou a escasa porcentaxe de cartos que se gaña nas plataformas de música dixitais. 

Antes de comezar, debo solucionar unha dúbida que teño. Hai dous anos nunha entrevista dixéchedes que erades unha banda sen furgoneta, que vos desprazábades en coche. Chegou ese cambio por fin?

Todos: Si ho! Si que seguimos.

Samuel Otero: Viñemos nese coche de feito! De momento, entramos.

Adrián Rodríguez: Sendo tres non hai fallo.

E tendes pensado ser catro nalgún momento?

A.R.: Non, xa o fomos e a cousa non funcionou

Sempre falades de que houbo un guitarrista que tivéchedes que botar. Que pasou aí?

Yago Guirado: A movida foi que todos estabamos crecendo como músicos e el seguía errando nos mesmos sitios, nas mesmas cancións. Cando tiñamos as viaxes non era feliz, estaba sempre rosmando e antipático non sei por que. Simplemente non levaba o mesmo estilo de vida ca nós. Entón, chegou un punto no que íamos poñernos en serio coa banda e tomamos esa decisión.

A.R: Agora mesmo non sabemos nada del.

S.O.: Si, perdímoslle a pista totalmente. Toda a xente do noso entorno que o coñecía xa non sabe onde está.

Se eu tivera que encadrar a Kings of the Beach nun estilo sería o de punk-rock. No Estado español non hai moitas bandas do voso estilo. Como xorde a idea de elexilo?

A.R: O tema do estilo tamén é cousa do tempo, foi cambiando bastante.

Y.G: Eles dous coñecéronse nun concerto de Fuzzy Popes, que tamén tivo que ver. Ao principio o grupo era un pouco máis garaxe, máis desenfadado do que é agora.

A elección do voso nome é unha referencia ao King of the Beach de Wavves. A letra dese tema comeza cun ‘Let the sun burn my eyes’ (que o sol queime os meus ollos). Vós pretendedes ser o sol que queima os ollos do público nos directos?

A.R: Sí!

S.O: A xente suda!

Dos vosos directos destacaría o bo rollo e despreocupación que transmitides. Ese facer o que vos da a gana é realmente a esencia do grupo?

S.O: Eu creo que si, incluso nós no escenario non sabemos o que estamos a facer ás veces.

Y.G: Si, o rollo é pasalo ben e transmitirlle á xente que o pase ben. Desfrutar sempre foi a idea da banda.

S.O: Nunca estamos quietos no escenario! Aínda que eu si porque estou sentado (Risas)

Entón xa sodes os verdadeiros reis da praia ou non?

Y.G: Aínda queda.

S.O: Á praia pouco imos, a verdade

Y.G: Eu vou en outono cando vai máis frío… quéimome moi fácil, tío.

A.R: En realidade, creo que son eu o único que realmente a desfruta dos tres.

Mauro Borrazás

A pandemia colleuvos en Nova York.

Y.G: Indo! Non chegamos. Íamos saír uns días antes, pero ao final retrasouse todo. Estabamos no tren cara Madrid para voar a Nova York cando dixeron que ao día seguinte xa non se ía poder saír do país. E claro, nós non tiñamos claro se ir ou non ir porque había xa bandas por aí.

A.R: ían pechar o espazo aéreo entre Europa e América durante un mes mínimo e ao final decidimos quedar.

E a vós como banda como vos afectou esta situación complicada para todos?

S.O Perdimos toda a xira de presentación do disco, aprazamos a súa publicación e agora estamos parados sen facer nada realmente.

Y.G: Nós considerámonos como un grupo de directo. Polo tanto, non queriamos que saíse o disco antes de que que puidésemos tocalo.

A.R: Agora imos sacando temas pouco a pouco, single a single. En setembro sae o seguinte.

Xa tedes unha data para o lanzamento do disco ou aínda non?

A.R: 2021 supoño. Aínda que ao final as decisións teñen que tomarse dacordo co xefe… pero ao xefe do goberno quero dicir, que é quen decide cando se pode tocar!

Y.G: Cando o presi decida que se pode tocar, tocaremos!

E vedes unha boa perspectiva para o sector musical despois de todo isto?

S.O: Eu non.

Y.G: Pois eu si. Teño a sensación de que vai ser mellor que antes. A peña está gardando para sacalo todo.

