Michael Jackson: Luces e sombras do Rei do Pop (II)

Na primeira parte da nosa particular rendición á figura de Michael Jackson, explorabamos a chegada á cima dun dos artistas máis relevantes da historia contemporánea. O lanzamento de Thriller en 1982 situaríao no Olimpo do panorama musical universal. E os cinco anos que transcorreron entre este e a publicación de Bad foron decisivos para o devir da súa carreira profesional e da súa vida persoal.

En 1983, os Jackson 5 reuniríanse para actuar no especial televisivo Motown 25 -un ano máis tarde, emprenderían xuntos o Victory Tour-, onde Michael interpretaría Billie Jean e realizaría por primeira vez o seu paso de baile máis icónico: o moonwalk. Ese mesmo ano sufriría unha fatal queimadura na cabeza na rodaxe dun anuncio de Pepsi, que anos máis tarde derivaría nunha adicción aos narcóticos.

En 1985, adquiría os dereitos do catálogo completo dos Beatles, a decisión financeira máis intelixente da súa vida: anos despois salvaríalle da bancarrota en moitas ocasións. En 1986, cumpriría parcialmente o seu frustrado soño de converterse nunha estrela de cine, protagonizando a curta Captain EO, dirixida por Francis Ford Coppola. E en 1987, cando se publicou Bad, todo o mundo observaría un cambio drástico na súa aparencia: o nariz finísimo, as faccións perfiladas, os labios máis finos e a pel máis clara.

Na sesión para a portada de Bad, por Sam Emerson

Bad: O poder industrial do sintetizador

Adoita marcarse o inicio do declive na carreira musical de Michael Jackson co lanzamento de Bad. Pero se o descenso de calidade dun músico abrangue cancións como Man in the Mirror ou Smooth Criminal, benvido sexa. Si é certo que Bad é un disco moito máis irregular, pero así o quixo Jackson. MJ quería continuar traballando con Quincy Jones, mais non quería depender del, polo que decidiu que parte do proceso se levaría a cabo no seu estudio persoal. Jackson e o seu equipo gravarían as demos, orientándose desta vez cara os sons sintetizados, e Jones converteríaas en hits de extravagante super-produción.

E mentres que Off the Wall e Thriller reflectían unha inocencia inconsciente, en Bad móstrase unha marca de imaxe moito máis premeditada, rozando os límites do artificial. É un álbum agresivo, onde cortes como Dirty Diana, Speed Demon ou o mesmo Bad pretenden amosar un machote enfadado. Aínda así, tampouco falta a balada obrigada nos seus traballos, que neste caso sería I Just Can’t Stop Loving You a dúo con Siedah Garrett. En detrimento da percusión limpa, as potentes liñas de baixo e os últimos resquicios do post-disco, atopamos unha produción complexísima e abarrotada de sintetizadores acelerados.

A xira de presentación de Bad foi a primeira xira en solitario de MJ. Un tour exhaustivo arredor de todo o mundo conceptualizado, por vez primeira, a través da súa visión absoluta do escenario. Cada noite, durante dúas horas, Michael non pararía de cantar e bailar implacablemente. Por outra banda, os vídeos musicais volveron dar un paso máis adiante: con Bad de base, compúxose unha curtametraxe dirixida por Martin Scorsese.

En 1987, lanzouse en VHS Moonwalker, unha película antolóxica construída a través de varios vídeos musicais dos cortes do disco, unha breve retrospectiva, unha parodia do vídeo de Bad e incluso unha versión de Come Together dos Beatles. En 1990, chegaron varios videoxogos da man de Sega, onde se manexaba a MJ batallando mediante a música e a danza para rescatar a uns nenos. Michael Jackson xa era toda unha franquía.

Dangerous: Un arroz con cousas

Para o seu seguinte disco, Jackson decidiu non contar con Quincy Jones. Tras o cese do acordo con Epic Records, acababa de firmar con Sony o contrato máis lucrativo da historia, conseguindo o seu propio selo -MJJ- e o ratio de royalties máis alto da industria. Co paso dos anos, a megalomanía de MJ crecía a un ritmo imparable. Cada vez lle gustaba menos que os que lle rodeaban lle dixesen que facer, e cada vez expoñía máis as súas excentricidades á vista de todo o mundo. Esta obstinación constante foi a que o levou aos problemas legais e financeiros. E tamén a que a súa música comezase a perder calidade.

