Michael Jackson: Luces e sombras do Rei do Pop (I)

Pase tempo que pase, sempre recordarei o 25 de xuño de 2009. Lembro que estaba escoitando a radio na cama, ben cedo como todas as mañás, e o locutor anunciou solemnemente: “Michael Jackson faleceu na súa mansión d’Os Ánxeles”. Notei unha punzada no peito e fiquei completamente petrificada. A día de hoxe sigo sen entender moi ben por que me afectou tanto; daquelas aínda non cumprira nin os 10 anos, e o único que coñecía de MJ era o videoclip de Thriller das reposicións d’A Bola de Cristal en Clan, e que era un home asquerosamente rico e sumamente estrambótico.

Espertou en min un interese repentino que tardou moi pouco en tornarse en obsesión. Daquela aínda non me deixaban empregar Internet, así que o meu consumo inicial de Michael Jackson limitouse á explosiva cobertura que lle deron os medios tras o seu finamento. Agardaba todas as mañás a que pinchasen na radio Black or White ou The Way You Make Me Feel. Pouco despois agasallaríanme un recompilatorio chamado Michael Jackson King of Pop, contedor dos seus maiores éxitos. Durante os anos seguintes, faríame con toda a discografía de MJ -e un par de edicións de luxo máis-, pero esa compilación, rallada no aluminio e roída na carátula de cartón, seguiría a ser a miña xoia durante moitos anos.

Cando Michael Jackson morreu, a opinión pública esquecérase case por completo da que lle caera nos anos anteriores. Relegado á case absoluta marxinalidade, en bancarrota, manchado polo mediático xuízo de 2003 onde se lle acusaba abuso sexual a menores -continuación de acusacións da mesma índole en 1993, resoltas financeiramente antes de chegar aos tribunais-. MJ pasara de considerarse un perigo público ao maior artista de todos os tempos. Mais tras a eclosión de toda adoración pública cara á súa figura, as polémicas non tardarían moito en reaparecer.

Nunca se atopou unha soa evidencia de que Michael Jackson fose un pedófilo. O seu achegamento aos nenos non foi nunca ningún segredo; el mesmo o recoñecera na televisión pública. Pero si era extremadamente estraño, como todo o que envolvía a súa figura: os seus constantes cambios de aspecto físico, tanto na cor da súa pel coma nos seus rasgos faciais; ou a súa incrible capacidade para derrochar cartos, conseguindo gastar o dobre do que gañaba

Mais recentemente, no seo de todo o movemento “Me Too”, deuse acubillo a novas acusacións contra MJ. O pasado ano, viu á luz Leaving Neverland. No documental, dous dos seus amigos declaran detalladamente que o cantante abusara deles. Ambos foran dos moitos nenos que adoitaban acompañalo nas xiras mundiais, xogar no rancho de Neverland e durmir na súa habitación.

En realidade, de documental ten moi pouco: fíase sesgadamente mediante dous testemuños acusatorios, sen recoller a outra cara da historia. Tamén se mostran cronoloxías contraditorias -xa non só que ambos testificaran a favor de Jackson en 2005, senón que cambiaron o seu relato contra el nos últimos anos-, ocúltanse motivacións, recréanse eventos falaces e manipúlanse declaracións.

A credibilidade de Leaving Neverland é nula. Porén a nova ideoloxía de apoiar incondicionalmente á vítima, vulnerando por completo a presunción de inocencia, difundiu novamente a imaxe de Michael Jackson coma un pederasta en serie. Aínda que o acusado, desde a súa tumba, non poida nin defenderse. A cultura da cancelación ditaminou que MJ non podería volver ser valorado coma o músico e bailarín que foi.

A integridade privada de Michael Jackson pode cuestionarse a moitos niveis. Mais, poñendo na balanza a enteireza dos seus actos -algúns deles, as difamacións máis escuras e devastadoras, tanto en vida coma en morte, probablemente non se poderán demostrar nunca máis-, o certo é que o erro é social: unha figura pública non debe ser un modelo de conducta.

E independentemente do que o chamado “Rei do Pop” fixera ou non fixera entre as paredes das súas colosais mansións, o que debería ficar no seu legado público é o que o fixo ser nun momento a persoa máis famosa do mundo. E aínda que esta contradición vai seguir atravesando a imaxe que todos nos formamos de quen está á vista de todo o mundo, nunca debemos esquecer o legado que Michael Jackson deixou á música.

Os Jackson 5: catro figurantes e unha estrela

A familia Jackson, de clase traballadora, residía en Gary, Indiana. Joe Jackson probara sorte coma boxeador e coma guitarrista, mais nunca conseguira chegar a nada. Mantiña á súa muller Katherine e, por aquelas, seis fillos e dúas fillas -Janet nacería en 1966-, operando grúas. Tras descubrir a Tito tocando a súa guitarra ás agochadas, tivo a idea de comezar un modesto grupo de R&B cos irmáns. Primeiro comezaron os máis maiores, Jackie, Tito e Jermaine, e pouco despois uniríanse Marlon e Michael -Randy, o máis pequeno nos varóns, reemprazaría a Jermaine en 1975-.

