No Tengo Mamá: Un ano máis de autoedición detrás do MARCO

O No Tengo Mamá é un festival diferente de todos os demais celebrados en Vigo. Seu nome resulta moi axeitado, xa que este evento serve de punto de encontro para todo tipo de creadores enmarcados no ámbito da autoedición. Para eses editores de fanzines ou músicos que graban seus propios cassettes e que en certa maneira son os esquecidos dun panorama artístico imposible hoxe en día en Galicia.  Unha serie de creadores orfos en certa maneira, que converten este festival no seu fogar durante dous días.

Surxido do colectivo Seara Records, o No Tengo Mamá celebrou este ano a súa cuarta edición. Como xa é habitual, o mercadiño do festival situouse tralo Museo de Arte Contemporáneo de Vigo, que últimamente expón de todo menos arte debido as políticas municipais. Sempre mantendo o espírito DIY por diante de todo, o No Tengo Mamá é como unha festa da cultura máis underground, feita sen grandes aspiracións comerciais pero con todo o cariño dos seus creadores. Grazas a estes sinais de identidade este festival estase a converter nunha cita obrigada que crece ano tras ano. Desta vez, ata 37 artistas e colectivos diferentes encheron as mesas do No Tengo Mamá coas súas obras autoeditadas.

Alicia Tizón

Máis alá dos postos, como todos os anos o festival contou cunha ampla variedade de actividades paralelas. As 16:30h da tarde do venres deu comezo a mostra colectiva ASA NISI MASA na cal participaron os artistas do mundo do comic Bráulio Amado, Dunja Jankovic, Alexander Medel, Bettina Henni, Begoña García-Alén, Antoine Orand e Julien Gobled. A continuación presentouse a revista CuCo de de crítica e estudo dos comics ao mesmo tempo que as artistas plásticas Unamesa e Tayone comezaron unha intervención conxunta improvisada que abarcaría as dúas xornadas do festival e que foi finalmente sorteada entre os asistentes. As 18h arrancou tamén Grandfunken, o obradoiro de José Quintanar, artista centrado no debuxo contemporáneo.

As propostas musicais que se achegan cada ano ao No Tengo Mamá son tamén outro dos seus principais atractivos. Desta volta, os concertos do festival arrancaron coas actuacións do pop experimental de Galope Mestizo que pecharon interpretando a canción coa que se promocionou esta edición do No Tengo Mamá. A portuguesa María Reis foi a seguinte en subirse ao escenario, en solitario, mais apoiada polas bases electrónicas que acompañaban á súa voz e a súa guitarra. A afluencia de público era cada vez maior, chegando ao seu cenit no concerto de Rayotaser, os encargados de pechar a primeira xornada cunha actuación de electropop con tintes oitenteiros e ritmos bailables.

Alicia Tizón

O sábado a programación arrincou xa a mediodía co obradoiro infantil MiniCómic impartido por Begoña García-Alén, o concerto da electrónica chill KadettGSI e a pinchada de Yuraq Walla. Xa pola tarde, María Medem, José Quintanar, Julia Huete e Carla Berrocal participaron no coloquio Todo é moi complicado en realidade, moderado por Gerardo Vilches no que se conversou sobre o cómic contemporáneo. Os concertos da tarde deron comezo coa actuación de Los Manises, un dúo de guitarra e baixo que complementaron seu son con bases electrónicas dando como resultado un amalgama estilístico único. Os vigueses Jay foron os seguintes en actuar, presentando o pop abstracto e psicodélico do seu disco ‘Fuimos Nosotros’, mentres que as guitarras distorsionadas de Cuello pecharon o festival.

Por segundo ano consecutivo non se celebrou o concurso de videoclips co que acostumaba concluír o No Tengo Mamá, o cal era sen dúbida outro dos momentos máis destacados deste evento. Sen embargo o festival mantén o seu espírito ano tras ano e consolídase como un evento imprescindible no peche do verán vigués ao que esperamos poder voltar o próximo ano.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.