Malandrómeda non deixan de evolucionar con ‘Animais da Feira’

Que teñen en común Novedades Carminha, Oh! Ayatollah, Boyanka Kostova, Ortiga, Familia Caamagno ou Alto Asalto, entre moitos outros grupos galegos? Que parte da súa música, ou incluso discos completos, foron producidos en Trazo (A Coruña), no Laboratorio Soyuz, por Hevi, membro de moitos grupos galegos como Non Residentz, Juanito Broders, Fluzo ou, como non, Malandrómeda.

Malandrómeda é tal vez un dos grupos máis coñecidos do noso rap, fundado en 2005 polo propio Hevi, quen segue a manter o traballo do grupo rodeándose de diferentes colaboradores, e Caldeirada, quen sería substituído por O Master del Son antes de que este tamén deixara a agrupación. A última saída en estudo ata o día de hoxe dos de Hevi fora dobre, con Os corenta e oito nomes do inimigo e Cada can que lamba o seu carallo, e editada por Matapadre en 2016. Deixáronnos con ganas de máis e o pasado 17 de setembro, por fin, saíu á luz o EP Animais de Feira.

Aínda saíndo no mesmo ano e ao mesmo tempo, influencias e ambientes de ambos discos de 2016 eran estrañamente diferentes, sendo capaces de facernos conectar con diferentes partes dos nosos cerebros. Os corenta e oito nomes do inimigo achegábanos a un son aparentemente máis clásico e quedo, e Cada can que lamba o seu carallo lanzábase a buscar melodías case psicodélicas, achegándose a outros estilos musicais. Xuntos formaban unha dupla excelente, e semellaba imposible entender un sen o outro. En certo modo, Animais de Feira parece buscar mesturar ambos traballos.

As bases semellan nun primeiro lugar achegarse máis ás do son clásico de Os corenta e oito nomes do inimigo, pero pronto estes comezarán a facerse complexos, buscando achegar un ruído maior, tal e como existía en Cada can que lamba o seu carallo. Créase un caos ordenado, que tanto pode invitar a bailar (Hoxe dormes fóra) como soar a unha improvisación que se foi das mans (Galician Edi Murfi).

A maneira na que Hevi cuspe nos catro temas as súas letras resulta máis agresiva do acostumado, collendo as vogais un peso que non tiña en anteriores traballos de Malandrómeda. Resulta ata estraño volver atrás a Que nos leve pra diante (2016) ou Festa Malandrómica (2008) e ver como, daquelas, a voz de Hevi resonaba case coma un eco tras unha durísima instrumentación, mentres que agora comparten importancia.

As letras fan que esa rabia estea xustificada, enchéndoas de retranca e buscando que sexa o ouvinte quen razoe, lanzando frases como “Soño cun Santiago ardendo e unha guillotina no centro do Obradoiro” tras falar de especulación. Malandrómeda crean o ambiente necesario para que pouco a pouco tentemos espertar da nosa apatía e procuremos respostas.

Con todo, a falta de corpo é un dos maiores problemas deste EP, xa que soamente catro cancións non permite desenvolver as mesmas ideas musicais que os seus predecesores trouxeron consigo. Se ben as catro pezas que compoñen Animais de Feira teñen elementos en común e consiguen convencer, fano máis dende unha escoita a cada un destes de maneira individual.

O EP conta con colaboracións de Xavi G. Pereiro (Novedades Carminha), Faia e Nuno (Oh! Ayatollah), quen todos contaron con produción de Hevi nos seus traballos orixinais. Con todo, en ningún momento estas colaboracións serán incluso sinxelas de observar, agochándose entre diversos sons e a propia voz de Hevi. Malandrómeda non busca aproveitar o éxito de ninguén, senón crear baixo mestura de estilos. As voces dos artistas son unha parte máis do tema, e se faltasen estes deixarían de ter sentido.

A principal vantaxe que tiñan os discos de 2016 era que, ao ser ambos traballos longos —10 e 11 temas— existía máis espazo para crear un ecosistema musical propio en cada un deles. Ambos tiñan unha introducción clara, e as diferencias aumentaban a medida que avanzábamos neles. Este EP, ao ser máis curto, vai directamente a amosar o que Malandrómeda está a facer a día de hoxe.

Sen equívocos, e alén dos poucos problemas que podemos atopar nel, Animais de Feira mostra a un Malandrómeda que non deixa de crecer no seu propio son e busca novas maneiras de continuar creando. Tras este EP, segue a ser obvio que contar coa mente de Hevi colaborando en tanto traballo galego continúa a ser un privilexio que sempre axuda a evolucionar a nosa música.

8.1
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.