Sen Quincy Jones no barco, e despedidos todos os seus antigos socios, Jackson comezaría a rodearse dun novo elenco de bechas cuxa única función sería darlle o visto bo a todas as súas ideas, por moi desproporcionadas que fosen. O proceso de creación de Dangerous foi tortuoso. MJ dedicouse a ir dun produtor a outro buscando desesperadamente unha dirección axustada ás súas ideas.

Finalmente conseguiuno, mais a dispersión nótase na escoita do disco. Porén a pouca compactación do traballo e toda a súa extravagancia ilimitada faise, a tres décadas vista, unha experiencia sumamente desfrutable. Por unha banda, temos cortes cañeiros que se atreven a mesturar o rock e o R&B co hip hop –Jam, Remember The Time, Black or White-. Por outra, un bo pulso de baladas con intencións de cambiar o mundo, pero pouco máis que iso –Heal The World, Gone Too Soon-.

Cómpre destacar a repercusión que tivo o vídeo musical Black or White para entender o que o mundo buscaba en Michael Jackson. Unha canción que formula unha utópica visión dun futuro post-racial. Sen dúbida foi paradóxico ver á superestrela máis grande do planeta, coa tez totalmente branca, converterse nunha pantera negra. E durante catro minutos nos que só se podía escoitar o rozar dos seus mocasíns contra o chan, bailar violentamente agarrándose a entreperna e simulando unha masturbación.

Esta última parte foi rapidamente censurada, e todo o que moitos recordarán do videoclip será Macaulay Culkin facendo air guitar. Black or White como un cándido himno sobre a igualdade, igual que o foi We Are the World -un hit de 1985 onde Jackson e Lionel Richie pretenderon salvar o mundo reunindo a un compendio de estrelas da música e que rematou converténdose nunha loita de ego- e o sería pouco despois Heal the World. Todo o que se lle pedía ao músico máis famoso do mundo era canción superficial tras canción superficial, e canto máis lixeiro o consumo, mellor.

Michael Jackson quería mostrarse como un auténtico home con valores fortes, pero as súas excentricidades estaban traspasando xa o entendible. Algúns entenden o cambio de cor na súa pel coma unha solución ao vitíligo, unha enfermidade que produce a aparición de manchas brancas na pel. Outros, coma un recurso para un home que non quería ser catalogado, nin polo seu estilo musical, nin pola súa roupa, nin polo seu baile, nin pola súa aparencia física. Presumiblemente, o seu mal da pel serviríalle como escusa para achegarse un pouco máis aos estandartes do pop, ao seu propio prototipo de estrela e, en última instancia, á súa visión da beleza. Fóiselle a man.

No medio tempo da Super Bowl de 1993 (AP Photo/Rusty Kennedy, File)

As primeiras acusacións de abuso sexual a menores chegarían en 1993. Michael Jackson nunca ocultou o seu amor polos nenos. Auto-proclamábase un “Peter Pan” que nunca chegara a desfrutar a súa infancia, e prefería a compañía daqueles que lle fixesen vivir o que nunca tivo. Sen dúbida, falar con eles durante horas por teléfono, invitalos a Neverland -o rancho que adquiriu en 1988-, durmir con eles na mesma habitación e levalos de xira, non son signos dun comportamento normal nun adulto. Mais tampouco necesariamente os dun pedófilo. Sexa como for, nunca se atoparon probas.

Jackson decidiu arranxar a demanda interposta polo pai de Jordan Chandler cun cuantioso acordo económico, antes que ir aos tribunais. Nunca recoñeceu ningunha responsabilidade, mais non probar a súa inocencia implicou a súa culpabilidade para gran parte da opinión pública. Días despois da súa morte, Jordan Chandler recoñecería que mentiu por mandato de seu pai, quen se suicidaría pouco despois. Pasase o que pasase, 1993 marcou un punto de caída libre na carreira de Michael Jackson.

HIStory: Megalomanía de altas producións

HIStory: Past, Present and Future, Book I chegou en 1995. E quizá non era o mellor momento para, no estado no que se atopaba a imaxe pública de Michael Jackson, lanzar un álbum con semellante concepto. Era un disco dobre: o primeiro, unha recompilación dos maiores éxitos de MJ ata o momento; o segundo, 15 cortes novos. HIStory arrecende por todos lados a pura megalomanía.