S.O: Pero a xente xa non ten diñeiro, van baixar os cachés e vaise deixar de ir tanto aos concertos.

Y.G: Pero hai que estar aí! Seguro que hai quen prefire gastar niso que noutras cousas. A peña ten moitas ganas de movida. Eu creo que en canto abran un pouco a porta, vai ser desfase.

A.R: Pois iso igual ti porque a min todo isto serviume para estar máis tranquilo.

Y.G: A ver, igual me confundo, pero eu creo que os concertos van ser…. PUM!

Volvendo ao tema de Estados Unidos, esta non era a vosa primeira vez tocando alí. Que diferencias vedes entre aquí e alá?

S.O: A xente está un pouco máis parada nos concertos.

Y.G: Si, pero aprecian máis aos artistas. Houbo un concerto que puxemos diante a maleta do merchandising e comezaron a lanzar cartos. Teñen máis metido na cabeza o de pagar se lles gusta algo.

A.R: Dicirlles que estabamos tocando de gratis tamén pode ser que influíse… (Risas)

S.O: Claro, porque o festival invítache, pero non podes cobrar. Se non tes un visado de traballo, nada.

Y.G Hai que facer truquis, se non hai que investir moitos cartos para poder tocar alá. O visado de traballo son como 2.000 euros por persoa. Soamente compensa facer iso cando tes unha xira longa, se non é imposible. E logo ao volver a xente flipa con que vaiamos alí, pero ao final é un pouco o rollo de ir de vacacións… só que tamén tocas!

Tamén estivéchedes noutros países, coma México. Aquí tendes moitos bolos, pero como vos reciben fóra?

S.O: Un pouco o que pasa en Portugal, a xente sabe que ves de fóra e entón trátanche mellor do que tratan ás bandas de alí por exemplo.

Y.G: Pero depende moito tamén, porque aquí sempre nos trataron ben. Aínda que sempre haxa concertos máis raros dependendo da promotora que o monte claro, pero o trato sempre foi bo.

Pensades que aquí se trata peor as bandas que veñen de fóra que en outros países?

S.O: Eu creo que é o mesmo que en outros sitios. Depende moito da banda iso si, pero eu creo que todo o mundo trata ben ás bandas de fóra se sabe de onde veñen, claro.

Y.G: Se non coñeces a banda, súache de onde veña, se de aquí ou de fóra.

Mauro Borrazás

Agora mesmo volvemos a Kings of the Beach, pero tamén quería falar doutro proxecto do que formades parte. Como xurdiu Youcanthide, a banda que formástedes xunto a Kaixo? Vides de mundos en principio moi diferentes, pero eu polo menos si que vexo bastantes puntos de unión.

A.R: En principio soamente íamos facer un tema xuntos, pero Kaixo dixónos que lle molaría montar un grupo…

Y.G: E un día fomos a Nerga, onde el ten unha casa e entre documentais de alieníxenas, Matrix, os porritos… (risas). Estivemos un par de días aí e xa tiñamos sete temas. Parecía que todo funcionaba, decidimos movelo e polo momento avanza guai. Chegamos a públicos diferentes porque ao mellor así coñécenos xente máis do trap que de primeiras non nos tiñan ubicados e xente que segue a Kings of the Beach descubre a Kaixo. Ao final a Kaixo gústalle a caña, o seu ídolo é Lemmy. Todo casaba.

A vosa primeira aparición pública foi no festival No Tengo Mamá sen ter nin sequera un tema publicado. Para vós que son máis importantes, os discos ou os directos?

Y.G: Eu creo que as dúas, se fas algo, tes que conseguir defendelo en directo.

S.O: E tampouco ten sentido facer directos e que logo non se poda escoitar nada en ningún sitio.

Y.G: Pero polo menos ten que soar medio parecido. Hai grupos superproducidos en disco que vas ao concerto e fántanlle mil movidas. Nós intentamos tocar case todo, aínda que hai cousas que na produción mola deixalas para que quede mellor. Cando temos temas novos, tocámolos en directo antes de gravalos para ver que lles parece a xente. En definitiva, probalo. Se non estás cómodo ou non che cunde o directo igual é mellor non gravalo ou cambiar cousas.

