‘Microphones in 2020’: Poñendo música a toda unha vida

Release Date
7 Agosto, 2020
Discográfica
P.W. Elverum & Sun
Xénero
Folk
Our Score
8.7

En 1996, Phil Elverum traballaba en The Business, unha tenda de discos aberta en 1978 e punto de reunión local dos músicos de Anacortes, en Washington. O dono daquela tenda era Bret Lunsford, co que Elverum fundaría D+ xunto tamén Karl Blau. Ao mesmo tempo, Lunsford tocaba en Beat Happening xunto Calvin Johnson, fundador da discográfica K Records e quen, con tanta coincidencia, non tardaría en coñecer a Phil Elverum e ofrecerlle gravar o seu primeiro álbum, the Microphones: TESTS, en 1998. Dende entón, máis de corenta traballos longos contaron ata o día de hoxe con Elverum como compositor, sendo os seus proxectos máis destacados aqueles lanzados como Mount Eerie ou a banda The Microphones, da cal a día de hoxe é o único membro.

Phil Elverum levaba dezasete anos sen lanzar música baixo o seudónimo de The Microphones, e o primeiro que un se pregunta é por que alguén que xa ten unha carreira sólida baixo o nome de Mount Eeerie volvería tan atrás no tempo e o faría nun traballo tan estraño a simple vista como o é Microphones in 2020: unha soa peza de 45 minutos de duración, monótona, soamente protagonizada por unha guitarra e a voz do propio Elverum.

Cedo veremos que, aos seus 42 anos, Phil Elverum dicide volver ao pseudónimo co que empezou na música como método introspectivo. Quen está detrás dun dos nomes máis soados e importantes do folk como é Mount Eerie, procurará deixar de estar no punto de mira de crítica e público para buscar unha conexión con el mesmo, da maneira máis libre e propia que pode.

A canción, aínda mesturada e con diferentes instrumentos figurando nela, crea a preciosa sensación de que estamos a observar a Phil Elverum escribir para si mesmo, tocando nunha cálida casoupa no medio do bosque. Microphones in 2020 semella unha improvisación, tocada nun momento concreto e íntimo no que se procuraba deixar ás emocións ao libre albedrío. Coma quen cavila sobre a súa vida, sobre o que cambiou dende que era un cativo ata o día de hoxe, dende unha perspectiva madura e pensando nas decisión e acción que definiron o seu pasado.

Durante o longo tema, veremos a Elverum volver atrás no tempo a diferentes situacións que definiron a súa vida, sendo temas tan cotiás como definitorios da súa persoa e da súa música. Falará de concertos aos que asistiu, de quen foi e quen é, de como vía as cousas antes e como as ve agora, e xulgará se cambiou e canto. Apoiarase para todo isto, ademais de en anécdotas, nas propias letras que escribiu baixo o nome de The Microphones e como Mount Eerie. Tratará o tema do cambio de nome, e incluso comentará como ás veces incluso isto lle parece un absurdo. Verase a si mesmo como inocente e inxenuo, e falará de que lle fixo evolucionar.

A instrumentalización que dá corpo ao tema a duras penas cambia, e se ben conta con pequenos xiros e cambios de ton, a estrutura non se desenvolverá máis alá do que vemos ao comezo desta. Se ben nun primeiro lugar pode resultar negativamente monótona, verase que é algo necesario. Elverum cantará “I will never stop singing this song, it goes forever” (Nunca deixarei de cantar esta canción, continuará para sempre), algo que tamén os instrumentos tentarán reproducir.

Súmase a isto un importante “Beneath Mount Erie I was already who I am” (Baixo Mount Eerie xa era quen son). A pesar das vivencias e dos cambios na súa vida, el segue a ser Phil Elevrum, e o seguirá sendo ata o día no que a súa vida remate. Esta é a canción da súa vida, a cal continuará soando practicamente igual (pois non podemos evitar ser quen somos) ata que un día a nosa vida remate. E, nese momento, igual que nos últimos intres do tema, farase o silencio.

Microphones in 2020 funciona como unha biografía autorizada de Phil Elverum, onde dunha maneira honesta e introspectiva tenta percorrer toda a súa vida facendo autocrítica de quen foi e quen é a día de hoxe. Pero, ao mesmo tempo, a idea que dá corpo a algo tan persoal funciona como unha fermosa obra na que os instrumentos son capaces de pór música á vida e á morte. Imprescindible.

8.7
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.