A primeira parte do disco pretende amosar o grande que fora Michael Jackson durante as dúas décadas anteriores. A segunda parte, que agora era aínda máis grande. Nunha portada absolutamente anti-estética, preséntase unha sobria escultura de Jackson con pose e uniforme militares. Unha das dez estatuas de nove metros de alto que Sony dispoñería arredor do mundo co fin de promocionar o disco.

Na súa pretensión de grandiosidade, HIStory non se estrelaría estrepitosamente, pero si en gran medida. Gravar o álbum custou a frioleira de 10 millóns de dólares, destinados a arranxar e rearranxar 40 pistas das que 25 foron desbotadas. E a primeira metade do tracklist non emana a frescura dos seus traballos anteriores, mais soa realmente grandiosa. Na primeira pista, Scream, colabora coa súa irmá Janet Jackson -a única da familia Jackson que saíu ben parada, colleitando nos 90 a categoría de diva do pop-, surfeando enerxicamente entre o funk e o punk-rock. A día de hoxe, aínda ostenta o título do vídeo musical máis caro da historia.

They Don’t Care About Us componse con mestría mediante berros furiosos e potentes ritmos. Stranger In Moscow amosa unha produción de sons ambientais esculpida meticulosamenta, e tamén toda a ranciedade ideolóxica do imperialismo capitalista estadounidense: imaxes estereotípicas da Unión Soviética simbolizan a súa propia represión. Earth Song é todo o que Heal the World quixo e non puido ser. Pero todo o que transcorre despois da enérxica versión do Come Together dos Beatles é, simplemente, un tedio insufrible.

Aínda así, coma todos os anteriores discos de MJ, vendeuse coma churros, sostendo a día de hoxe o título de disco múltiple máis vendido da historia. Dous anos despois publicaríase Blood on the Dance Floor: HIStory in th Mix, contedor de cinco cancións novas aparte de varios remixes. O lanzamento confundiu a moitos e a súa repercusión foi moito máis modesta que a dos anteriores traballos de Jackson. E é unha pena, porque tres dos cortes novos –Blood on the Dance Floor, Ghosts e Morphine– poderían facerlle competencia facilmente ao mellor de HIStory.

Invincible: Un novo -e fallido- Michael Jackson para un novo século

Durante a xira de HIStory, os problemas físicos e psicolóxicos de Jackson comezaron a facerse verdadeiramente preocupantes. As secuelas da queimadura do anuncio de Pepsi fixéronse notar máis ca nunca, e apareceu o insomnio. Nun concerto benéfico en 1999 sufriu unha terrible caída que non fixo máis que agrandar o seu padecemento físico. MJ iniciou unha desesperada procura de calquera médico que lle subministrase demerol ou propofol; drogas legais que, baixo ningún concepto, deberían consumirse sen monitorización. 

Xa pouco quedaba do Michael Jackson frenético e adicto ao escenario. O seu físico, máis escuálido e estraño ca nunca, comezou a ser obxecto de aínda máis especulacións. A prensa rosa tamén se recreou na súa vida sentimental: casa con Lisa Marie Presley nun matrimonio aparentemente artificial, para divorciarse pouco despois e ter directamente dous fillos coa súa enfermeira; fillos que medrarían sen un só rasgo xenético herdado de seu pai.

Jackson parecía máis centrado en seguir gañando cartos para poder permitirse os seus desorbitados derroches, que en verdadeiramente sorprender con nova música ao mundo. E por iso Invincible é un disco tan esquecible. Ao longo da súa hora e cuarto de duración, percíbese unha pretensión imperiosa por facer pop de altas producións introducindo innovacións con calzador. E aínda que non sexa un álbum malo, soa mecánico. MJ precisaba un traballo que dixese “volvín para quedarme”, e Invincible non é suficiente para axustarse a este cometido.

Invincible conseguiu colar un par de cancións nas listas de éxitos -a máis destacable de todas, You Rock My World, cun pegadizo groove de R&B-. Porén tampouco era o que o público desexaba de Michael Jackson. A audiencia quedara atascada en temas inmortais como Billie Jean e Beat It, e Invincible é un absoluto anti-Thriller. Supón un disco de produción espesa, múltiples capas de voces e innovadores ritmos para un novo século, mais dalgunha forma captura a un Michael que soa encapsulado nunha habitación.

Michael Jackson non volvería publicar máis música en vida -tras a súa morte, chegarían dous discos de cuestionable autoría e aínda máis cuestionable calidade, que carecían de calquera sinal do que MJ pretendera nun primeiro momento-. Tampouco volvería dar ningún concerto; o último sería en Nova Iorque, un día antes do 11-S. Os problemas viñan de todos lados e de todas as formas posibles.

