O metal de Deftones soa máis atmosférico que nunca en ‘Ohms’

Release Date
25 Setembro, 2020
Xénero
Metal Alternativo
Discográfica
Reprise Records
Our Score
6.7

Que unha banda xurdida na escena do nu metal da segunda metade dos anos 90 lanze un traballo destacable a día de hoxe é todo un éxito, e o novo disco de Deftones merece ser reseñado. O noveno traballo da banda estadounidense chega catro anos despois de Gore, un álbum esquecible que pasara desapercibido para moitos dos seus seguidores, que agora ven neste Ohms un dos mellores traballos da carreira de Deftones.

As dúas caras da banda atopan un punto de equilibrio neste novo disco, onde o metal e os sons mais escuros e ambientais, inspirados polo shoegaze británico e mesmo bandas dos anos 80 como The Cure presentes no son de Deftones dende discos como Around the Fur (1997), atópanse máis entrelazados que nunca.

A primeira canción de Ohms semella por momentos facer referencia a isto, cunha instrumentación na que as guitarras cheas de distorsión conviven cos sintetizadores e Chino Moreno canta sobre rexeitar dúas posicións opostas para acadar un equilibrio capaz de supoñer todo un renacer. Unha letra críptica que tanto pode entenderse tanto como unha referencia ao son da propia banda como ao clima político dos Estados Unidos.

A segunda pista do disco, Ceremony, comeza pausada cunha guitarra marcando un ritmo con suavidade que de súpeto estoupa para dar paso a uns estribillos cheos de enerxía sobre os que Moreno canta de forma máis melódica. En Urantia, o disco pega un acelerón a través dun potente riff de guitarra que abre a pista, e que se entrelaza con seccións moito máis ambientais e melódicas, cunha grande sensación de espacio e melodías pegadizas mentres Moreno canta “I swear I’m losing it” sobre as guitarras distorsionadas. Á metade da pista, un ritmo electrónico recén saído dos anos 90 irrumpe para dar paso a uns riffs todavía máis agresivos e un potente ritmo de batería que pechan a canción.

En Error as grandes protagonistas son as guitarras, cheas de disonancias que a dotan dun son estridente e caótico. O baixo golpea os altavoces como se se tratase dun martelo mentres que a batería e a voz sosteñen a canción. Neste punto o disco segue a gañar ritmo. As estrofas desta canción resolven en climáticos estribillos, e cara o final, a voz cóbrese de reverberación mentres Moreno canta “I kept drowning, I kept floating” para dar paso a unha sección máis experimental.

The Spell of Mathematics é unha canción máis escura, con voces fantasmagóricas interpretando liñas como “I believe your love has placed it’s spell on me” sobre unha base musical cuberta de distorsión e sintetizadores sinistros. O seguindo tramo da canción é prácticamente instrumental, con guitarras cheas de ecos que transmiten un son saído do espacio. Pompeji tamén remata de maneira instrumental, de forma case cinemática, con sons de sintetizadores e gravacións de gaivotas despois de que as últimas liñas cantadas por Moreno fosen “We choke om the water, then repent”. Pola contra, a canción comezaba cun ritmo roto nas súas estrofas que contrastaba coa potente instrumentación dos seus estribillos.

The Link is Dead enlaza oerfectamente coa pista anterior pero subindo todavía máis a intensidade, con guitarras agudas e estridentes que comparten espazo na mistura cos berros de Chino Moreno. Porén, en Radiant City a fórmula deste traballo comeza a parecer un pouco repetitiva. Aínda que o inicio case shoegaze de Headless e os intensos riffs da canción Ohms permiten manter o interese da proposta deste álbumo ata o final.

O último disco de Deftones é unha escoita cohesionada, cunha proposta interesante dentro do panorama do metal alternativo, cunha ampla paleta de sons e unha produción diferente onde o agresivo e o ambiental conseguen ir da man. Porén, dalgunha maneira estas composicións transmiten en todo momento ser o produto doutro tempo. Por ben confeccionado que estea o son de Ohms é un traballo que continúa de maneira interesante propostas xa existentes sen abrir novos camiños. Con todo ben merece unha escoita, pode que non sexa o mellor disco da banda, pero si un dos seus lanzamentos máis inspirados.

6.7
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.