Con tan só cinco anos, Michael descubriuse como un talento musical innato. Coa súa voz infantil, anxelical e doce, e unha enerxía inesgotable que non lle permitía pousar os pés no escenario, tardou pouco en eclipsar aos seus irmáns e erguerse coma o gran protagonista. Bautizados coma os Jackson 5, comezaron a colleitar unha incipiente fama en Indiana e nos estados lindeiros intepretando versións de música negra en concursos e clubs nocturnos. En 1967, firmaron un contrato discográfico con Steeltown Records e gravaron o sinxelo Big Boy, unha canción de soul que acabaría converténdose nun éxito local nas emisoras de radio.

A memoria popular conta que foi Diana Ross quen descubriu aos Jackson 5 e os fichou para a lendaria discográfica Motown; de feito, o seu álbum debut chamaríase Diana Ross Presents The Jackson 5 (1969). En realidade firmaron para un contrato de sete anos despois de que os executivos da Motown puxesen o ollo neles, tras moitas discusións sobre se compensaba expoñerse aos perigos de contratar menores de idade -as leis de traballo infantil déranlles problemas con Stevie Wonder-.

Os Jackson 5 capturados por Lawrence Schiller para The New York Times en 1969

O primeiro sinxelo con Motown, I Want You Back, foi un hit instantáneo. Como a maior parte do que publicarían coa discográfica, sobradamente coñecida polas nefastas condicións laborais e económicas ás que sometía aos seus clientes, todos menos Michael serían figurantes unicamente empregados nas aparicións públicas. As cancións estaban escritas por compositores alleos, os instrumentos tocados por músicos sen nome e, acotío, os coros cantados por voces non acreditadas. Todos, menos Michael, serían durante moitos anos bonecos con pelo afro e traxes coloridos obxecto dunha lucrativa campaña de marketing.

A “jacksonmanía” comezou a espallarse por todos os Estados Unidos, e nos anos seguintes virían consecutivos éxitos: ABC, The Love You Save, I’ll Be There e varios máis que hoxe nin se recordan. Michael medraba cara á puberdade e, observando o proceder de James Brown ou Jackie Wilson, aprendeu rapidamente a moverse con axilidade enriba do escenario. Mentres tanto, Joe Jackson, como manager do grupo, seguía a ser un gran no cu. Ben coñecida é a violenta forma que tiña de tratar aos seus fillos e, aínda que Joe seguiría a controlar todos os aspectos financeiros, os irmáns comezarían a distanciarse máis e máis del a medida que pasaban os anos.

Durante a primeira metade da década dos 70, os Jackson 5 comezarían a perder a súa maxia e a caer nas listas de éxitos. Michael xa non era un doce neno. Os seus cada vez máis esculpidos movementos de baile e a súa suave e poderosa voz cristalizábanse nun adolescente con nariz e acne prominentes. Estes rasgos derivarían nun complexo físico de grandes dimensións, punto inicial do rally de cirurxía estética cuxo final é ben coñecido.

A fórmula Motown non estaba a funcionar. Escorrentando o contrato vixente e perdendo a Jermaine polo camiño -estaba casado coa filla do fundador da Motown-, trocaron a súa denominación a The Jacksons e firmaron con Epic Records en 1975. Foi nesta época cando a música disco viviu dunha gran eclosión e, auspiciados pola ola, gozarían dun modesto rexurdimento mediante desenfadadas e bailables cancións sobre pasalo ben. Destiny (1978) e Triumph (1980) foron albumes irregulares, mais contiñan algunhas das mellores cancións disco da historia. Entre elas, Blame It on the Boogie e Can You Feel It.

Off the Wall: Unha obra mestra nos últimos minutos de gloria da música disco

Alcanzada a maioría de idade, Michael Jackson era consciente de que o seu era o único e verdadeiro potencial entre os seus irmáns. As súas ganas de comezar por fin unha carreira en solitario eran xa imparables. En 1979, baixo o contrato de The Jacksons, comezou a concibir o seu primeiro disco con Epic Records. Michael xa gravara catro discos baixo o seu nome con Motown, pero Off the Wall sería verdadeiramente o seu primeiro álbum.

En 1978, MJ interpretaría ao Espantallo na película The Wiz, cuxa banda sonora estaba composta polo lendario Quincy Jones. O proxecto tivo un resultado mediocre e, vista como unha longametraxe negra máis, obtería beneficios modestos en taquilla. Mais The Wiz agasallou ao mundo algo de valor incalculable: o comezo dunha estreita relación profesional entre unha das grandes promesas da música e un dos mellores produtores da historia. E o primeiro traballo froito do tándem Jackson-Jones sería Off the Wall; para moitos, o mellor traballo de Michael Jackson.

