O ano da explosión da música urbana galega

É innegable que o 2020 foi un ano que todas e todos queremos esquecer, mais dende Balea gustaríanos recordalo polo que pagou a pena. Alén das nosas habituais listas de final de ano, vemos conveniente resaltar o 2020 como o ano no que a música urbana deixou de ser unha novidade para converterse nun xénero establecido no noso país, no que saíu á luz unha grande colleita de publicacións de discos, sinxelos e videoclips que, quizais polo parón da pandemia, ficaron sen a difusión que merecen.

Dentro de toda a oferta musical que houbo no último ano en Galicia, o ‘urbano’ marcou a diferenza postulándose como un dos xéneros máis prolíferos e escoitados, pois foi case imposible escapar da “Muinheira de Interior” de Boyanka Kostava e o “Oie Gayego” de Verto, chegando ao primeiro posto dos temas máis escoitados nalgunhas provincias, ou desacolaboración estrela entre Mundo Prestigio e Grande Amore, entre outros moitos artistas que retumbaron nos nosos altofalantes durante os últimos 12 meses.

Xa non debería sorprender a ninguén o auxe da música urbana no mercado da música actual. Un termo que adoita empregarse para englobar xéneros como o reggaeton, o trap, o hip hop, o R&B e un sinfín de xéneros e estilos que se entrecruzan pero que representan, cada un coas súas particularidades, diferentes construcións culturais.

É por iso que se orixinou un debate arredor desta etiqueta tan abarcadora como homoxeneizante, e que hoxe en día semella algo obsoleta. Dende medios musicais como Remezcla, que insta a deixar de usar esta categoría, ata declaracións por parte de artistas como Tyler The Creator na última entrega dos premios Grammy, ou a realidade no noso propio país coa categoría Músicas urbanas dos Premios Martín Codax da Música, que acolleu durante o ano propostas tan dispares como son entre si KaixoMundo Prestigio e Laura LaMontagne e Pico Amperio.

Mais este é un debate aparte que se queredes retomamos outro día. Eu polo de agora, ao menos para este artigo, vou empregar o concepto urban para falar deste tipo de música na que os límites entre xéneros están cada vez máis desdebuxados e na que algúns artistas intentan fuxir doutras etiquetas como é o caso do trap, por exemplo.

Kaixo é un deses artistas urbanos que para desvincularse das etiquetas creou a súa propia, o new-punk. O vigués é dende hai varios anos unha das figuras máis destacadas desta escena galega. Cofundador do colectivo Banana Bahía Music, separados no 2020, e organizador das festas trap Overdose en Vigo, durante o último ano Kaixo publicou un par de sinxelos e tomou unha dirección musical máis acorde ao punk estreándose á fronte de YOUCANTHIDEo seu novo grupo con Kings of the Beach.

Esta actitude máis punk do urban é compartida por outros artistas da escena como o tamén vigués Lokker, que aposta por menos autotune e máis atmósferas próximas ao rock para acompañar as súas letras nihilistas.

En paralelo, foi agromando en Galicia unha pequena escena con moita variedade en canto a sonoridade e diversidade de artistas. Sad Damn Hosse Lean e Delaría Squad (O Grove), FØ Records e C Mirazo (Negreira e Brión), Los Buenos e Ola Perdida Squad (O Salnés e Vigo), Burgas Vandal e La Pepa & Rich Bitch (Ourense), Ama Befana (Compostela), son algúns dos expoñentes do novo trap galego, alén dos xa consolidados como Kaixo ou Boyanka Kostova. Aínda que algúns deles, de novo non teñen nada.

Sen contar aos vigueses Banana Bahía, considerados os pioneiros do trap estatal, os comezos do trap galego (e en galego) remóntanse aos anos 2015 e 2016, cando artistas como Chave de Carballo (C Mirazo), Colly Cliff de Barreiros Gang, Ola Perdida ou Boyanka, quen sen dúbida foi a cara máis visible do fenómeno, comezaron a facer música trap con aquelas sonoridades que viñan dos Estados Unidos, dándolle identidade galega.

Unha identidade propia cun imaxinario que pode diferir do que se ten no resto do estado: dende a cosmovisión rural e retranqueira nalgúns temas de Boyanka Kostova e FØ Records á temática do narcotráfico presente en Sad Damn Hosse Lean e O Portughés, mais, por suposto, saíndo tamén deses estereotipos. Así, moitos destes artistas urbanos fan un autorretrato do localtrasladando á música os gustos e rutinas propias da mocidade galega con algúns elementos máis ou menos representativos desta, como pode ser o Xabarín Club, o amor pola verbena ou a universitaria noite compostelá, hoxe confinada pola pandemia e que mesmo intentaron recrear a golpe de reggaeton.

As colaboracións entre eles tamén son parte do éxito desta escena galega. Moitos artistas xúntanse entre eles para producir cancións xuntos e sumar reproducións. Unha das súas marcas é precisamente esa irmandade: facer colabos e mostrar tamén nas letras a súa admiración cara outros artistas, sobre todo aos que consideran referentes.

