Otay:onii explora sonoridades do pasado e do futuro en ‘Míng Míng’

Release Date
22 Febreiro, 2021
Xénero
Post-Industrial
Discográfica
WV Sorcerer
Our Score
8.2

Durante os últimos anos a música tradicional voltou ao mainstream. Numerosos artistas ao longo de todo o mundo botaron a ollada atrás para engadir ritmos, melodías e instrumentacións das súas raíces para dar unha nova sonoridade ás súas cancións. A nivel estatal, Rosalía e seu disco ‘El Mal Querer’ (2018) foi o mellor exemplo deste movemento, misturando elementos do flamenco coa música urbana. Porén, co tremendo éxito deste disco, foron cada vez máis os artistas que repetiron esta fórmula unha e outra vez, facendo que o que nun primeiro momento soaba fresco, sorprendente e atrevido agora resulte seguro, reiterativo e as veces mesmo aburrido.

Con todo, esta volta cara música tradicional vai moito máis alá da influencia de Rosalía, o mainstream ou a fusión coa música urbana. O último disco da artista chinesa Lane Shi Otayonii, publicado baixo o nome Otay:onii e titulado ‘冥冥 Míng Míng’ tamén leva a un terreo moderno elementos da música da súa terra natal, que se abren un oco en cancións que se moven entre o ambient, o post-industrial e mesmo o noise. O resultado é un traballo que ofrece sonoridades únicas que reflexan a confusión e as contradicións dun país e un mundo no que a tecnoloxía avanza cada vez a un ritmo máis vertixinoso, transformando e distorsionando unha sociedade cunha das culturas máis antigas do mundo.

Míng 冥 é unha palabra chinesa que fai referencia a un lugar entre o noso mundo e o máis alá, onde as almas deambulan antes de reencarnarse. A palabra represéntase cun tellado na parte superior, un sol no medio e o número seis na parte inferior. Míng Míng 冥冥, que duplica a palabra e converte o significado nun estado onde ocorre o inexplicable enredo do pasado e do futuro, un estado onde o espazo que describimos como presente abre o portal da memoria na transformación, mutación e sublimación.

‘From Me II to Me’ abre o disco cun instrumento de corda Cuberto de reverberación cavernosa e desoladora, entre a que a voz aparece como un berro distante que dota dunha sensación de agresividade e violencia á canción. Contrasta co misticismo de ‘Child No.22’, unha pista que semella a medio camiño entre unha canción para durmir a un bebé e a banda sonora dunha película de cyberpunk, especialmente cara a segunda metade, cando unhas percusións industriais aparecen na mistura, acompañadas de sons mecánicos. Estes elementos contrapóñense coa dulzura do resto da instrumentación que lembra a unha vella caixa de música evocando imaxes distópicas e sobrecolledoras.

‘Through Death A Cup of Coffee’ trae consigo sons todavía máis industriais. De súpeto Otay:onii sitúanos no interior dunha factoría, onde o ritmo incansable da maquinaria serve de base para as súas melodías vocais que a medida que avanza a canción soan cada vez máis distorsionadas como se fosen perdendo a súa humanidade entre unha instrumentación cada vez máis cacofónica. ‘Subhuman Sings’ comeza precisamente cun pequeno fragmento vocal recortado e reproducido de forma mecánica que tras varios intentos da paso a unha das cancións máis accesibles do disco, cantada desta vez en inglés.

Porén, o tramo máis fascinante do disco comeza da man de ‘Blackheart Breakables’. Sobre un sutil pero frenético ritmo escondido nas profundidades da mistura, unha misteriosa armonía da forma a esta canción que mantén unha tensión constante que non deixa de crecer durante máis de tres minutos nos que Otay:onii berra e susurranos ao oído ao mesmo tempo, ata que unha impoñente batería aparece da nada rachando con todo. As sonoridades futuristas, distópicas e industriais aprópianse do disco no seu momento máis escuro e aterrador, que resulta especialmente abrumador ante o contraste coa canción anterior.

‘Intentions and Emotions’ emula a estrutura da pisa anterior, comezando de forma máis pausada cun piano ecualizado para soar máis antigo do que probablemente, sobre o que escoitamos a voz de Lane Shi máis espida que en ningún outro momento do disco. No seu tramo final, de novo aparece unha enérxica e mecánica percusión gañando todo o protagonismo. Con todo, desta volta, o piano non deixa de tocar en ningún momento, polo que a súa chegada resulta moito menos chocante.

O peche do disco con ‘Un deciphered’ resulta outro dos momentos máis destacados de todo o traballo. Despois dun inicio cheo de ruidos tecnolóxicos e agresivos, a canción transfórmase para dar paso á composición máis fermosa deste ‘冥冥 Míng Míng’, unha especie de balada etérea cunha instrumentación que non deixa de crecer, engadindo capas e capas ata colapsar no seu tramo final, voltando ao caos inicial coa atrevida decisión de despedir ao álbum dende o ruido máis absoluto.

Ao igual que o xénero do cyberpunk no audiovisual atopou inspiración no choque de culturas e nos contrastes entre a tradición e a modernidade de cidades como Hong Kong, onde as fronteiras entre oriente e occidente parecían difuminarse como resultado dun mundo imperialista e globalizado, dando forma a algunhas das icónicas imaxes de filmes como ‘Blade Runner’ (1982) ou ‘Ghost in the Shell’ (1995), ‘冥冥 Míng Míng’ contrapón estes mesmos elementos para evocar paisaxes sonoras engaiolantes, as veces fermosas, as veces agresivas. Trátase dun disco que reflexiona sobre a identidade, sobre o futuro e sobre o pasado a través da súa instrumentación e a voz de Lane Shi, rachando con calquera tipo de barreira que poda supoñer o idioma, ofrecendo unha escoita única.

8.2
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.