Natalia Lafourcade revoluciona as súas raíces en ‘Un Canto por México Vol. 1’

Release Date
8 Maio, 2020
Discográfica
Sony
Xénero
Folk
Our Score
8.5

Cando Natalia Lafourcade lanzou Musas, alá por 2017 —continuado ao ano seguinte cun segundo volumen— semellaba que algo grande estaba a comezar. Sendo honestos, non era algo ao que de primeiras entraría cos brazos abertos. É algo clásico, que se ben na miña casa leva toda a vida escoitándose, un pouco influenciados por aquelas telenovelas que botaban na TVG, lanzarme de golpe á música folk mexicana era algo que non entraba na miña planificación diaria. Con todo, dándolle unha oportunidade a Natalia naqueles Musas puidemos observar algo especial, onde sentías que a música che abrazaba por completo e era capaz de levarte a lugares insospeitados, onde a felicidade e o agarimo eran a norma.

Musas comezou un momento de madurez na artista mexicana, onde a súa maneira de facer música cambiou e que se materializa, dalgún modo, neste novo álbum. Un Canto Por México preséntase, como fixo o álbum de 2017, como un primeiro volume. Igual que en Musas apareceron novos sons e maneiras de facer as cousas en Lafourcade, este 2020 aparece como unha nova tempada para artista, onde se atreve de novo a explorar co seu son e a súa maneira de facer as cousas.

Igual que Car Seat Headrest decidiu no seu día volver gravar Twin Fantasy porque xa non se adaptaba ao que hoxe facían, Natalia Lafourcade decide para Un Canto por México volver a cantar varios dos seus temas coñecidos. Dentro do álbum, aparecen de novo Mexicana Hermosa e Mi Tierra Veracruzana (Musas, Vol. 1) e Hasta la Raíz, Para qué sufrir, Nunca es suficiente e Lo que construimos (Hasta la Raíz), collendo así varios dos temas máis coñecidos e importantes da discografía máis recente da artista.

O cambio, sobre todo nos temas que formaron parte de Hasta la Raíz, é desacougante. Natalia dá unha volta inmensa a todas as cancións, mostrando en todas unha auténtica enerxía tan cálida como valente que mostra a unha Lafourcade con forzas renovadas, nunha posición máis madura gañada polo seu talento e, obviamente, pola exposición internacional recibida dende Musas. O son dos temas de Hasta la Raíz é practicamente outro, onde os detalles que recordaban máis a unha artista estándar de indie pop desaparecen para mostrar un son máis cru e real, onde a instrumentalización é máis clásica pero inmensamente máis forte.

En Mexicana Hermosa e Mi Tierra Veracruzana, o xogo da música tradicional mexicana culmínase para o gran público. Cinco dos temas deste Canto por México son xa parte desa tradición, semellando imposible descoñecer temas como Cucurrucucú Paloma (Tomás Méndez) ou Ya No Vivo por Vivir (Juan Gabriel) xa neste lado do globo, e inmensamente máis difícil no propio México. Se xa non é o noso primeiro contacto con Lafourcade, e sendo conscientes de que é probable que o noso coñecemento dela fose debido a Musas e a súa explotación internacional, atopamos nos temas aparecidos xa no álbum de 2017 un pequeno recordo do que foi, cunha instrumentalización suficientemente diferente para atoparnos cantando as letras dos temas sen saber exactamente de onde ven o noso coñecemento delas. A sensación difire na dos temas procedentes de Hasta la Raíz debido a que os estilos musicais orixinarios non están en puntos tan diferentes.

No estritamente musical, Natalia Lafourcade continúa a mostrar que o seu cariño pola evolución musical da tradición mexicana semella non poñer límites ao estudo desta. Onde antes aparecían jarochos e rancheras, únense cumbias, istmeños e boleros para que o título do disco estea suficientemente xustificado. E a cuestión non só está nas diferencias que se poden atopar entre canción e canción, senón en como semella que todos eles están entrelazados para que o corpo do álbum non perda volume, permitíndolle manter un bo nivel ao longo do álbum incluso naqueles temas que poden desconectarnos máis das sensacións do álbum, sendo este problema máis visible en pezas como Veracruz ou Sembrando Flores.

Parte da maxia, con todo, está na propia Lafourcade e a súa voz. Resulta enigmática, ao punto de que conquista, pero ao mesmo tempo o seu ton de voz fai que pareza familiar. Natalia consegue ao final de cada canción ser coma unha vella amiga que se foi das nosas vidas, pero unha vez comeza o seguinte tema non podemos deixar de alegrarnos porque está de novo connosco. Non destaca nos ritmos que crea, senón que se combina á perfección con eles, sendo unha voz agarimosa capaz de facer que todo semelle máis sinxelo, dando igual que cante ao amor, á música ou a Veracruz.

A inconfundible e enérxica voz de Natalia Lafourcade pon en orde ideas, estudos e moitísimo corazón no que xa é o seu sétimo disco. Aquelo que fixera en Musas xa semella obsoleto, sendo capaz de evolucionar no seu son e revolucionar a súa propia música, unha vez máis. Recollendo ideas antigas e creando novas, Un Canto Por México Vol. 1 é posiblemente o seu mellor álbum ata a data, onde aliñar os nosos sentimentos cos da cantante semella algo natural.

Recibamos con aplausos a Natalia Lafourcade.

8.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.