Boyanka Kostova soando na disco (Rebolando x ti, de Verto)

Como Ortiga tesme acostumbrao (Sandungueirada, de TIAM Gz x Julia)

Moi duro no tramo con Ola Perdida (Chicane, de FØ Records con Camel B. & goodboy.Xd)

De feito, en moitas cancións os feats son os verdadeiros protagonistas; sexa Grande Amore con Ortiga, Verto ou Mundo Prestigio, ou discos repletos de colaboracións como as referencias do colectivo Los Buenos, nas que teñen participado algunhas voces femininas como Ama Befana (en Stay Out Vol. 1 de Wave B) ou Txuki Camanho (en Fonte de O Portughés).

Aínda que existen referentes femininos (Wöyza, por exemplo) e cada vez van aparecendo máis artistas urbanas, bótase de menos unha maior consolidación destes proxectos para acadar un asentamento na escena e que axude tamén á aparición de novas voces. Isto probablemente teña que ver coa falta de visibilidade e pouco coñecemento que se ten dos artistasurbanos en Galicia. E por iso escribo estas liñas. Este artigo intenta capturar esa labor, a de cubrir eses proxectos aínda descoñecidos e, á súa vez, recoñecer aqueles artistas que lograron un maior alcance.

Algunhas das voces femininas da música urbana galega xorden do ámbito dos movementos sociais como o colectivo Mulheres na Batida, de onde saíron artistas como Menina Arroutada co seu hip hop ecléctico ou Glitchgirl, que combina o trap con música electrónica ou o que ela chama “bacalao con gritos”.

Dentro desta liña máis combativa poderíamos situar tamén á Rabela, que acaba de publicar o seu primeiro traballo, Que prenda a faísca, e que é para nós un dos traballos máis destacables do ano, con cancións que mesturan electrónica, hip hop, regueifa e incluso un pouco de tradi.

Da mestizaxe tamén se serve a prolífica cantante viguesa High Paw, que mestura o reggae de raíz coa influencia da música urbana e o hip hop contemporáneo.

Fóra deste ámbito, atopamos manifestacións máis pop en canto ao son e a estética. Unha das artistas urbanas galegas actuais máis ou menos coñecidas, aínda que non lle poñamos cara, é Sleepy Spice. Sabemos dela o que pon na súa bio nas redes, que fai cancións co móbil. Nelas, atopamos sonoridades máis pop como “Outro lado”, mais tamén achegamentos ao trap en “huji hoe” ou tamén no reggaeton con “Abur”.

Outra que coquetea con estes sons é Mariagrep, dende un trap máis melódico e pousado ao bedroom pop con reverb. María ademais forma parte da banda de dani, unha artista viguesa que estreou disco en 2020 ano e que, xunto ao tamén vigués Sen Senra, estase a converter nunha das figuras pop máis sonadas no estado.

Nesta liña pop encadraríamos tamén a Verto, o dúo compostelán que co seu primeiro álbum Puro Ocio, a medio camiño entre a música disco e o pop e tamén algo de trap, converteuse na banda sonora de miles de mozos e mozas galegas que, como canta o grupo nun dos seus temas, “todos se queixaban que faltaba isto en galego”.

Outro artista que fai música urbana, que precisamente colaborou con Verto, é Rhome. Este artista emerxente lanzou no último ano dous temas de reggaeton en galego, aínda que entre as súas referencias se atopan outros xéneros urbanos que agardaremos con interese.

Dentro desta vertente reguetoneira, atopamos propostas con letras máis incendiarias e explícitas como as de Ama Befana,coas que a artista intenta definir un universo propio caracterizado pola provocación e un estilo raxeta similar ao de trapeiras como La Zowi.

A artista, afincada en Compostela, converteuse en 2020 nun dos nomes máis prometedores da escena actual, con cortes como ‘3 AM’ e a súa adhesión ao selo A Melona co produtor Charli Gómez, a súa carreira deu un paso cara adiante nun xiro cara o trap e o reggaeton escuro.

Outra das mostras do reggaeton galego, vén da man do trapeiro C Mirazo con temas como “Dime”, do seu EP Nada Novo. O de Chave de Carballo ofreceunos tamén durante o último ano un dembow dominicano rompepistas en galego, “Dallecarabaixo”.

Aínda que o estilo de Gallego se afaste máis do trap latino, as súas influencias do hip hop da Costa Oeste combinadas co seu clásico freestyle, confírenlle a este artista galego unha identidade propia moi interesante. Destaca especialmente o seu EP Entre bateas pola ría, un dos tres EPs totais que sacou no 2020 xunto a unha morea de sinxelos, no cal predomina o son g-funk e no que podemos atopar cortes do filme galego Entre Bateas.

