Mateus Aleluia mostra unha mística e escura melancolía en ‘Olorum’

Release Date
24 Xullo, 2020
Discográfica
Selo Sesc
Xénero
Afoxé
Our Score
7.6

A día de hoxe, escoitar o What’s Going On de Marvin Gaye, publicado en 1971, continúa a resultar unha das experiencias máis enriquecedoras imaxinables. Non chega á experimentación que outros artistas como Stevie Wonder supuxeron nun xénero coma o Soul nunha etapa tan ceda do estilo, mais aínda así é a cume dun estilo musical que non deixou de avanzar ata o día de hoxe.

Se ben artistas como os xa mencionados Marvin Gaye e Stevie Wonder ou, entre moitos outros, Nina Simone ou Isaac Hayes, fixeron que a música clasificable como Soul chegase a puntos de calidade abraiante, a evolución do xénero pasou a que, neste século, artistas como D’Angelo, Erykah Badu ou Solange recolleran todo o aprendido e creasen algo tan excelso coma o anterior pero con vistas na actualidade, acuñados todos estes discos baixo unha nova etiqueta, a de Neo-Soul.

Se ben as raíces da música son as mesmas, os cambios da sociedade reflíctense nos xéneros musicais baixo unha necesidade de identificación cultural, sexa adaptándose a novos estilos musicais ou preocupacións na lírica. Así, aquel Soul recollía influenzas do Hip Hop, o Funk, ou House ou incluso o Pop entre outros, e producía un lavado de cara que facía imposible que o que se facía en 1970 e no 2000 tiveran o mesmo nome.

É sorprendente que en pleno 2020, en Brasil, non haxa quen de atreverse a englobar ao que fan artistas como Elza Soares, Ana Frango Elétrico ou Mateus Aleluia, directamente, Neo-MPB no canto de porlles etiquetas como Vanguarda Paulista cando dito movemento rematou en 1985. Dende a década dos 2010, cada vez é máis común ver artistas brasileiros achegarse aos elementos clásicos da música popular brasileirapara darlle unha volta, achegando esta a novos estilos e abríndolle á Samba ou ao Afoxé novas fronteiras que anteriormente nin sequera semellaban existir e facendo que, cada vez máis, sexa necesaria esta nova etiqueta.

Mateus Aleluia é un dos últimos vestixios de Os Tincoãs, unha banda de Afoxé formada nos anos 1960 e que se mantivo en activo ata os 2000. Non tiveron éxito internacional, e incluso resulta difícil atopar información en brasileiro como para poder destacalos dentro do país. En 1983, Aleluia mudouse a Angola para participar nun proxecto cultural para o goberno de Angola; e Badú leva vivindo en Gran Canaria os últimos 30 anos.

A música d’Os Tincoãs, se ben tamén foi acuñada como MBP ao igual que o traballo doutros artistas dos anos 1970 como Milton Nascimento e Lô Borges, Caetano Veloso ou Jorge Ben, a música creada por estes dista moito do que estes facían. Os Tincoãs xogaban coas voces dos seus compoñentes baixo percusións que invitaban a un baile lento, case inevitable, baixo percusións suaves. Ensalzaban a herdanza afrobrasileira dos seus integrantes, e o seu son buscaba explorar influenzas que outros non tiñan ou non querían descubrir.

Neste senso, a viaxe a Angola de Aleluia tamén lle serviu para redescubrirse a si mesmo e repensar a súa música, igual que outros artistas como Emicida ou Nina Simone decidiron facer. Existiría, pois, unha necesidade de responder a unha falta de identificación que comparten Brasil ou Estados Unidos en gran parte da súa poboación debido a un pasado —e presente— imperialista no que a idea de patria existe para un, pero pode incluso resultar allea para moitos.

Á súa volta de África, a música de Mateus Aleluia non se parecería á que facía baixo Os Tincoãs. Cinco Sentidos (2010) viña cargado dun aire de madurez e tristeza que afastaba a música de Aleluia do son da súa banda orixinaria, e a cal continuaría evolucionando e tentando revolucionarse a si mesma (aínda que, digámolo xa, con menos tino) ata dez anos despois coa saída dun terceiro disco, Olorum.

Cunha canción co mesmo nome, o álbum comeza cunha potencia inexistente en calquera punto da discografía d’Os Tincoãs ou Aleluia en solitario, dotándoo dunha forza que, ás veces, resultará demasiado potente para que o álbum manteña esa sensación tan enérxica. Con todo, temas como Pimenta Mumuíla ou Bem-Te-Vi axudarán a manter esa esencia inicial.

Igual que aquel Mulher do fim do mundo de Elza Soares tiña en certos momentos reminiscencias do Art Rock, en menor medida Mateus Aleluia axúdase de elementos similares aos que usou Soares para crear unha sensación de escura melancolía capaz de crear ansiedade a quen o escoite, sendo os momentos nos que o cantante se deixa levar na lírica e na instrumentalización por estas temáticas os momentos máis excelentes do álbum.

No caso de Aleluia, dotando todo isto dunha voz grave e serena que axuda a crear esa sensación, unha lírica auto-biográfica e honesta guiará a nosa viaxe por Olorum. As letras de Mateus achegarannos ao seu fogar de neno, a conversas coa súa familia, ás súas viaxes e ás súas crenzas relixiosas e políticas, buscando crear no álbum un caderno de viaxe tan verídico como lle sexa posible.

Con todo, os momentos nos que Mateus Aleluia decide deixar esa agresividade a un lado e opta por pezas máis quedas, como en Liquefez, Nganga Njila ou Samba-Oração, o disco perde en calidade. Por unha banda, a perda de agresividade resulta nunha desconexión coa atmosfera que o disco conseguía crear; por outra, a composición destes tema resposta a estruturas máis clásicas, que ou ben Aleluia arranxou con máis tino, ou actualidade, ou ambas, en traballos anteriores tanto de Os Tincoãs coma seus en solitario.

Se ben Olorum dista de ser perfecto, Mateus Aleluia ábrenos a porta á súa vida e aos seus pensamentos neste álbum. Nos momentos nos que non arrisca, aburre, mais nos momentos nos que decide aventurarse sentará cátedra. Aos seus 77 anos, o futuro da música popular brasileira segue a ter que telo en conta.  

7.6
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.