Xa tendes publicado Satellite, o primeiro single do voso próximo disco. Respecto ao anterior traballo, Super Awkward, Fucking Awesome, eu o noto un pouco máis melódico. É algo particular deste tema ou será a tónica xeral do disco?

A.R: En xeral todo o disco está pepinote!

S.O: Pero si que é máis melódico. Está un pouco máis currada a produción.

A.R: Tamén porque por primeira vez traballamos cun produtor e meteu man a tope.

Y.G: O primeiro grabámolo con Fran dos Nastys e con Diego de Parrots e estivo ben, pero non foi tanto como o que fixo este outro Fran en Metropol. Ademais, o estudio era moito mellor, tiña moitas máis posibilidades para sacar mellor son. Foi un pouco como profesionalizarse, que soara moito máis compacto e que tamén el intervira creativamente, cousa que no anterior non pasou, que tirábamos máis co posto.

No musical é continuísta ou ides meter cousas novas?

Y.G: Hai un par de temas que á xente vanlle molar. Sabes cando nunha banda notas esa evolución aínda que sigan co mesmo xénero que tocaba noutro disco? Pois así. En xeral o disco é mellor, e con algunha sorpresa.

Ides ser como Novedades Carminha?

Y.G: Non, non!

S.O: Non vai a lento, vai a rápido! (risas)

No tempo que vos levo seguindo transmitídesme, aínda que non sei se é algo real, que parte do voso éxito parte da improvisación. Tanto nos directos, coma nos videoclips. Este disco é un punto de inflexión tamén neste asunto?

A.R: Un pouco, aínda que segue habendo moita improvisación. Para o video que estamos a gravar agora para Satellite imos coa cámara nós cun par de ideas na cabeza e xa. Antes eran todos improvisados e máis ou menos seguimos facéndoo porque un bo custa o seu diñeiro e tampouco podemos meternos a gravar algo guapo.

Y.G: Xa se gravou o disco! (Risas). Polo momento, aínda podemos manter ese rollo desenfadado nos videoclips que polo menos á xente que nos sigue gústalle.

O voso anterior traballo sacástelo en vinilo e en cassete. Neste novo traballo tamén renunciaredes ao CD?

A.R: Iso é cousa do xefe! (Risas)

Y.G: No selo no que estamos prímase o son analóxico e é o que hai. Algunha vez dixémoslles de facer CDs pero nada. Máis que nada porque a xente os pide, pero ao final prefiren aferrarse a esa idea.

S.O: Eu no coche non teño para meter USB!

E a vós como banda canto vos dan ou vos quitan as plataformas dixitais?

S.O: Eu creo que as plataformas ao final benefician.

A.R: Pero sempre quitan.

En que sentido?

A.R: Esprémenche como a un limón.

Y.G: Eu creo que o problema está en que non se gaña unha porcentaxe significativa. O rollo dixital é un pouco trambólico, hai moitas plataformas que se lucran moitísimo das bandas. Pero é un tema máis da industria que noso, non o podemos cambiar directamente.

S.O: Nós temos 150.000 escoitas en total en Spotify e vimos soamente 30 ou 40 euros. Hai moitas plataformas dixitais e en ningunha se cobra ben. Na que mellor é Google Play Music, pero quen merca Google Play Music? (Risas). Iso si, temos que estar porque todo o mundo escoita música por aí, non queda outra.

Agora durante a pandemia non, claro, pero poucas bandas galegas se me ocorren que dean tantos bolos coma vós tanto aquí coma no estranxeiro. A pesar da improvisación da que falabamos antes, non hai dúbida de que traballades moito. Isto tradúcese en vivir do voso traballo?

Todos: Non! (Risas)

A.R: Somos todos uns mantidos!

S.O: Da música é moi moi complicado vivir.

Y.G: Hai como un punto, un nivel, que o cruzas e estás in pero para estalo… hai que traballar moito e ás veces ter amigos, diñeiro e sorte. Porque ás veces aínda que esteas aí non sucede nada.

S.O: Eu quero tocar nun cumple dun narco, por exemplo, e que me diga: “Toma dez mil euros!” (Risas)

A.R: Estaba guapo, eh?

Y.G: Nós é que tamén investimos moito cando imos fóra. Gastamos moitos cartos neses meses que logo se recuperan en verán. O que gañas vai para recuperar as viaxes que xa fixeches.