Por unha banda, os seus mermados beneficios non podían sufragar, nin de lonxe, un estilo de vida que incluía as gastos máis ridículos e innecesarios. Por outra, a prensa daba eco a unhas extravagancias que derruían a imaxe dun artista cuxa vida era xa unha absoluto circo. “Wacko Jacko”, chamábano: Vanity Fair publicaba que pagara 120 mil dólares a un bruxo para que arroxara unha maldición mortífera contra os seus inimigos -entre eles Steven Spielberg, por non telo escollido para interpretar a Peter Pan en Hook-, así como o sacrificio de 42 vacas para cambiar a súa cor de pel.

Se, entre 2002 e 2003, Jackson non lle tivera aberto as portas da súa casa ao xornalista Martin Bashir, quizais os seus últimos anos de vida non tiveran sido tan devastadores. O documental Living with Michael Jackson comezaba cun sincero relato da súa vida para, na última parte, amosalo abrazado xunto a Gavin Arvizo, o seu amigo de 12 anos. Bashir tornou a súa actitude amistosa nunha desafiante e despectiva. E ante as preguntas sobre a cirurxía plástica e sobre ter a nenos correteando por Neverland e durmindo na súa habitación, MJ tampouco soubo responder ben.

Uns meses despois, a nai de Arvizo denunciou á policía que abusos sexuais por parte de Jackson ao seu fillo aconteceran pouco despois da emisión do documental. A historia non era verosímil, non se atoparon probas, moitos antigos amigos menores testificaron a favor do cantante e, finalmente, MJ foi declarado inocente de todos os cargos. Mais o mediático xuízo rematou coa escasa saúde que lle quedaba, e a súa imaxe pública en vida non se volvería recuperar nunca máis.

Michael Jackson finou en 2009 a causa dunha intoxicación aguda de propofol e benzodiazepina. Apenas tres semanas antes do seu esperado regreso aos escenarios na colosal xira This Is It. Levaba moitos anos atrapado nunha férrea adicción aos analxésicos que, tarde ou cedo, ía rematar sendo letal. A finais de 2011, o seu médico persoal Conrad Murray foi sentenciado a catro anos de prisión por homicidio involuntario, dos que cumpriu dous.

Nos ensaios da xira This Is It en 2009 (The Michael Jackson Company, LLC)

A franquía de Michael Jackson volveu converterse nunha máquina de facer diñeiro. Tras a súa morte, o mundo reconciliouse coa súa figura durante varios anos. Mentres tanto, a familia Jackson non o deixaría descansar en paz, facendo do paradeiro da súa herdanza un bochornoso espectáculo mediático. Tampouco ía ser menos: Michael Jackson será para sempre unha lenda imperecedoira, e o halo de excentricidade circense que el mesmo se ocupou de esculpir ao seu redor forma parte indisociable do seu legado

O Rei do Pop

En 1991, Michael Jackson demandou que se lle dese un “título”, igual que Elvis era o “Rei” e Springsteen o “Boss”. Pouco despois, a MTV comezou a referirse a el coma o “Rei do Pop”. Este nome prefabricado remataría converténdose nunha denominación imprescindible á hora de observar a un dos artistas máis importantes da historia. E realmente o título non podería estar mellor acaído.

O pop é o popular e comercial, o ecléctico englobador de toda a industria cultural. E exactamente iso é Michael Jackson, e ninguén á vista do ollo público o puido representar mellor. Transgrediu todas as barreiras de xénero musical e do produto cultural, abarcando coma nunca antes música, cine, videoxogos, libros. E tamén as sexuais e raciais, levándoo ata os límites do moral. Era Michael Jackson heterosexual, homosexual ou asexual? Realmente foi sempre negro ou co transcurso da súa vida converteuse na persoa máis branca do mundo?

Michael Jackson foi o maior entertainer da historia -non existe unha tradución do termo ao galego que o poida definir tan ben-. Representa todas as contradicións sobre as que se constrúe a parte cultural da ideoloxía capitalista. Trasladounas á primeira plana e estirounas tanto e a tantos niveis, que o mundo comezou a moverse arredor do debate de se a sociedade debería adorar ou denostar a súa figura. Michael Jackson subministrou moitos cartos á industria e moito entretemento ao mundo, mais tamén visibilizou coma ninguén todas as súas eivas sociais.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.