Nine Inch Nails voltan á senda instrumental con ‘Ghosts V-VI’

Release Date
26 Marzo, 2020
Discográfica
Autoeditado
Xénero
Dark Ambient
Our Score
8

Segunda semana de corentena. A meirande parte da poboación atópase pechada nas súas casas para evitar a expansión dos contaxios dunha pandemia que asola xa ao mundo enteiro. As poucas saídas da casa que están permitidas acostuman a ser as imprescindibles viaxes ata os supermercados, onde a xente acude con luvas de plástico e máscaras a mercar os alimentos imprescindibles. Nalgún momento as nosas vidas convertéronse no guión dunha película de catástrofes, desas que sempre acostumaban a semellar tan tópicas e esaxeradas pero que destacan pola súa banda sonora.

Coa corentena boa parte da cultura tamén parou. Salas de concertos, cines ou librarías deixaron de abrir as súas portas por un tempo indefinido. Porén os artistas non se están limitando a tomar un descanso. Durante estes días foron moitos os músicos que realizaron concertos en streaming a través de internet. Só era tempo de que algún comezaran a lanzar música inspirada polos acontecementos actuais. O primeiro foi, como non, Bono de U2, cunha canción tan tópica e esquecible como cabería esperar. Agora, por sorpresa e en forma de descarga gratuita, chegaron os dous novos discos de Nine Inch Nails.

Estes dous traballos continúan a serie titulada Ghosts, cuxos primeiros catro volumes foran lanzados en 2008. Conformados por composicións instrumentais dun corte máis ambiental do habitual para Nine Inch Nails. Considerados como un lanzamento menor no seu momento, Ghosts I-IV foi un disco que rematou por revolucionar o panorama das bandas sonoras en Hollywood, abrindo a porta a Trent Reznor e Atticus Ross a ser uns dos compositores máis solicitados do cinema estadounidense actual e mesmo a gañar un Oscar.

Por se fora pouco, unha canción de Ghosts I-IV tamén foi a base que serviu como xerme para a canción Old Town Road de Lil Nas X, que o ano pasado chegou a converterse no número 1 que máis tempo reinou no alto das listas musicais en toda a historia. Razóns demais para non cometer os erros do pasado e non subestimar estes dous novos discos da serie Ghosts.

A diferencia do álbum lanzado en 2008, estes novos traballos teñen un título tanto para cada volume como para cada unha das cancións, indicando que hai unha compoñente conceptual anteriormente ausente, algo que queda claro unha vez escoitados estes dous discos. Ghosts V: Together é o traballo máis esperanzador da parella. Con longas composicións marcadas por un son etéreo, transmite en todo momento un certo optimismo nostálxico e meditativo.

As pezas que conforman este disco buscan explorar estas emocións en profundidade, xogando de maneira constante coas texturas e as melodías de piano que por momentos lembran aos sons de artistas como Brian Eno ou Boards of Canada. Cun total de 8 pistas, a duración total deste álbum supera a hora e dez minutos, sendo Apart composición máis longa lanzada por Nine Inch Nails ata a data.

Por outra banda, Ghosts VI: Locusts é todo o contrario. As quince cancións deste disco transmiten unha enorme sensación de ansiedade e de ameaza constante mediante o uso de pianos desafinados, sintetizadores, samples e unhas trompetas que continúan a influencia jazzística que xa se comezara a abrir paso en Bad Witch (2018). Locusts é un disco complicado de escoitar sobre todo nestes momentos, xa que é a banda sonora perfecta para a realidade tan desconcertante que estamos a vivir estes días, pero é precisamente aí onde se atopa a súa xenialidade.

Sumando máis de dúas horas e media de música entre os dous discos, resultaría practicamente impensable que Trent Reznor e Atticus Ross compuxeran a totalidade destes dous discos dende que esta pandemia chegou aos Estados Unidos, porén, tal e como reflexaron na mensaxe coa que anunciaron o lanzamento, si que influíu de cara a dar o último impulso para rematar e lanzar estas cancións. Ghosts V e Ghosts VI son por tanto un produto do seu tempo.

Soamente o tempo dirá se estes dous novos traballos terá unha influencia similar á que os catro primeiros volumes de Ghosts tiveron na música ao longo de toda unha década. Porén, o que si queda claro é que estes dous novos discos, a pesar de ter un son todavía máis pausado e ambiental, resultan traballos moito máis cohesionados, que funcionan moito mellor como álbumes pensados para a súa escoita de principio a fin, en lugar de conformar exclusivamente unha colección de cancións, dotando dunha nova perspectiva a esta serie de traballos instrumentais.

8
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.