A.R: Pero este ano non hai verán… así que non é que esteamos moi ben.

Hai moitas bandas que teñen máis visitas nos vídeos ca vos. Porén, si que tocáchedes a nivel internacional máis que outras con máis visibilidade. Por que se deu esta circunstancia?

Y.G: Hai moitos factores. Eu creo que o feito de cantar en inglés foi algo que en Galicia si que nos minou, coñécennos por saír tanto a fóra e por tocar en tantos sitios. Téñennos máis aprecio en Portugal ou en sitios máis random que aquí. E penso que é pola barreira do idioma máis que por outra cousa.

E non pensades na posibilidade de apostar por mudar de lingua?

Y.G: Si, pero como que nos mola o rollo inglés e americano. Todas as nosas bandas de referencia fan música en inglés. E o que nos cunde tamén é saír fóra, dar ese salto. Si que fixemos un tema en español… non o sacamos aínda, pero está aí.

A.R: Pero tampouco lle pechamos as portas a nada. Como banda imos crecendo pouco a pouco. O que conseguimos agora é sacar un bo disco ben gravado e o próximo paso será experimentar un pouco máis. Quizais cantar en galego, en francés…

S.O: O francés nunca está ben! (Risas)

Mauro Borrazás

Falábades de Portugal e é verdade que hai unha maior escena de punk-rock que aquí. Pensades que eles teñen menos prexuízos coa música?

S.O: Nós alí tocamos moitísimo.

Y.G: Teñen unha comprensión un pouco diferente de ir aos concertos, de pagar pola movida. Creo que nunca tivemos un concerto malo de pouca xente.

A.R: Os primeiros si Yago, lembra os primeiros.

S.O: Fumos ao sur de todo de Portugal a tocar a unha aldea na que vivían dez persoas! E estaban os do bar e unha parella de alemáns.

Y.G Pero iso son vivencias. Vas alí e esas dúas persoas xa te coñecen. Por iso nos concertos sempre damos todo haxa o número de persoas que haxa. Ao final teñen que ver o show como é. Da igual que toques para mil, ou para cinco.

Hai moita historia de bandas viguesas, vós coma un dos representantes actuais pensades que se coida a escena da cidade?

Y.G: Non, está horrible. É unha debacle como se trata á cultura viguesa, polo menos para a xente nova. Non sei para xente máis maior, igual a Coral Casablanca segue guai pero…

S.O: O mítico que vas ao concerto da Coral Casablanca! (Risas)

Y.G: A ver, é que ademais cos espazos como os que ten Vigo está todo moi desaprobeitado, non sei cara onde está dirixida a pasta. Igual o que ocorre é que o cultural se move con xente que non é tan afín ao alcalde e a el non lle compensa. A maior parte da xente que nos segue a nós supoño que non votará a Abel Caballero. Pero a min dame rabia que non teña un pouco de sentido común, porque o que podería facer é o moi grande

Hai moitas moitas bandas a nivel de ir a festivais. Tes a High Paw, Presumido, Basanta… tiñas a Komodo que tamén molaba e a moitos máis. Se realmente se apoiara, a escena reventaría. O rollo de Súbete ao Castro está chapado, os concertos gratis no centro igual. Soamente con dez mil euros poderías renovar o material de todas as cabinas de Vigosónico. Non ten por que ser un material da polla, pero renovarías todo. Nós coñecemeos a Victor o técnico de son que leva todo aí e cada dous por tres está arranxando cables el, todos os pratos rotos.

Eu teño un pouco de rabia aí gardada, porque xa son moitos anos e ves que poderían facerse moitas cousas e non se fan. Por exemplo a Asociación 85C cando fixeron o seu festival non deron nada de pasta. E podería darse dende Xuventude, Igualdade e Cultura. Non hai apoio ningún.

E que nos agarda de Kings of the Beach nesta nova normalidade?

Y.G: Eu creo que imos encerrarnos agora que temos tempo para compoñer novos temas e despois cando se presente o disco haberá temas novos que soarán tamén. A xente non os coñecerá, pero estarán aí. E eses temas queremos preparalos con aínda máis agarimo que todo o anterior, é dicir, moito máis producidos. Ir vendo os temas co produtor dende o principio. Ir un paso máis cada vez, crecendo.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.