Entre bateas tamén andan os rapaces de Los Buenos, o colectivo de trap feito da unión dos colectivos Ola Perdida Squad de Caldas de Reis e The Weird Players de Vigo. Está formado polos MCs O PortughésO Neno BaskoWave B, Clioenllamas e Lil’ Kid, entre outros.

Entre as súas referencias, o disco A Fonte do Portuguhés, que o confirma como unha das caras máis interesantes e capaces do urban nacional. O de Caldas, ademais de ser un habitual nas colaboracións entre rapeiros da escena, sacou en 2020 outros hits como “O vran no Salnés”, do EP homónimo con O Neno Basko, un tema de reggaeton que ben podería estar firmado por J Balvin.

Outro colectivo de trap, FØ Records de Negreira, deixou unha forte pegada na música urbana galega do 2020. Del forman parte os rapeiros og coulombgoodboy.XdPuto RumeinianCamel B. e dramakid, que debutaron coa mixtape O club do pitillo, con 14 temas que van dende o drill e un trap máis melódico ata algún tema de reggaetón, e que incluén colaboracións con outros artistas da escena como O Portughés ou Gallego.

Con propostas diferentes pero tamén ligadas ao urban galego, atopamos as influencias da música latina, tan en contacto coa nosa cultura como consecuencia de emigración a Latinoamérica.

Alén dos habituais Ortiga e Jinetes del Trópico, que arrasan nos festivais coa súa verbena moderna con ritmos caribeños, no último ano xurdiron propostas como La Buena Nueva, a banda capitaneada por Esteban (ex Esteban & Manuel) que revisita estilos latinos como o bolero; ou tamén, a “Sandungueirada” dos chantadinos TIAM Gz e Julia Vázquez, cunha mestura de salsa con trap.

Coa mesma actitude pachangueira atopamos proxectos como LORA, un dúo de música urbana da Coruña que lanzaron no 2020 o seu primeiro álbum, Lorazepam, e no que animaron ao outro dúo de referencia, os Verto Temazos, a seguir explorando a súa vertente latina coa canción “Comando Sabor”.

Outro que comeza a achegarse a estes ritmos é o moañes Wanna Dee, que tras levar varios anos sacando sinxelos como “Espiral” ou “Bonitas lágrimas”, publicou no último ano o seu LP debut OFF/me, con nove temas que se moven entre o trap melódico e distintos ritmos urbanos e tropicais como o R&B e o dancehall, con producións de Sebastian Black, The Lost Beat e Underclock, entre outros.

R&B tamén corre polas veas da galega It’s Soul, que a través doutras influencias como o jazz e o soul, esta artista urbana está a ofrecer un son cun estilo propio, que a levou a partillar escenario con artistas como Yugen Blakrok, a principal expoñente feminina do hip hop sudafricano. 

Outra cara visible do soul e o R&B galego, é a viguesa Luadsant. Afincada actualmente en Londres, a artista mestura osritmos urbanos con influxos tropicais das súas raíces brasileiras. Sinxelos como “Gemini” ou a recente “Used to it” preséntana como unha das promesas máis firmes do panorama musical.

Máis fusión urbana atopámola na tamén viguesa e establecida en Londres Sila Lúa. Cunha proposta marcadamente experimental, esta artista está a ser recoñecida pola prensa internacional con apenas un par de sinxelos. Cun estilo escuro e alternativo, entre os temas que lanzou en 2020 destaca especialmente “De Balde”, no que revisita o poema homónimo de Rosalía de Castro con tintes urbanos e beats electrónicos. Un estilo que pode recordar ao de Laura LaMontagne na súa reinvención do folclore galego con ritmos electrónicos cheos de matices e atmósferas diversas.

Sei que deixo algúns artistas polo camiño, mais a produción urbana en Galicia é tal que para falar de todas estas músicas precisaría anos. Algúns deles como Mundo Prestigioos superhoeres da música urbana galega en Los Vengadores ou os dous novos EP de Malandrómeda, un deles reseñado aquí, xa lles seguimos a pista nesta web.

Toda esta remesa de músicas urbanas foi sen dúbida algunha, unha das bocaladas de aire máis frescas e diferentes que puidemos desfrutar en 2020 de música en Galicia. O mellor desta emerxente escena urbana é que ten o poder e o potencial de ser levada a niveis moito máis elevados e insólitos, dos que moitos destes artistas xa deron mostras levando o xénero cara camiños verdadeiramente interesantes, dende as fusións coa música tradicional e a experimentación vangardista con samples, ata enmarcarse dentro de propostas tan particulares como o new-punk.

Así que vos deixamos unha selección con algunhas das novidades urbanas máis interesantes e orixinais que viron a luz durante o último ano, e que vos aseguramos que merece a pena descubrir e seguir para cando, ao fin, volvan os concertos e podamos compartir bailes e desfrutar desta nova e diversa escena galega da que agardamos máis música e moitos éxitos no 2021.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.