Maya Hawke estrea a súa carreira musical con ‘Blush’

Release Date
21 Agosto, 2020
Discográfica
Mom+Pop
Xénero
Indie-Folk
Our Score
5

Maya Hawke acaba de lanzar o seu primeiro traballo musical, pero non o fixo como unha artista descoñecida recén chegada ao mundo da música. Filla dos actores Uma Thurman e Ethan Hawke, Maya continuou a profesión familiar antes de lanzar este disco, formando parte do reparto de superproducións como Stranger Things (probablemente co mellor personaxe da terceira tempada).

É máis que probable que a atención que está a recibir este traballo musical non fose a mesma se Maya Hawke fose calquera outra rapaza de 22 anos, porén, á hora de facer a crítica dun disco o foco debería poñerse case exclusivamente na súa música. Blush non é un mal disco, pero tampouco é memorable.

As doce cancións que conforman este álbum de debut móvense en todo momento entre o indie-folk e o country, cun son suave e agradable en todo momento. As letras falan de maneira sinxela pero intelixente sobre o amor e son cantadas coa delicada e agradable voz de Maya, que brilla especialmente en cancións como So Long, onde as guitarras acústicas e eléctricas cubertas de reverberación entrelácanse nun son misterioso de ritmos pausados e nocturnos.

Os singles Generous Heart e By Myself amosan o lado máis accesible deste traballo, con algunhas das súas melodías máis memorables, mentres que outras cancións como Animal Enough ou Menace aportan máis enerxía e vitalidade ao tracklist, aínda que a voz de Maya funciona mellor nos momentos máis sombríos do disco, como o peche con Mirth.

Blush é un disco que soa ben, está ben gravado, ben interpretado e non ten malas cancións, pero o seu problema é que tampouco ten boas cancións. Todo queda a medio camiño neste traballo. A súa escoita resulta agradable por non hai nin un só momento no que sorprenda ou sobresaia. Podería ser a banda sonora dun filme independente de Sundance, aportando parte do encanto a unha escena, pero sen chamar o suficiente a atención para que ningún lle prestase verdadeira atención.

Con todo, este é o primeiro traballo musical de Maya Hawke e os resultados non son malos. Tras esta carta de presentación poderían chegar novos discos onde, xan con máis confianza, aposte por tomar máis riscos creativos, decisións máis atrevidas que consegan traer consigo cancións que ademáis de ser correctas sexan memorables. Polo de agora semella que Maya Hawke vai seguir sendo máis recoñecida polo seu traballo como actriz que polo de cantante.

5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.