Complicado ano musical se nos vén enriba. Con poucas expectativas de poder celebrar concertos e festivais, os músicos téñenno difícil para conseguir sacar rendemento aos seus esforzos creativos. Porén a música non se pode confinar, e este 2021 promete un bo pulso de lanzamentos que saciarán aos nosos oídos cando máis o necesitan.
Este ano, Balea decidiu deixar fóra algúns dos traballos musicais máis esperados. Falamos do novo de Rihanna, de Kendrick Lamar, de Frank Ocean, de Cardi B ou de SZA. Porque máis que agardar que cheguen este 2021, desexamos desasperadamente que cheguen, a secas. Esperamos que antes de que remate a década. Por iso, achegamos unha escolma que máis que facer tirarnos dos pelos da expectación, traen esperanza.
CARNAGE
Nick Cave & The Bad Seeds
Nos primeiros días do ano, Nick Cave confirmou que se atopa inmerso no estudio, gravando o álbum sucesor daquel imperdible Ghosteen (2019). Polo momento, non puidemos desfrutar dun adianto deste novo traballo, mais esperamos con ilusión a uns máis que maduros Bad Seeds que sigan a etérea, profunda e emocional liña que iniciaran con Skeleton Tree (2016).
Chemtrails Over the Country Club
Lana Del Rey
2020 non foi un bo ano para Lana Del Rey. E custa crelo, despois de alcanzar o pico máis álxido da súa carreira con Norman Fucking Rockwell! (2019). Pero especulacións e viperinos chismorreos aparte, cómpre estar atentos ao novo que Del Rey nos vai ofrecer. Aínda que os dous adiantos –Let Me Love You Like a Woman e o tema que dá nome ao disco- nos deixaran algo fríos, queda moito por descubrir.
Little Oblivions
Julien Baker
Pasaron xa máis de tres anos dende que Julien Baker publicara o seu disco Turn Out the Lights, un traballo de folk cunha beleza sorprendente e unha instrumentación tan complexa como fascinante para o xénero, firmado por unha artista que apenas tiña 21 anos de idade. Este mes de febreiro chega a súa continuación, Little Oblivions, cargado con 12 cancións nas que esperamos poder sumerxirnos de novo na profunda música da cantante estadounidense.
Sound Ancestors
Madlib
Madlib non precisa acompañamentos vogais. Os seus traballos tanto en Piñata como en Bandana, xunto a Freddie Gibbs falan por si mesmos e son tan destacables os discos con ou sen voces. Tamén en The Professionals, incluso non estando á altura deses traballos, mostrou un nivel superior á media. Este 2021, sen ningún tipo de intermediario, lanzará o seu primeiro álbum en solitario en 10 anos. Instrumental, si, pero esperando xa a saber todas as historias que será capaz de contar.
Título por determinar
Lorde
2021 semella, por fin, o ano no que poderemos escoitar o terceiro álbum de Lorde. Con Pure Heroine (2013) sorprendeu ao mundo e abriu un novo camiño para o pop feminino. Con Melodrama (2017), simplemente revolucionou a música e firmou un dos mellores discos da década. Polo de agora, Lorde foi deixando pequenas pistas e confirmou que xa tiña decidido o título do novo traballo.
Utopia
Travis Scott
O rapeiro vén anunciando desde o pasado outubro que se atopa traballando no seu cuarto álbum de estudio, Utopia, e asegurando que se publicará este ano. Tras o éxito de crítica e público do abisal ASTROWORLD (2019), Scott atópase cun listón extremadamente alto.
Título por determinar
Bala
Hai uns días, o dúo de rock galego pediu perdón no seu Facebook por ter que adiar os seus plans dun 2020 desastroso. Ánxela e Violeta non teñen nada polo que disculparse. Esperamos con ilusión (e paciencia) o novo de Bala, e esperamos o mellor 2021 para un dos grandes expoñentes da nosa música. Para que consigan sortear estes díficiles avatares aos que nos enfrontamos, e sigan a enorme estela de Lume (2017).
Título por determinar
St. Vincent
Baixo a máscara de St. Vincent, atópase o desmesurado talento de Annie Clark, quen declarou que o seu sexto álbum de estudio está listo para saír a finais de primavera ou verán. Adianta a artista que este novo traballo supera as liñas electrónicas do estupendo MASSEDUCATION (2017) e volve ás súas raíces; á música que leva escoitando durante toda a súa vida, como o Stevie Wonder dos 70 ou Sly.
XXXX
Danny Brown
O pasado outubro, Danny Brown lanzou un teaser de 30 segundos baixo as siglas “XXXX”, que engade un “x” ao furiosamente experimental XXX (2012). Veremos se Daniel Dewan decide volver aos seus inicios musicais ou continuar esa liña máis sobria e liricamente profunda que iniciou con uknowhatimsayin¿ (2019).
Título por determinar
La Buena Nueva
A finais do ano pasado, La Melona – Sello chivounos que unha das súas grandes promesas tiñan planeado publicar o seu primeiro EP a principios de 2021. O súper-conglomerado de músicos chegados de Esteban & Manuel, Trifulca e Puma Pumku promete novas enerxías latinas no panorama galego. Unha frescura que ben nos vai servir nun ano complicado para todos.