Michael Jackson e Quincy Jones en 1979, capturados por Bobby Holland

Off the Wall aúna dous talentos innatos. Por unha banda, a frescura máis radical de Michael Jackson, chea de inocencia e ganas de comerse o mundo. Por outra, a habilidade ecléctica de Quincy Jones para producir calquera estilo musical mediante fusión e confusión, sexa jazz, rock, R&B, funk ou pop. Ambos eran uns perfeccionistas obsesivos, na inesgotable procura de todos os sons e ritmos imaxinables para construír os dez cortes que conforman o álbum.

Ademais, eran extremadamente intelixentes. Quincy Jones soubo identificar que a música disco se atopaba no punto álxido da súa oxidación. E efectivamente, un mes antes de que saíse Off the Wall, milleiros de vinilos de música disco arderon nun estadio de béisbol de Chicago. O famoso “día que ardeu a música disco” foi o inicio do declive de moitos artistas negros e latinos, mais non o de Michael Jackson.

Deste xeito, Off the Wall vai moito máis alá do estilo amosado por The Jacksons na súa última época. E para moitos -eu incluída-, o mellor feito por Michael Jackson na súa carreira sería o primeiro tema de Off the Wall. O primeiro composto plenamente por el e o primeiro co que presentou ao mundo a súa nova imaxe. Don’t Stop ‘Til You Get Enough toma un concepto básico da música disco: o home contra a máquina, onde a sensual voz se bate nun duelo implacable cos ritmos enérxicos e metálicos. Seccións de corda e de vento fusiónanse á perfección, conformando un himno post-disco de seis minutazos que nunca chega a cansar.

MJ tamén lanzou un par de cortes máis para os fans do disco, alongando un pouco máis a vida do estilo en declive: Workin’ Day and Night, Get on the Floor e Burn This Disco Out. Pero polo xeral, existe un achegamento máis fondo ao R&B, no cal seguiría profundando ao longo dos anos 80. Incluso conseguen que unha balada como She’s Out of My Life, que frea en brusco o ritmo do percorrido, encaixe á perfección. Non existe ningún corte desdeñable en Off the Wall e, aínda que MJ traería moitos e máis explosivos bangers nas décadas seguintes, nunca conseguiu volver facer un disco tan compacto e harmónico.

Thriller: A consagración do mito

Off the Wall foi un auténtico bombazo que colocou a MJ no punto de mira do panorama musical internacional. Liberado do xugo de seu pai, estaba comezando a gozar da flexibilidade, perseverancia e estímulo de novos procesos de creación musical -así como de transformación corporal-. Agora era o seu asunto, man a man con Quincy Jones. A gravación de Thriller foi a primeira na que se visibilizaron as súas rutinas tan perfeccionistas como desordenadas. Jackson non sabía tocar ningún instrumento e non tiña nin idea de solfeo, pero as notas e os sons, encriptados, brotaban brillantemente da súa cabeza.

Os días no estudio serían moitos e moi longos, tomando centos e centos de tomas das pistas sen chegar nunca a atopar a verdadeira satisfacción. Epic Records, cansos das idas e vidas de Jackson e Jones, obrigaríaos finalmente a entregar o disco, deixándolles soamente oito días para a masterización definitiva. Publicouse o día de Acción de Grazas de 1982. Ben sabido é o éxito de vendas que supuxo Thriller. A día de hoxe, aínda o álbum máis vendido da historia.

Descarte da portada de Thriller, por Dick Zimmerman

É un álbum curto, de tan só nove cortes -moitos máis perdéronse no estudio-, pero todos son auténticos éxitos. A excepción de, xustamente, o primeiro adianto: The Girl Is Mine, en colaboración con Paul McCartney. Porén o tema, que envelleceu moi mal, supuxo unha estratexia de marketing excelente. Grazas ao nome de McCartney, MJ sortearía por completo as barreiras impostas á música negra nas emisoras de radio -aínda proídas polas revoltas contra a música disco-, erixíndose finalmente como un artista universal.

Wanna Be Startin’ Somethin’ abre álbum. Quedara descolgado de Off the Wall, e conformouse como un perfecto sucesor de Don’t Stop Til’ You Get Enough na tarefa de insuflar no inicio do percorrido unha sobredose de enerxía que semella non rematar nunca. Mais xa non existe un ápice de música disco en Thriller. E máis alá de observar o álbum como un auténtico blockbuster repleto de bangers, cómpre recoñecelo como un traballo verdadeiramente revolucionario. Jackson e Jones saen airosos reinventando o funk e o R&B –Billie Jean, P.Y.T. (Pretty Young Thing)-, mesturándoo coas guitarras de rock máis duras –Beat It– e coas baladas de pop máis doces –Human Nature-.

Con Thriller tamén se iniciaría unha franquía de vídeos musicais que levaría ao videoclip a límites nunca vistos -MJ empeñábase, e con razón, en consideralos curtametraxes-. O segundo sinxelo, Billie Jean, manexaría os estándares da época. O terceiro, Beat It, comezaría a tomar forma de relato. O cuarto, Thriller… Xa todos coñecemos o vídeo musical de Thriller, dirixido por John Landis, e como transformou a súa concepción cara a unha auténtica forma de arte.

Continuaremos estudando o legado do Rei do Pop na segunda parte da nosa particular homenaxe.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.