O ‘Diluvio’ de Tanxugueiras chegou pra quedar

Escribir sobre ‘Diluvio’ non é sinxelo. A diferencia da gran maioría de discos que se estrean cada venres, o impacto cultural e social do novo das Tanxugueiras en Galicia xa quedou máis que patente. As novas cancións de Aida Tarrío e Olaia e Sabela Maneiro chegaron como un terremoto, poñendo de patas arriba a escena musical galega e enchendo escenarios ao longo de todo o Estado. Independentemente da súa calidade, ‘Diluvio’ está chamado a ser o disco galego máis importante dos últimos anos.

Sempre se dixo que os terceiros discos poden ser capaces de marcar a carreira dun artista. Resulta sorprendente o número de bandas que se reinventaron nos seus terceiros traballos así como o de proxectos que tras o éxito dos seus primeiros álbumes comezaron a perder seu tirón. Non cabe xa dúbida que Tanxugueiras se enmarcan no primeiro grupo. ‘Diluvio’ supón un cambio radical para o son do trío de pandeireteiras. Despois de dous discos onde recollían a tradición galega engadindo pequenos elementos máis modernos que aportaban frescura a seu son, desta volta se adentraron por completo na fusión, cunha produción moito máis electrónica.

Ao longo de pouco máis de media hora, as pandeiretas e as voces de Aida, Olaia e Sabela entrelázanse con sons de sintetizadores, baterías, percusións electrónicas, guitarras e os versos do rapeiro Rayden. Todo iso para dar forma a dez cancións con letras cargadas de mensaxes reivindicativas, sociais nas que Tanxugueiras reivindican a súa identidade como mulleres e como galegas. Tan só en ‘Sorora’ optan por reducir a instrumentación por completo aos ritmos das pandeiretas.

Con todo o impacto de escoitar ‘Diluvio’ como un traballo completo non é tan grande como cabería esperar, probablemente porque as tres mellores cancións que o compoñen, “Midas”, “Figa” e “Terra” publicáronse nalgún caso hai xa máis dun ano e co furor provocado Eurovision durante o Benidorm Fest soaron na televisión, na radio e coláronse nas principais listas de reprodución das plataformas de streaming. Entre o novo material destacan a enérxica ‘Arica’, que abre o disco tras a introdución instrumental de ‘Treboada’ e a máis escura e melódica ‘Desidia’, mentres que ‘Fame de Odio’ foi a elexida para promocionar o lanzamento do disco como último sinxelo.

‘Diluvio’ é sen lugar a dúbidas un disco atrevido, aínda que despois de tres anos de espera, os numerosos adiantos que o precederon fan que a súa media hora de duración pode saber a pouco. Ademáis, algúns dos sons e efectos engadidos na produción que buscan dar unha capa máis moderna ás súas cancións por momento poden semellar algo xenéricos. Cabe preguntarse se dende que o trío de pandeireteiras comezou a traballar nestas cancións hai máis dun ano adaptaron seu son ante a explosión do fenómeno eurorvisivo xa que pezas como ‘Midas’ mantiñan moitos máis elementos tradicionais que outras como ‘Averno’ ou ‘Pano Corado’.

En certa maneira seu anterior traballo, ‘Contrapunto’, era un disco moito máis cru, puro e emotivo que ‘Diluvio’, aínda que non tivo nin unha mínima parte do impacto que este novo álbum, e o maior éxito que están a conseguir Tanxugueiras estes meses é a súa capacidade de levar a música, a cultura e a lingua galega por todo tipo de escenarios. Independentemente da calidade técnica deste disco, das notas ou estrelas coas que se poda puntuar, a música galega precisaba estas cancións.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.