Nine Inch Nails – Add Violence

Release Date
21 julio, 2017
Discográfica
Autoeditado
Xénero
Industrial
Our Score
8.1

Tras a publicación de ‘Not The Actual Events’ nos últimos días do 2016 todavía non se sabía se ese sería todo o novo material que veríamos por parte de Nine Inch Nails no curto prazo. As letras crípticas e misteriosas deste EP facían entrever que podería ser un anticipo dun novo disco de longa duración. Sen embargo mediante un email enviado pola banda aos seus fans informouse que ‘Not The Actual Events’ era a primeira parte dun proxecto que estaría conformado por tres EPs. ‘Add Violence’, publicado o 21 de xullo do 2017 foi a súa continuación.
Se no primeiro EP podíamos atopar un son sucio e agresivo, en ‘Add Violence’ percibimos un certo cambio estilístico xa dende os primeiros momentos de ‘Less Than’. Cunha línea de sintetizador que lembra aos sons oitenteiros do debut ‘Pretty Hate Machine’, esta canción é sen lugar a dúbidas o single por excelencia desta triloxía, capaz de manter a sensibilidade pop sen renunciar á densidade instrumental e a enerxía.
As letras nesta ocasión alónxase da introspección para adentrarse no terreo político aínda que dende unha posición máis ambigua que en cancións anteriores da banda como ‘The Hand That Feeds’ ou ‘Capital G’. Nunha época na que moitos artistas estadounidenses critican abertamente a Donald Trump, Trent Reznor aposta por criticar a anomalía social que hai detrás da elección do presidente republicano e do auxe de movementos como a alt-right.
En ‘The Lovers’ baixan as revolucións. A instrumentación minimalista pero rítmicamente complexa serve de base para unha voz que mediante susurros referencia ao comezo de ‘Dear World,’ do EP anterior coa frase “everyone seems to be asleep but me”. É a partires deste momento cando o arco narrativo desta triloxía comeza a vislumbrarse. Lembrando por momentos a trama da serie de David Lynch ‘Twin Peaks’, os soños semellan confundirse coa realidade para un personaxe que busca negar a natureza do mundo que o rodea mediante o desexo de espertar do pesadelo. A liberación que supuxo a fin de ‘Not The Actual Events’ continúa en ‘Add Violence’ con letras como “I’ve slipped out of time again leaving all of you behind and I’m free”.
En ‘This Isn’t The Place’ as atmósferas vólvense todavía máis densas e escuras nun tema case instrumental, que conta moi pouco coas palabras pero que consegue transmitir moito coa música, anticipando o comezo de ‘Not Anymore’, a canción máis dura, disonante e pesimista do EP. O protagonista volve a sentirse atrapado de novo, retomando os sentimentos de alienación e voltando a negar a realidade na que se atopa neste momento ao grito de “I can’t seem to wake up”.
‘The Background World’ comeza de maneira máis pausada e electrónica. Retomando a ollada máis ampla que abría o EP en ‘Less Than’ ao abordar a situación dende un punto de vista colectivo en lugar da primeira persoa característica da maior parte do traballo de Nine Inch Nails. Resulta especialmente interesante a referencia ao concepto de ‘Bleedthrough‘, o album no que Reznor traballou tras a publicación de ‘The Fragile’ e que sería abandoado para posteriormente lanzar ‘With Teeth’. Reznor definía a narrativa de ‘Bleedthrough’ en 2004 como “unha exploración da perda e posible descubrimento do eu, xunto con capas alternativas de realidade e percepción dentro dun pesadelo do que non se pode espertar”.
O final de ‘The Background World’ consistente nun loop dun momento previo da canción, repetido unha vez tras outra, fóra de tempo e cada vez cun son máis degradado lembrando o proxecto ‘The Disintegration Loops’ de William Basinski. As máis de cincuenta repeticións ao longo de case oito minutos atópanse lonxe de ser unha escoita sinxela ou agradable para o oínte, máis ben todo o contrario. Sen embargo este final funciona como ferramenta narrativa capaz de transmitir esa sensación de estar atrapado nun pesadelo, reforzando desta maneira a forte compoñente conceptual desta triloxía.

Nine Inch Nails – Add Violence
8.1
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.